domingo, 28 de agosto de 2016

5ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM EN GOIÁN-28/08/2016



Este sábado a partir das tres da tarde tivo lugar no río Miño en Goián, a quinta competición da Copa Galega de Promoción de Slálom organizada polo Club Deportivo Miño-Teixugos, que tamén formou parte da Liga portuguesa de Esperanças de Slálom. Seis clubs galegos e catro portugueses participaron neste evento cun total de 130 deportistas de oito a doce anos. Esta é a primeira vez que se celebra este tipo de competición nas augas do Miño en Goián, onde aproveitando a marea alta se montou o circuíto para nenos e nenas.

Coma sempre as cosas foron ben para os Teixugos. En alevín Ainhoa Bareiro foi ouro en K1 e C1, e Alba Soutelo prata en C1 e bronce en K1, Sergio Martínez foi ouro en K1 e prata en C1 e Samuel Castro ouro en C1.En infantil Ariadna Pereira foi prata en K1 e C1. En cadete Laura Soutelo foi prata en K1 e Marco Patiño bronce tamén en K1. Independentemente do medalleiro, todos e todas o pasaron ben, desfrutaron de forma segura da auga, aproveitaron para facer amigos novos , dun lado e outro da fronteira ,ou para reencontrarse cos que xa se fixeron noutras competicións.

Na clasificación por clubs o Piragüismo Penedo de Caldelas foi primeiro, OTea de Mondariz segundo e o Club Deportivo Miño Teixugos teceiro.

A tempada para os máis pequenos rematará o 25 de setembro en Mondariz.
Para ver as fotos preme AQUÍ



 

sábado, 27 de agosto de 2016

TEIXUGOS NO CAMPIONATO DE EUROPA EN SOLKAN



      Do 25 ao 28 deste mes están tendo lugar os Campionatos de Europa de Slálom na cidade eslovena de Solkan. Dous piragüistas do Club Deportivo Miño entraron a formar parte do equipo nacional.


      Luís Fernández participou na modalidade C1 sub-23. Na maña do mércores fixo a súa primeira baixada, rematando décimo dun total de 40 participantes e pasando directo a semifinais. Na maña do sábado, nas semifinais, fixo unha baixada sen fallos, pero non deu entrado en finais, rematando décimo quinto. Manuel Ochoa participou en K1 júnior. Na mañá do mércores non se deu clasificado para semifinais na primeira manga, pero si na segunda, rematando vixésimo octavo dun total de 61 participantes. Na mañá do sábado, fixo unha baixada rapidísima e sen fallos que o meteu en finais na sexta posición. Xa na final, volveu facer outra baixada perfecta que lle valeu unha sexta posición no Campionato de Europa.


    No venres tiveron lugar as competicións por equipos, Luís formou parte do equipo español de patrullas C1 sub-23, xunto a Lluis Pares e Jordi Tebe, rematando duodécimos.


     Manuel formou parte do equipo español e patrullas K1 júnior, xunto con Nil García e Eneko Auzmendi, equipo que nos deixou as portas da medalla no mundial de Cracovia, e que no europeo se fixeron coa prata nunha baixada perfecta, con apenas dous toques de penalización, rematando segundos por detrás dos alemáns.


     Remata aquí unha tempada na que os Teixugos e os piragüistas galegos de augas bravas fixeron historia. Nunca tantos galegos foron quen de entrar no equipo nacional, o que da fe do bo traballo da Federación Galega e o Centro Galego de Tecnificación, e do seu adestrador Ekhi Diez. 

Parabéns a Ainhoa Lameiro e Miguel Angel Lorenzo do Penedo e a Luis Fernández, Brais Castro e Manuel Ochoa dos Teixugos, o slalom galego facendo historia!

domingo, 21 de agosto de 2016

CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM- RIBADUMIA-21/08/2016




Este domingo celebrouse en Ribadumia o Campionato Galego de Promoción de Slálom. Esta é a máis importante das competicións que conforman a Liga Galega de Promoción de Slálom, nela participan nenas e nenos das categorías benxamín, alevín e infantil.
Sete foron os “teixuguiños” que acudiron a cita. Ariadna Pereira, invatible esta tempada,  foi campiona galega en C1 e K1 infantil. Sergio Martínez, na categoría alevín, foi segundo tanto en K1 coma en C1. Na mesma categoría, Samuel Castro proclamouse campión galego en C1. Ainhoa Barreiro, tamén alevín, quedou segunda en canoa e campiona galega en caiac, a súa compañeira de categoría, Alba Soutelo, foi segunda en K1 e campiona en C1. En K1 benxamíns Adrián Lluch rematou quinto e Haritz Serrano sétimo. Inmellorable o balance final para o Club Deportivo Miño-Teixugos,con catro campións galegos, que lle valeron un segundo posto na clasificación final por equipos.







viernes, 19 de agosto de 2016

LUÍS E MANU RUMBO AOS EUROPEOS DE SOLKAN

Hoxe Luís Fernández e Manuel Ochoa partiron rumbo a localidade eslovena de Solkan onde terá lugar o Campionato de Europa de Slálom Júnior e Sub-23 a celebrar do 25 ao 28 de agosto.
Luís Fernández de Salceda de Caselas, formará parte do equipo español sub-23 de C1, modalidade na que o piragüista vai de xeonllos nunha canoa cun remo dunha soa pa. Tamén formará parte do equipo de patrullas C1 sub 23 xunto aos seus compañeiros Jordi Tebé e Lluis Parés.
O tomiñés Manuel Ochoa formará parte do do equipo español júnior K1, modalidade na que o piragüista vai sentado nun caiac cun remo de dúas pas. Tamén formará parte do equipo de patrullas k1 júnior xunto a Nil García e Eneko Auzmendi.
Luís e Manu no aeroporto de Vigo

A selección española júnior e sub-23 está formada por un total de 24 deportistas, a maioría deles das federacións vascas e catalás. Nesta ocasión catro galegos son os que deron entrado a formar parte dela. Ademais dos dous teixugos tamén acudiran Ainhoa Lameiro en C1 júnior feminino e Miguel Ángel Lorenzo en C1 júnior masculino do Club Piragüismo "O Penedo"
Luís, Manu, Ainhoa e Miguel
Moita sorte aos catro!!!

domingo, 7 de agosto de 2016

4ª COMPETICIÓN DA COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM NO ÉZARO-06/08/2016


     Este sábado tivo lugar no Ézaro en Dumbría a 4ª competición da Copa Galega de Promoción de Slálom, a que non faltaron os máis pequenos do Club Deportivo Miño. 
     Os resultados foron máis que satisfactorios para os teixuguiños. Ariadna Pereira acadou dous ouros nas categorías C1 e K1 infantil, Ainhoa Barreiro tamén ouro en K1 Alevín e prata en C1, a súa compañeira de categoría Alba Soutelo foi ouro en C1 e prata en K1; seguindo na categoría Alevín pero masculina, Sergio Martínez conseguiu ouro en caiac e prata en canoa por detrás de Samuel Castro que foi ouro.
     Seis primeiros postos e tres segundos son un moi bo resultado para estes pequenos deportistas
     Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou terceiro, sendo  gañador o Penedo de Caldelas seguido do Club Tea de Mondariz.