martes, 18 de octubre de 2011

OS TEIXUGOS CAMPIÓNS DA LIGA GALEGA DE AUGAS BRAVAS 2011

A Federación Galega de Piragüismo ven de publicar os resultados finais da tempada 2011, que acaba de rematar. Estes resultados obtéñense sumando as puntuacións obtidas por cada club nas distintas competicións deste ano.

Na Liga Galega de Augas Bravas, que comprende os resultados de slálom, promoción de slálom, descenso de augas bravas e estilo libre, o Club Deportivo Miño-Teixugos de Tomiño quedou primeiro cun total de 1177 Puntos, seguidos polo Club Montaña Quixós de Monforte de Lemos con 1092 puntos e en terceiro lugar o Club Piragüismo Dumbría con 1015 puntos.

Na clasificación final da Copa Galega de Slálom, na que se teñen en conta os resultados das catro competicións desta modalidade, o club tomiñés volve quedar primeiro cun total de 431 puntos, en segundo lugar quedou o Club Tea de Mondaríz con 421 e en terceiro lugar o Club Val Miñor de Nigrán con 408 puntos.

Na clasificación final da Copa Galega de Promoción de Slálom, na que se suman os puntos obtidos nas seis competicións de promoción, o teixugos repiten primeiro posto cun total de 645 puntos, seguido polo Montaña Quixós con 591 e polo Val Miñor con 584.

Por último, na Copa Galega de Descenso de Augas Bravas o Club quedou no quinto lugar por detrás do Club Fluvial o Barco, Club Montaña Quixós, Club Tea de Mondariz e o Club Fluvial de Lugo.

Pódense ver estas clasificacións premendo AQUÍ.

Engadir aquí que na competición de Dumbría, a última celebrada, houbo un erro no reconto final de puntos, quedando os Teixugos campións da Copa Galega, e non segundos como en principio parecía; correspondéndolle a segunda praza ao Tea de Mondariz.

Os Teixugos móstranse orgullosos deste logros, conseguidos co seu esforzo e a pesar do pouco apoio co que conta este fermoso deporte a tódolos niveis. Aínda que o Club ten a súa base en Goián, conta nas súas filas, ademais de tomiñeses, con xente do Rosal e da Guarda; por iso animan a tódolos nenos e nenas do Baixo Miño a que se anoten e comecen a practicar un deporte no que os amigos e a deportividade están garantidos.