domingo, 25 de febrero de 2018

I COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM, ORTHEZ:24-25/02/2018

Esta fin de semana tivo lugar na localidade francesa de Orthez a primeira das competicións da Liga Española de Slálom.
O club organizador, o Atlético San Sebastián, recorreu a esta canle francesa, na que adestra habitualmente, para celebrar esta primeira Copa e España.
 O club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con oito palistas, dous dos cales foron en calidade de abridores, para coller experiencia e adestrar, pero non puntuando para o club.
 Esta competición ten gran relevancia, pois xunto coa que se celebrará en Mondariz, vai determinar os palistas que formaran parte do proceso selectivo nacional no que se seleccionará o equipo nacional de slálom 2018.
O sábado celebráronse as probas clasificatorias , cunha segunda baixada de repesca para os que non deron entrado en semifinais. E na mañá do domingo semifinais e finais.
As representantes femininas do club, non deron entrado en finais, rematando Laura Alonso en décimo quinto lugar en K1 Sénior e Ariadna Pereira sexta en K1 Cadete.
 Os catro representantes masculinos pasaron a semifinais, rematando en moi bo lugar.
Emilio Rodríguez, na categoría K1 Veterano, fixo unha gran baixada nas clasificatorias, tendo serias opcións a medalla, pero na final foi algo lento e rematou quinto.
 Manuel Ochoa, en K1 sénior, a categoría máis numerosa e igualada, rematou nun impresionante quinto posto, a pesar de non estar no seu mellor momento por problemas de saúde.
 Brais Castro, en C1 sénior, fixo unha boa clasificatoria e conseguiu entrar en semifinais , onde fixo unha gran baixada, rebaixando en varios segundos a do sábado, pero que non lle permitiron facer final por apenas dous segundos, rematando oitavo.
Luís Fernández, tamén en C1 sénior, tivo unha impresionante actuación esta fin de semana, tanto o sábado coma o domingo demostrou o seu bo momento, rematando en segundo lugar, por detrás de Daniel Marzo e por diante do olímpico Ander Elósegui. A vindeira cita co slálom será en Mondariz, onde o club Tea organizará a 2ª Copa de España, tamén puntuable para o selectivo nacional.

 

domingo, 4 de febrero de 2018

II COPA GALEGA DE SLÁLOM, SALVATERRA: 04/02/2018

Este domingo celebrouse en Alxén, Salvaterra de Miño, a II Copa Galega de Slálom, correspondente a Liga Galega de Slálom, a que o Club Deportivo Miño acudiu con 11 deportistas. Ao igual que a semana anterior, os resultados non puideron ser mellores.
Na categoría sénior, Brais Castro foi o gañador en C1 e segundo en K1, superado solo por Axel Afonso do club Tea, Laura Soutelo gañou en K1 e Marina Ruedas foi segunda.
Na categoría cadete, Ariadna Pereira foi segunda en C1 e K1, por detrás de Roxana Bernárdez do Tea.
Na categoría Infantil, Ainhoa Barreiro gañou en K1 e  en C1, Alba Soutelo foi segunda tamén en K1 e C1, Samuel Castro gañou en C1 e foi segundo en K1, Sergio Rodríguez primeiro en K1 e terceiro en C1 e Alexis Segadaes rematou terceiro en K1.
Inmellorable, pois, a participación do Club Deportivo Miño, cun total de 15 podios, dos cales 6 foron ouros, 7 pratas e 2 bronces.
Na clasificación por equipos, o Piragüismo Penedo foi o gañador, seguido do Tea de Mondariz e no terceiro lugar os Teixugos.
A vindeira cita co slálom para os teixugos será o 24 e 25 deste mesmo mes na localidade francesa de Orthez onde se celebrará a primeira Copa de España.
Para ver máis fotos preme AQUÍ