lunes, 1 de mayo de 2023

3ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM-2ª COPA DE KAYAK CROSS, PAU: 29/4/2023 A 1/5/2023

 A canle de augas bravas da localidade francesa de Pau acolleu esta fin de semana a 3ª Copa de España de Slálom e a 2ª Copa de Kayak Cross. Competicións de gran importancia pois ao longo dos tres días os resultados puntuaban para os selectivos do equipo nacional tanto de slálom como de kaiac cross. Os mellores deportistas españois da modalidade acudiron a cita pola súa gran transcendencia.
 O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con catro piragüistas que remataron cun balance de catro medallas e dous postos na selección española. 
 Luís Fernández, en C1 sénior, fixo unha soberbia competición. Tanto sábado como domingo fixo unhas baixadas rápidas e sen fallos, que lle valeron a medalla de prata na competición do sábado e o ouro no domingo. Dados os seus grandes resultados na segunda e terceiras copas de España, Luís, a falta de confirmación oficial, formará parte do equipo nacional de slálom na modalidade de canoa.  
Manuel Ochoa, en K1 sénior, non tivo os mellores selectivos este ano. A sorte e as decisións arbitrais parecen non querer acompañar ao teixugo. Tanto na primeira como na segunda competición pasou a finais, e, xa nelas non deu acadado o podio, rematando quinto nos dous días. Nos selectivos, a falta de confirmación oficial, logrou praza no segundo equipo nacional de K1. 
 Emilio Rodríguez, en K1 veterano, tivo unha gran actuación alzándose co ouro nos dous días. 
 Alba Soutelo, en C1 sénior, categoría na que se estrea este ano, fixo dúas boas baixadas pero non deu accedido a finais, rematando duodécima nos dous días. 
 Gran balance para os Teixugos con tres medallas de ouro, unha de prata nesta terceira Copa de España de Slálom. 
 O luns disputouse a 2ª Copa de España de kayak cross. Esta especialidade está collendo cada vez máis relevancia pola súa espectacularidade e polo feito de estrearse como modalidade olímpica en Paris 2024. 
Do Club Deportivo Miño-Teixugos participaron Alba, Manu e Luís. 
 Alba Soutelo fixo un gran papel, superando a contra reloxo e cuartos de final. Rematando nun impresionante quinto lugar. 
Luís Fernández despois de supera a contra reloxo caeu en cuartos de final e acabou noveno.
 Manuel Ochoa fixo o terceiro mellor tempo da contra reloxo, gañou a súa serie de cuartos, pero caeu en semifinais, rematando sétimo. Queda pendente de confirmar se obtivo praza no equipo nacional desta modalidade. 
 Cabe destacar a gran progresión dos deportistas galegos desta modalidade. Resaltar as actuacións de Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez do Piragüismo Penedo que acadaron medallas e un posto na selección nacional de C1 e Axel Afonso do Tea de Mondariz que acadou a medalla de bronce na modalidade de K1.