domingo, 26 de septiembre de 2021

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONDARIZ: 26/09/2021

Este domingo celebrouse en Mondariz o Campionato Galego de Promoción de Slálom. Os máis pequenos do slálom galego déronse cita nas augas do río Tea, na máis importante das competición da Liga Galega de Promoción. 
O Club Deportivo Miño acudiu con once piragüistas que desfrutaron e deron o mellor de si mesmos no evento. 
Javier Lluch, na categoría alevín, participou en cáiac e canoa. En C1 ou canoa, impúxose aos seus competidores cunha baixada rápida e sen penalizacións, en K1 ou caiác tamén demostrou as súas habilidades, rematando en segundo lugar. Dobre medalla, ouro e prata, polo tanto, para Javi. 
As outras dúas medallas foron para as irmás Leila e Nerea Álvarez en K1 benxamín. Nerea cunha baixada rápida e sen toques acadou a medalla de prata. Leila, tamén fixo bo tempo, pero os toques fixeron que rematara terceira. Na mesma categoría, Rita Olveiros, foi cuarta. 
Itzel del Río acabou en quinto lugar en K1 prebenxamín feminino. Na mesma categoría, pero masculino, Tiago Rei foi cuarto e Roque Olveira noveno. 
En K1 benxamín masculino, Lois Montenegro rematou sexto, Alejandro Barreiro oitavo e Leo Cortiñas noveno. 
Pedro Lomba, en K1 infantil , foi sexto. 
Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño rematou en cuarto posto. 
Bo balance para os Teixugos que viñeron para a casa con catro medallas, un ouro, dúas pratas e un bronce, nunha competición que pretende promocionar o piragüismo de slálom entre os nenos e nenas galegos, e, na que o máis importante, é que os máis pequenos gocen do deporte e da actividade ao aire libre.






CAMPIONATO DO MUNDO, BRATISLAVA: 22 A 26/09/2021

Ao longo desta semana celebrouse na cidade eslovaca de Bratislava o Campionato do Mundo de Slálom, a máis importante das competicións internacionais desta modalidade. 
A única representación galega no evento foi a do teixugo Luís Fernández Pereira. O deportista do Club Deportivo Miño era un dos tres integrantes do equipo español de canoa que a Federación Española de Piragüismo convocou para o evento. 
A participación comezou para Luís o mércores 22, onde, xunto con Miquel Travé e Ander Elósegui, competiron na modalidade de equipos. Fixeron unha baixada correcta, con poucas penalizacións pero moi lenta, rematando en noveno lugar. 
No día seguinte celebráronse as clasificatorias, onde piragüistas de todo o mundo intentaron acadar un posto en semifinais. Luís fixo unha impresionante primeira baixada, cun tempo de 87,15 segundos, que o meteron directamente en semifinais co sétimo mellor crono. 
O domingo, os trinta semifinalistas, enfrontáronse a un circuíto moi criticado pola súa tremenda dificultade. Luís defendeu moi ben a súa semifinal, cunha baixada rápida, pero dúas penalizacións nas portas de remonte 3 e 10 deixárono fóra da final. Cun tempo de 97,39 segundos, o deportista salcedán rematou nun impresionante décimo cuarto lugar, o que o sitúa na elite do slálom mundial. Con esta competición, dáse por rematada esta tempada 2021. 
Video das semifinais:
 

domingo, 12 de septiembre de 2021

COPA DO MUNDO, PAU: 10 a 12/09/2021

Desde o 10 ao 12 de setembro tivo lugar na canle de augas bravas da localidade francesa de Pau a última das Copas do Mundo de Slálom. España acudiu a cita cos doce deportistas que conforman o seu equipo nacional. Entre os convocados, Luís Fernández do Club Deportivo Miño-Teixugos, único galego que superou os selectivos sénior. 

 Pouca fortuna nesta ocasión para o teixugo, que non deu superado as clasificatorias. No venres, Luís loitou por acadar uns dos postos nas semifinais. A súa primeira baixada foi rápida, pero con demasiados toques nas portas, que lle supuxeron 8 segundos de penalización, quedando fóra. No seu segundo intento, no que entraban os dez primeiros, o trazado non foi tan rápido como o primeiro, pero suficiente para entrar, de non ser por un toque nunha porta, que o deixaron en undécimo lugar, a un posto de entrar en semifinais. 

Do 22 ao 27 de setembro, Luís Fernández, terá a súa última cita da tempada na máis importante das competicións internacionais, o Campionato do Mundo de Slálom, no que se medirá cos mellores canoístas do planeta. 


 

domingo, 5 de septiembre de 2021

COPA DO MUNDO DE SLÁLOM, LA SEU D´URGELL: 3 ó 5/09/2021

 

Do 3 ao 5 de setembro celebrouse na Seu D´Urgell a Copa do Mundo de Slálom. O único galego que formaba parte da selección española foi o canoísta Luís Fernández. Luís, de Salceda de Caselas, forma parte dende fai anos do Club Deportivo Miño-Teixugos. 

Luís comezou a súa competición o venres coas clasificatorias. Na primeira manga, dúas penalizacións que sumaron catro segundos ao seu tempo, deixárono fóra de semifinais. Na segunda manga, si conseguiu unha praza nas semifinais, cun impresionante segundo mellor tempo. 

O domingo , os trinta deportistas que chegaron a semifinais intentaron acadar un dos dez primeiros lugares para entrar nas finais. Un reto complicado que o teixugo superou con nota, nunha baixada rápida e sen penalizacións, que lle valeu o quinto posto e un lugar nas finais. 

Na final Luís fixo unha boa baixada, rápida e correcta, rematando finalmente en sétimo lugar desta Copa do Mundo. Un gran posto que o coloca entre os mellores canoístas do mundo.

 Á  próxima semana Luís acudirá a unha nova Copa do Mundo na localidade francesa de Pau, e a finais de mes ao Campionato do Mundo a celebrar en Bratislava. 

Foto de Norbert Aguilera.


 

 Baixada de finais: