domingo, 31 de julio de 2016

2ª COPA DE ESPAÑA DE JÓVENES PROMESAS-SORT: 30-31/07/2016



     Despois dos bos resultados da semana pasada para o club Deportivo Miño no Campionato de España en Sort, esta semana tocoulle aos máis pequenos na Copa de España de "Jóvenes Promesas" celebrada na mesma localidade. 
     A nivel galego, nas competicións de promoción, participan tódalas categorías por debaixo de júnior, pero nas da liga española só entran cadete, Infantil A (nenos e nenas nacidos en 2002) e Infantil B (nenos e nenas nacidos en 2003). 
     A competición tivo lugar sábado e domingo. Cada día nenos e nenas fixeron dúas mangas, contando o mellor tempo das dúas como resultado final de cada proba. O resultado final da competición consistiu na suma dos puntos obtidos o sábado e o domingo: un primeiro posto suma 50 puntos, o segundo 46, o terceiro 43… 
     Aínda que os máis pequenos do club xa levan en Sort unha semana adestrando, na competición so puido participar Ariadna Pereira na categoría Infantil A, ao non ter idade suficiente os demais. Ariadna participou nas categorías C1 e K1 . En C1 quedou cuarta tanto sábado como domingo, o que lle valeu unha posición final de cuarta clasificada. En K1 o sábado rematou nunha impresionante segunda posición, o domingo aínda que non lle foi tan ben, rematou nun meritorio cuarto lugar. A suma de puntos dos dous días déronlle a terceira posición, e polo tanto unha medalla de bronce. 
      Grazas aos puntos acadados pola dobre participación de Ariadna os Teixugos remataron en novena posición por equipos, clasificación na que o Club Penedo de Caldelas rematou segundo e o Tea de Mondariz quinto; o que da fe do bo momento do slálom galego. 


domingo, 24 de julio de 2016

CAMPIONATO DE ESPAÑA, SORT: 23 E 24 DE XULLO DE 2016



Esta fin de semana tivo lugar en Sort o Campionato de España de slálom, a derradeira, e máis importante proba da Liga Española de slálom olímpico ao que acudiron cerca de 300 deportistas de toda España. Oito foron os piragüistas do Club Deportivo Miño que acudiron a esta cita.

A xornada do sábado foi dura, cun circuíto moi longo e cheo de dificultades. No domingo o trazado era moito máis rápido e non deu tantos problemas como o do día anterior. Para as clasificacións do campionato sumáronse os resultados dos dous días.

Laura Soutelo en K1 muller júnior remataría oitava o sábado e décima no domingo, o que lle valeu unha posición final de novena

Andrea González en K1 muller sénior, remataría undécima despois de ser décima no sábado e décimo segunda no domingo. Na mesma categoría Laura Alonso acabaría décimo quinta e décimo oitava, que lle valería ser décimo sétima na final.

Marco Patiño en K1 home cadete rematou o sábado vixésimo cuarto e décimo quinto o domingo, o que lle valeu a vixésima posición.

Brais Castro rozou o bronce, o sábado fixo unha baixada sen fallos pero lenta, acabando cuarto, e o domingo rematou terceiro cun bo tempo, pero que non lle deu para acadar o bronce, rematando cuarto.

Luís Fernández en C1 sénior, tivo unha mala tarde de sábado e fixo unha baixada moi boa pero algo lenta que o deixou oitavo, no domingo, moi rápido e sen fallos, quedou terceiro. Resultados que lle deron unha cuarta praza na categoría máis alta, e na que debutou esta tempada.

Luís e Brais participaron tamén na categoría C2 sénior, e non puideron ter mellor debut, pois fixéronse coa medalla de bronce.

Emilio Rodríguez, en K1 veteranos, fixo dúas boas baixadas nas que rematou terceiro e que lle deron un bronce neste Campionato de España.

Manuel Ochoa, en K1 júnior, foi segundo na tarde do sábado nunha baixada rápida e sen fallos e a segundo e medio o primeiro clasificado. No domingo rematou primeiro cunha baixada espectacular, rapidísima e sen penalizacións, que fixo que acabara como campión de España da categoría.

Bo final de tempada para os Teixugos na Liga Española de slálom, e para os clubs galegos en xeral, que cada ano fan mellor papel neste deporte dominado por vascos e cataláns.


sábado, 16 de julio de 2016

MUNDIAL SUB-23 E JÚNIOR- CRACOVIA: 12 A 17 DE XULLO DE 2016

     Ao longo desta semana tivo lugar en Cracovia, Polonia, o Campionato do Mundo Sub-23 e Júnior de slálom olímpico. Tres palistas do Club Deportivo Miño estaban convocados para formar parte do equipo nacional, sendo este un feito sen precedentes tanto para os Teixugos como para o piragüismo galego de augas bravas. Aínda que os tres fixeron unhas moi boas baixadas, sen fallos e moi rápidas, só Manuel entrou en semifinais e ningún deu entrado nas finais polo elevadísimo nivel da competición.

     Luís Fernández Pereira foi un dos tres representantes españois na modalidade de C1 Sub.23. Durante a mañá do martes fixo a súa primeira baixada, rematando no posto vixésimo sexto,que non lle permitiu entrar en semifinais, na segunda baixada de repesca tampouco foi quen de clasificarse, rematando vixésimo terceiro. Na mañá do sábado Luís formou parte do equipo nacional de patrullas C1 Sub-23, xunto con Jordi Tebe e Lluis Parés, rematando nunha meritoria oitava posición.

     Brais Castro competía en C1 Júnior. O martes, fixo unha primeira baixada mala na que rematou no posto cincuenta, que o deixou moi lonxe de semifinais. Ese mesmo día, na segunda manga de repesca fixo un espléndido recorrido que o deixou a apenas tres postos de semifinais nunha décimo terceira posición.

     Manuel Ochoa formaba parte do equipo K1 júnior. Na tarde do mércores foi quen de entrar directo en semifinais na décimo novena posición cunha moi boa baixada. Na tarde do venres celebráronse as semifinais, nas que rematou décimo sexto despois dunha baixada impecable, e a solo tres segundos de entrar nas finais. Na tarde do sábado, xunto cos seus compañeiros Eneko Auzmendi e Nil García, formaron o equipo de patrullas K1 júnior e fixeron unha baixada deslumbrante e sen fallos que os deixou nunha cuarta posición, a catro décimas de segundo da medalla de bronce.

     Destacar tamén que outra galega, Ainhoa Lameiro, do Piragüismo Penedo de Caldelas, formou parte da selección española, concretamente en C1 Júnior. A pesar da súa curta idade, aínda en categoría cadete, foi quen de entrar en semifinais, pero non en finais, rematando décimo oitava.

lunes, 4 de julio de 2016

JÓVENES PROMESAS ARFA: 2-3/7/2016 E CAMPEONATO ESPERANÇAS VIZELA 3/6/2016



    Esta foi unha fin de semana moi intensa para os máis pequenos do slálom. Por un lado na localidade ilerdense de Arfa tivo lugar a 1ª competición da Copa de España de Jóvenes Promesas. O Club Deportivo Miño-Teixugos só enviou a esta competición a Ariadna Pereira, que participou na categoría infantil, tanto en kaiak como en canoa.

    A Copa constou de dúas competicións cuxos resultados se sumaron para obter a posición final. Na competición do sábado Ari quedou segunda tanto en C1 coma en K1, no domingo acadou idénticas posicións. Estes magníficos resultados fixeron que volvera para a casa con dúas medallas de prata.

    Na clasificación final por clubs os Teixugos quedaron no oitavo lugar. Destacar o papel do Penedo de Caldelas que quedou en primeiro lugar e do Tea de Mondariz que quedou terceiro, o que da fe do magnífico momento que atravesa o slálom galego.

    Por outro lado, tamén acudiron os Teixugos ao Campeonato Nacional de Esperanças de Slalom, correspondente a liga portuguesa de slálom, e que se celebrou na localidade de Vizela no domingo. Os resultados non puideron ser mellores. Ainhoa Barreiro gañou en K1 Iniciado muller, Alba Soutelo foi segunda na mesma categoría e Samuel Castro rematou cuarto en C1 cadete, posto moi meritorio pois pola súa idade correspondíalle a categoría iniciado, é dicir dúas categorías máis baixo.