domingo, 29 de agosto de 2021

CAMPIONATO DE ESPAÑA "JÓVENES PROMESAS", SABERO:28 e 29/08/2021

Esta fin de semana celebrouse en Sabero, León, o Campionato de España “Jóvenes Promesas” de Slálom, no que só participan deportistas das categorías cadete e infantil. No sábado tiveron lugar as clasificatorias, dúas mangas, das que se colle a que teña mellor tempo. O domingo foron as finais, os dez primeiros deportistas de cada categoría pasaron a disputar a final A, e os restantes a final B, pois a función principal de esta Liga e potenciar e promocionar o slálom entre os máis novos.

 O Club Deportivo Miño-Teixugos, acudiu con tan so tres deportistas, os tres de categoría cadete masculino. 

Adrián Lluch participou en C1 e K1. En C1 na primeira clasificatoria rematou décimo sétimo e na segunda décimo sexto, pasando, por tanto, á final B onde foi sétimo. En K1, categoría moito máis numerosa, rematou vixésimo quinto nas dúas mangas, e na final B, remontou uns postos e acabou décimo terceiro.

 Mateo Rivas participou en K1, na primeira manga ocupou o vixésimo lugar e na segunda o décimo noveno. Na final B do domingo foi décimo. 

Antón Fernández, tamén en K1, nas mangas clasificatorias rematou trixésimo terceiro e trixésimo oitavo. Na final B rematou décimo quinto.

Un bo papel o feito polos deportistas do Deportivo Miño, pois aínda son cadetes de primeiro ano, e un ano no slálom supón moita diferenza. 

 Tamén se celebrou o campionato por federacións autonómicas de patrullas. Os Teixugos fixeron unha única patrulla en k1 cadete. Mateo, Adrián e Antón remataron en décimo lugar. 

Resaltar que na clasificación final por equipos a federación galega ocupou o terceiro lugar, por detrás das federacións vasca e catalá. 


 






 


 

 

domingo, 22 de agosto de 2021

CAMPIONATO DE EUROPA JÚNIOR E SUB-23, SOLKAN, ESLOVENIA: 19 a 22/08/2021

Esta semana celebrouse en Solkan, Eslovenia, o Campionato Europeo de Slálom Júnior e Sub-23. Os mellores deportistas europeos de cada categoría déronse cita nas augas do río Soca. Desde o xoves 19 ata o domingo 22 tiveron lugar as diferentes competicións: canoa ou C1, cáiac ou K1, de maneira individual e por equipos e slálom extremo ou boater cross. 

Dous representantes do Club Deportivo Miño-Teixugos superaron os selectivos e acadaron unha praza para este evento, Manuel Ochoa, en K1 sub23 e extremo, formando parte do equipo español e Alexis Segadaes, en K1 júnior, como integrante do equipo portugués. Os dous teixugos comezaron a súa competición o xoves 19 coas clasificatorias de K1. 

Alexis, único representante júnior da federación portuguesa, na súa primeira experiencia internacional, fixo unha primeira baixada correcta, pero moi lenta, en 141,3 segundos, que o deixaron lonxe de clasificarse para semifinais, na segunda baixada, cunha penalización de 50 segundos tampouco tivo opción de entrar. 

Manuel Ochoa, no seu primeiro intento, cun tempo de 102,18 segundos, quedou fóra de semifinais a só un segundo de conseguilo. Na segunda baixada, moito máis rápida, en 98,81 segundos, foi quen de meterse. O sábado intentou buscar un lugar nas finais, as que pasan os dez mellores. Fixo un bo circuíto, 95,80 segundos, pero un toque na porta 19, con dous segundos de penalización, deixárono fóra de finais, rematando finalmente no vixésimo lugar. 

O venres tivo lugar a competición por equipos, Manu, xunto con Pau Etxaniz e Miquel Travé, conformaron o equipo español de K1 sub-23. Nesta modalidade faise final directa, nela os tres integrantes deben facer o circuíto e entrar na meta xuntos. Os tres baixaron absolutamente compenetrados, rapidísimos e sen fallos, e cun tempo de 105,86 segundos, remataron terceiros por detrás de Francia e Italia. Medalla de bronce para os tres, nun podio moi axustado, xa que a diferencia de tempos entre franceses, italianos e españois foi de menos de un segundo. 

Neste Campionato Europeo celebrouse por primeira vez de forma oficial o Campionato de Europa de caiac extremo, tamén chamado boater cross. Esta é unha nova e espectacular modalidade de slálom que se estreará como categoría olímpica en París 2024. Catro piragüistas, saltan dende unha rampla ao mesmo tempo, e enfróntanse nunha carreira moi rápida, nun circuíto no que deben pasar varias portas e un esquimotaxe, os dous primeiros en pasar a meta clasifícanse para a seguinte fase e os dous últimos quedan eliminados. 

Nesta modalidade, na que se baixa de catro en catro, so poden entrar 16 atletas na competición, para facer a selección dos 16 mellores, na tarde do venres baixaron o circuíto de maneira individual, clasificándose os 16 máis rápidos. Manuel conseguiu entrar co segundo mellor tempo. Durante a tardiña do sábado celebrouse a competición propiamente dita, Manuel foi eliminando contrincantes, superando cuartos de finais e semifinais. Nas finais entrou en terceiro lugar , o que lle valeu a súa segunda medalla de bronce neste campionato. Impresionante palmarés para o tomiñés, que volve de Eslovenia con dúas medallas de bronce no Campionato Europeo. 

Neste europeo outros tres deportistas galegos, os tres do Piragüismo Penedo, acompañaron a Manuel na selección española. Borja González en extremo, que se quedou nas clasificatorias; Daniel Pérez en C1 que acadou finais e rematou noveno en individual e sexto por equipos e Ainhoa Lameiro en C1 que rematou vixésimo cuarta en individual e acadou a medalla de prata por equipos. Grandes resultados para o slálom galego, e moito mérito para os nosos representantes, que se atopan todos adestrando na canle da Seu D´Urgell, a máis de mil quilómetros dos seus fogares, ao non contar Galicia cunha canle de augas bravas. 







 

Final por equipos 

 

Final en boater cross

domingo, 15 de agosto de 2021

4ª COMPETICIÓN DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, DUMBRÍA: 15/08/2021

Este domingo celebrouse en Dumbría a cuarta competición da liga galega de promoción de slálom. Os máis pequenos dos clubs galegos déronse cita nas augas do Xallas. A pesares do gran auxe que vive o slálom galego nas categorías superiores, a promoción non pasa polo seu mellor momento, en Dumbría tan so cincuenta e sete dorsais tomaron a saída. 

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con oito deportistas que loitaron, gozaron e se superaron a si mesmos. 

En K1 muller prebenxamín, Itzel del Río foi cuarta. 

En K1 benxamín muller, as irmás Leila e Nerea Álvarez, remataron primeira e segunda respectivamente, conseguindo, por tanto, as medallas de ouro e prata. 

En K1 prebenxamín home, Tiago Rey acadou o quinto lugar. 

En K1 benxamín home, Lois Montenegro foi quinto, Alejandro Barreiro sexto e Leo Álvarez sétimo. 

En K1 home infantil, Pedro Lomba rematou en sexta posición. 

Na clasificación final por clubs, o Deportivo Miño Teixugos foi quinto. 


 

lunes, 9 de agosto de 2021

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM EXTREMO E SLÁLOM OLÍMPICO, SORT: 6, 7 e 8/08/2021

 


Os días 6, 7 e 8 de agosto celebrouse na localidade catalá de Sort a máis importante das competicións da Liga Española de Slálom, o Campionato de España. Despois da suspensión o ano pasado por mor da COVID, este ano retomouse contando cunha elevadísima participación e xerando gran expectación na poboación do lugar. 

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cun equipo ben numeroso, formado por 13 deportistas, que desfrutaron da competición e deron o mellor de si mesmos. 

Na xornada do venres, celebrouse por primeira vez o Campionato de España de Slálom Extremo, que será deporte olímpico en Paris 2024. Trátase dunha modalidade moi vistosa e espectacular, na que os deportistas baixan un circuíto de catro en catro, clasificándose os dous primeiros e quedando fóra os dous últimos, ata que so queden catro nas finais. 

Comezouse cunha baixada en liña recta, na que se clasificaron para cuartos de final os dezaseis deportistas máis rápidos de cada categoría. 

 Laura Alonso, en mulleres sénior, quedou a un posto de meterse en cuartos, rematando décimo séptima. 

 En mulleres xuvenil, Ainhoa Barreiro quedouse en cuartos de final e Alba Soutelo chegou a semifinais, moi preto de facer finais. 

En homes sénior, Brais Castro non superou as clasificatorias, Luís Fernández si o fixo, caendo en cuartos de final e Manuel Ochoa fixo o mellor tempo nas clasificatorias, gañou con claridade a súa ronda de cuartos, e nas semifinais tamén gañou con claridade, pero unha penalización ben dubidosa dunhas das xuizas, deixárono fóra da final. 

En homes xuvenil, Mateo Álvarez e Alexis Segadaes caeron nas clasificatorias mentras que Sergio Rodríguez as superou co segundo mellor tempo, caendo en cuartos, por non trazar de forma correcta dúas das portas. 

Na clasificación final por equipos o Deportivo Miño Teixugos rematou en cuarto lugar. 

Podedes ver a espectacularidade deste campionato no seguinte vídeo:

 

O sábado deu comezo o Campionato de España de Slálom Olímpico, cunha elevadísima participación, un total de 295 dorsais, entre eles os catro olímpicos, Maialen Chorrault, Nuria Villarrubla, Ander Elósegui e David Llorente, que xeraron grande expectación entre o público. 

Ao longo de toda a mañá disputáronse as clasificatorias, onde os deportistas intentaron acadar un lugar nas semifinais. 

Xa pola tarde, tiveron lugar as competicións por patrullas ou equipos formados por tres piragüistas do mesmo club, que deben facer o circuíto xuntos. Os Teixugos participaron con tres equipos. 

En C1 sénior, Luís, Brais e Emilio foron octavos. En K1 sénior masculino, Manuel , Sergio e Alexis remataron en noveno lugar. O equipo formado por Laura, Ainhoa e Alba, fixeron dobre baixada, en caiac e canoa, en K1 foron novenas, e en C1, sextas. A súa foi a única representación feminina galega en patrullas, o que pon de relevo a necesidade dunha campaña a favor do deporte feminino na nosa comunidade.

 Podedes ver toda a competición no video seguinte:

 

 E, na mañá do domingo, rematou este maratoniano torneo coas semifinais e finais individuais de slálom. 

En K1 sénior, Manuel Ochoa, fixo unha moi boa competición, superando sen problema clasificatorias e semifinais, e , xa nas finais, fixo unha baixada rápida e sen penalizacións, en 91,85 segundos, rematando segundo, por detrás do vasco Joan Crespo e acadando a medalla de prata. Tamén se xogaba nesta competición unha praza para o Campionato de Europa Júnior e sub-23, praza que finalmente tamén foi para Manu, ao ser o sub-23 mellor clasificado. 

En C1 sénior, Luís Fernández, con serias aspiracións a medalla, superou sen problemas clasificatorias e semifinais, e xa nas finais, fixo unha boa baixada, sen fallos, pero algo lenta, rematando en quinto lugar. Na mesma categoría, Brais Castro, superou as clasificatorias e a piques estivo de meterse nas finais, rematando undécimo. 

En K1 veteranos Emilio Rodríguez finalizou sexto. 

En K1 xuvenil, Sergio Rodríguez meteuse en semifinais, pero unha penalización nunha porta, deixárono sen finais, rematando décimo séptimo. Na mesma categoría, Alexis Segadaes, ao igual que Sergio superou as clasificatorias, e caeu nas semifinais, tamén por unha penalización e rematou décimo noveno. Este torneo, ademais de Campionato de España, era selectivo para a federación portuguesa, e grazas a súa boa baixada en clasificatorias, Alexis, teixugo de nacionalidade portuguesa, acudirá ao Europeo Júnior en representación do seu pais. 

Tamén participaron nesta categoría Mateo Alvarez, Adrián Lluch, Rui Malheiro e Antón Fernández, os máis benxamíns e menos experimentados do equipo, que o deron todo, pero non foron quen de superar as clasificatorias.

 En K1 sénior feminino sénior, Laura Alonso, acadou semifinais, rematando décimo séptima. 

En K1 xuvenil, Ainhoa Barreiro, tamén chegou a semifinais, acabando en décimo quinto lugar. 

Alba Soutelo, tivo dobre participación, en K1 e C1 xuvenil. Acabando décimo cuarta en semifinais nas dúas categorías. 

Bo balance para o Club Deportivo Miño, cun gran equipo e nun moi bo momento, que lle valeu un cuarto lugar na clasificación por clubs neste Campionato de España. 

Para ver fotos das xornadas, preme na imaxe.