domingo, 29 de mayo de 2016

3ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM, SABERO 27 e 28 de maio de 2016


Esta fin de semana celebrouse a 3ª Copa de España de Slálom Olímpico na localidade de Sabero, León, na nova canle de slálom construída no río Esla. 

O Club Deportivo Miño acudiu con oito piragüistas das categorías cadete, júnior, sénior e veterano: Marco Patiño , Laura Soutelo, Manuel Ochoa, Brais Castro, Laura Alonso, Andrea González, Luís Fernández e Emilio Rodríguez. Ariadna Pereira tamén participou, pero de abridora. 

A competición transcorreu ao longo de dúas xornadas, a primeira sábado e a segunda o domingo, sumándose os resultados das dúas. Todos os nosos deportistas deron o mellor de si mesmos, obtendo uns resultados que fai non moitos anos eran impensables no piragüismo de augas bravas galego. Catro foron os podios acadados: Emilio Rodríguez foi prata na categoría K1 veterano; Luís Fernández, o primeiro galego que optou a unha praza olímpica, acadou a medalla de ouro na categoría C1 sénior; Manuel Ochoa tamén ouro en K1 júnior e Brais Castro bronce en C1 júnior. Luís, Manuel e Brais forman parte do equipo nacional sub 23 que representarán a España no mundial que se celebrará en Cracovia no mes de xullo. 

Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou en cuarto posto, por detrás do Atlético San Sebastián, o Santiagotarrak de Irún e o Cadi Canoe-Kayak da Seu D´Urgell. 

Non foron as nosas as únicas medallas para os galegos, Sen Siras, Penedo, Tea e Dumbría tamén subiron o podio. Estes bos resultados débense en gran medida a boa labor que están facendo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra no que están becados 6 piragüistas adestrados por Ekhi Díaz.

domingo, 8 de mayo de 2016

3ª COPA DE SLÁLOM GALEGO-MAZARICOS- 7/5/2016




Este domingo celebrouse en Castrelo, Mazaricos, a 3ª Copa Galega de Slálom Olímpico correspondente a Liga Galega de Slálom. A competición, que comezou con moito retraso debido a un malentendido coas empresas eléctricas que controlan as augas do río Xallas, non puido ir mellor para os Teixugos.


Nunha tarde chuviosa e fría, e despois dunha longa espera agardando por un bo caudal de auga, tódolos deportistas deron o mellor de si mesmos. Andrea González gañou en K1 sénior e Laura Alonso quedou terceira na mesma categoría. Brais Castro en C1 sénior tamén acadou o primeiro posto; a mesma posición para Manuel Ochoa en K1 júnior na que ademais Brais Castro quedou terceiro. Outra gañadora na súa categoría foi Ariadna Pereira en K1 infantil. Tamén fixo podio Marco Patiño con unha segunda posición en K1 cadete.


A clasificación final por equipos estivo liderada polo Club Deportivo Miño cun total de 157 puntos, seguido polo Club Piragüismo Penedo de Caldelas con 150 e o Club Tea de Mondariz con 130.


A próxima cita dos Teixugos será nas augas do Esla na localidade leonesa de Sabero, onde se celebrará a 3ª Copa de España de Slálom os día 28 e 29 de maio.