domingo, 27 de junio de 2021

2ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, O ROSAL: 27/06/2021

    Despois da paréntese da tempada pasada a causa da COVID-19, este ano estase retomando a competición con normalidade. Este domingo, nas augas do río Tamuxe, no concello do Rosal, os máis pequenos do slálom galego déronse cita na 2ª Copa Galega de Promoción de Slálom, organizada polo Club Deportivo Miño-Teixugos. Máis de 70 deportistas das categorías pre-benxamín, benxamín, alevín e infantil, acudiron ao evento, oito deles representando ao Deportivo Miño. 

    En K1 Pre-benxamín Feminino, Lara Muíños fixo o segundo mellor tempo, conseguindo a medalla de prata, a súa compañeira Itzel del Río rematou quinta. En K1 Benxamín Feminino, Leila Álvarez foi a gañadora e a súa irmá Nerea rematou segunda, ouro e prata para elas. En K1 Benxamín Masculino, Alejandro Barreiro rozou o podio coa súa cuarta posición, o seu compañeiro Lois Montenegro rematou quinto, e Leo Álvarez noveno. En K1 Infantil Masculino, Pedro Lomba foi sétimo. 

    Tres medallas, por tanto, para os teixugos nesta 2ª Copa de Promoción, pero o máis importante é que todos eles desfrutaron do seu deporte favorito , facendo exercicio e novos amigos nun entorno privilexiado.

     Na clasificación por equipos o gañador foi o Club Montaña Quixós de Monforte de Lemos; o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou en cuarto lugar. 


 

domingo, 20 de junio de 2021

2ª COPA DO MUNDO, MARKKLEEBERG: 17 A 20/06/2021


 

Nova cita de Luís Fernández, o canoísta de Salceda, membro do Club Deportivo Miño-Teixugos, coa competición internacional. Luís, o único galego no equipo nacional sénior de slálom, participou na 2ª Copa do Mundo de Slálom, celebrada do 17 ao 20 de xuño na localidade alemá de Markkleeberg. 

O venres fixo a súa primeira baixada para optar a unha das vinte prazas de semifinais en C1 masculino que se xogaban nesta eliminatoria. Luís rematou o percorrido de forma rápida e sen penalizacións, co décimo mellor tempo, que o meteron directo en semifinais sen necesidade de ir á repesca. 

Despois de descansar sábado, o domingo intentou estar entre os dez mellores para meterse nas finais. Comezou o percorrido, cun total de 25 portas, moi rápido e con tempo de finais, pero un toque na porta 15, descentraron a súa marcha e fixeron que tomara a porta 16 de maneira un tanto forzada, metendo apenas a cabeza, o foi que penalizado con 50 segundos que o deixaron fóra de finais. Luís rematou esta copa nunha máis que digna vixésimo sexta posición. 

Baixada en semifinais  

Baixada en clasificatorias

domingo, 13 de junio de 2021

1ª COMPETICIÓN DA LIGA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, A FREIXA: 13/06/2021

Este domingo, nas augas do río Tea, na praia da Freixa en Ponteareas, celebrouse a 1ª Competición da Liga Galega de Promoción de Slálom. O Club Deportivo Miño acudiu ao evento cunha representación de nove pequenos deportistas, que e superaron e deron o mellor de si mesmos, pero sobre todo, e o máis importante, e que pasaron unha mañá diferente e divertida, facendo amigos e actividade física.

 En K1 Feminino prebenxamín, Lara Muíños foi a gañadora e Itzel del Río terceira, ouro e bronce para as nosas deportistas máis novas. 

En K1 Feminino benxamín, as irmás Leila e Nerea Álvarez foron ouro e prata, respectivamente. 

En K1 Masculino prebenxamín, Tiago Rey, rematou segundo, medalla de prata, por tanto. 

En K1 Masculino benxamín, Alejandro Barreiro foi quinto, Lois Montenegro, sétimo, e Leo Álvarez octavo. 

En K1 masculino alevín, Javier Lluch acadou a medalla de prata. 

Bo comezo da liga galega de promoción para o Deportivo Miño, que rematou a xornada con cinco podios. Na clasificación por equipos, os gañador foi o Montaña Quixós de Lugo con 277 puntos, seguido polo Tea de Mondariz con 256 puntos e no terceiro lugar o Club Deportivo Miño-Teixugos con 153 puntos. 

Fotos, Federación Galega de Piragüismo 






 

 

COPA DO MUNDO DE SLÁLOM, PRAGA: 10 A 13/06/2021

Do 11 ao 13 de xuño celebrouse en Praga unha das Copas do Mundo de Slálom, ao que acudiu o equipo nacional de slálom.

 O teixugo Luís Fernández foi o único integrante galego , concretamente un dos tres representantes en canoa ou C1. 

O venres comezou a súa participación cunha primeira baixada algo lenta, cun tempo de 101,25 segundos, quedando fóra das semifinais; na segunda tentativa, fixo un percorrido rápido e sen penalizacións, cun tempo de 96.34, que o meteron en semifinais co terceiro mellor tempo. 

Os trinta mellores canoístas do mundo déronse cita nas semifinais na mañá do domingo para intentar acadar un dos dez postos das finais. Luís fixo unha boa baixada, rematando décimo cuarto que o deixaron fóra das finais, pero nunha moi boa posición. 

 Foto Norbert Aguilera