martes, 28 de junio de 2016

ECA JUNIOR CUP- SOLKAN-25 e 26 de xuño de 2016



Durante o sábado e o domingo celebrouse na canle de augas bravas de Solkan en Eslovenia unha Copa Europea de slálom júnior e sub-23 coa participaron de 370 piragüistas de 23 países. Catro foron os galegos que acudiron a esta proba formando parte da selección española júnior e sub-23: Luís Fernández, Brais Castro e Manuel Ochoa dos Teixugos e Ainhoa Lameiro do Club Penedo de Caldelas.


Durante a mañá do sábado tiveron lugar as probas clasificatorias, os catro galegos entraron nas finais que se celabraron pola tarde. Luis Fernández acabou primeiro en C1 sub-23, Brais Castro sétimo en C1 sub-18, Manuel Ochoa tamén sétimo en K1 sub-18 e Ainhoa Lameiro cuarta en C1 sub-16.

Durante o domingo repetiuse o sistema de competición, pola mañá clasificatorias e pola tarde finais. Outra vez os catro galegos foron quen de entrar nas finais das súas categorías. Xa pola tarde, Luís remataría de novo primeiro, Brais duodécimo, Manuel octavo e Ainhoa primeira.

Os resultados das probas dos dous días sumáronse para obter os postos finais dos participantes.

Finalmente so subiron ao podio Luís Fernández dos Club Deportivo Miño- Teixugos cunha medalla de ouro e Ainhoa Lameiro do Penedo que acadou a prata.

Aínda que Luís Fernández xa leva varios anos formando parte do equipo español, este ano ademais entrou no absoluto, para os outros tres, esta foi a súa primeira experiencia internacional. Este é un éxito sen precedentes para o slálom galego, grazas en boa parte ao bo facer do Centro Galego de Tecnificación Deportiva no que están becados 6 palistas de slálom adestrados por Ekhi Díez.

A súa seguinte cita será no Campionato do Mundo que terá lugar entre o 14 e o 17 de xullo en Cracovia(2016 ICF Junior&U23 Canoe Slalom World Championships)



Luís, Brais, Ainhoa, Ekhi e Manu

jueves, 23 de junio de 2016

TRES TEIXUGOS NA ECA JUNIOR CUP DE SOLKAN, ESLOVENIA

Manuel, Luís e Brais

      Esta fin de semana dispútase na canle de Solkan en Eslovenia a Copa Europea de slálom júnior e sub-23. Tres piragüistas do Club Deportivo Miño estarán formando parte do equipo nacional.

    En canoa sub-23 estará Luís Fernández, de 19 anos. Este piragüista de Caldelas de Tui , ten ademais o mérito de formar parte do equipo nacional absoluto.

    Na selección júnior estarán os tomiñeses Brais Castro e Manuel Ochoa de 17 anos. Esta é a primeira competición internacional para os dous. Brais Castro en canoa e Manuel Ochoa en kayak.
Destacar tamén a presenza doutra galega, Ainhoa Lameiro, do Club Penedo de Caldelas.

    Levan xa uns días adestrando na canle de Solkan, que ademais lles sirve de preparación para o Campionato do Mundo a disputar en Cracovia nun par de semanas.

    Sábado e domingo terán lugar as competicións que contan cun total de 370 participantes de 23 países.
SORTE TEIXUGOS!

domingo, 19 de junio de 2016

PROMOCIÓN TUI: 19/06/2016



      Esta domingo o Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao Porto Deportivo de Tui a onde se celebraba a Copa Galega de Promoción de Slálom e o Campionato Nacional Portugués de esperanzas de piragüismo.
      Ao logo da mañá nenos e nenas de 8 a 14 anos, as pequenas promesas de cada club, fixeron dúas mangas. Na Liga Galega de promoción tense en conta o mellor tempo das dúas mangas para facer a clasificación final.
       Os Teixugos, como xa é habitual non volveron de baleiro. En K1 Alevín Ainhoa Barreiro foi ouro e Alba Soutelo prata, os mesmos postos que acadaron en C1, volvendo cada unha con dúas medallas. En K1 Infantil Ariadna Pereira conseguiu a medalla de prata e en C1 foi ouro. Sergio Martínez foi ouro en K1 Alevín e prata en C1, modalidade esta última na que Samuel Castro foi ouro. Marco Patiño acadou a prata en K1 Cadete. Tamén o deron todo, aínda que sen medalla, Valentina Feijoo, Cristian Vicente e Adrián Lluch, porque o importante é o esforzo e as ganas de facer deporte.
      Na clasificación final por equipos impúxose o Club Penedo de Caldelas, o segundo posto foi para o Club Tea de Mondariz e o Club Deportivo Miño quedou en terceiro lugar.