domingo, 23 de enero de 2022

XII TAÇA IBÉRICA, COVAS: 22-23/01/2022

Despois dun ano de parón por mor da COVID-19, as augas do río Coura, na localidade de Covas, en Vilanova de Cerveira, volveron a acoller a xa emblemática Taça Ibérica de Slálom, concretamente a duodécima edición desta competición exemplo de traballo conxunto entre Galicia e Portugal. 
Máis de cen piragüistas se deron cita durante a fin de semana para disputar esta proba puntuable tanto para a Liga Galega como para a portuguesa. O sábado tiveron lugar as clasificatorias e o domingo semifinais e finais. O Club Deportivo Miño acudiu cun total de once deportistas, que desfrutaron nas augas do Coura acadando un total de seis medallas.
 En categoría feminina, Laura Alonso, en K1 sénior; Ainhoa Barreiro, en K1 Júnior; e Alba Soutelo en C1 Júnior resultaron gañadoras nas súas respectivas probas. Alba e Ainhoa participaron por dobre partida, e ademais do ouro, Alba foi cuarta en K1 e Ainhoa bronce en C1. 
 En categoría masculina, Brais Castro, en C1 Sénior, fixo o segundo mellor tempo das finais, obtendo unha medalla de prata. Alexis Esperança, en K1 Júnior, alzouse co ouro, ao facer o mellor tempo na final. Na mesma categoría, Sergio Rodríguez, que tamén aspiraba ao podio, rematou cuarto ao cometer un pequeno fallo na súa baixada e Mateo Álvarez quinto. En K1 sénior, Emilio Rodríguez acabou vixésimo. En K1 cadete Adrián Lluch foi quinto, Antón Fernández décimo e Rui Malheiro décimo cuarto. Catro ouros, unha prata e un bronce foron o balance final de medallas para o club.
 Na clasificación final por equipos, o Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador da proba, cun total de 214 puntos, compartindo podio co Tea de Mondariz con 168 e o Montaña Quixós de Monforte con 140. 
Para ver máis fotos preme na imaxe.


domingo, 2 de enero de 2022

1ª COPA GALEGA, MONDARIZ: 02/01/2022

     Este domingo, apenas estreado o novo ano, celebrouse en augas do río Tea, ao seu paso por Mondariz Balneario, a primeira das competicións da Liga Galega de Slálom. Nun día solleiro e cun circuíto longo e complicado, o club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con dez deportistas. 
Luís Fernández en C1 sénior, fixo a mellor baixada da categoría tanto en clasificatorias como en finais, e cun tempo de 102,36 segundos fíxose coa medalla de ouro. 
Manuel Ochoa en K1 sénior rematou a copa en segundo lugar cun tempo de 96, 64 segundos.
 Brais Castro tivo dobre participación na categoría sénior, en K1 rematou undécimo e en C1 quinto.
 Laura Alonso tamén dobrou participación en categoría sénior, a deportista do club deportivo Miño, foi a única representante da categoría, subindo ao podio en solitario, o que pon de manifesto a necesidade de campañas de promoción e fomento do deporte feminino: “Eu son a resistencia” comentou Laura con bo humor. 
Emilio Rodríguez en K1 veterano tamén fixo a mellor baixada da categoría, acadando outro ouro para o club. 
Ainhoa Barreiro, en categoría júnior, fíxose co ouro tanto en caiac como en canoa. 
En K1 júnior, Sergio Rodríguez, foi o gañador da proba, compartindo podio con Alexis Segadaes que rematou segundo, ouro e prata para os dous “teixugos”. Na mesma categoría Mateo Rivas foi cuarto e Adrián Lluch sétimo. 
 Inmellorable balance para o Club Deportivo Miño-Teixugos con sete ouros e dúas pratas. 
Na clasificación final por equipos remataron en primeiro lugar cun total de 192 puntos, por diante dos anfitrións e organizadores, o Club Tea de Mondariz con 180 e do Piragüismo Penedo con 116. 
Nesta mesma xornada tamén se celebrou a Primeira Copa Galega de Promoción que non contou con participación do club. 
Podedes ver  fotos de tódolos podios e participantes premendo na foto.