domingo, 25 de junio de 2017

LUIS FERNÁNDEZ NA 2ª COPA DO MUNDO- AUGSBURG-ALEMANIA


Esta semana, Luís Fernández,  tivo unha nova participación de coa selección española absoluta. Desta vez na cidade alemana de Augsburg, onde se celebrou a segunda copa do mundo do 23 ao 25 de xuño. O único representante galego na selección española fixo dúas boas baixadas. Tivo dúas opcións para entrar en semifinais, facendo na súa segunda baixada mellor tempo, pero quedando lonxe dos postos de clasificación. Rematou na cuadraxésimo sétima posición, unha boa posición tendo en conta o altísimo nivel dos participantes.

4ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM: 25/06/2017

Este domingo celebrouse na localidade pontevedresa de Ribadumia, sobre as augas do río Umia, a 4ª Competición da Liga Galega de Promoción de Slálom, ao que o Club Deportivo Miño acudiu cun equipo algo reducido de tan só seis deportistas, pero a pesar diso, aínda foi quen de alzarse con catro medallas.

En K1 home infantil Sergio Rodríguez acadou a primeira posición, obtendo por tanto a medalla de ouro, na mesma categoría Samuel Castro foi sexto e Alexis Segadaes sétimo.

En C1 home infantil Samuel Castro foi bronce e Sergio Rodríguez rematou sétimo.

Alba Soutelo obtivo dúas medallas de bronce en K1 muller infantil e en C1 muller infantil.

En K1 home benxamín Javier Luch foi sexto e en K1 home alevín Adrián Lluch foi oitavo.

Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño rematou quinto.





domingo, 18 de junio de 2017

LUÍS FERNÁNDEZ NA COPA DO MUNDO DE PRAGA

Do 16 ao 18 de xuño tivo lugar en Praga a 1ª Copa do Mundo de Slálom. 
Doce foron os piragüistas que formaron parte do equipo español. Un ano máis entre a elite do slálom español estivo o teixugo Luís Fernández, que foi un dos tres integrantes do equipo español de C1.
 Luís, natural de Salceda,e membro do Club Deportivo Miño Teixugos, aos seus apenas 19 anos leva xa dous anos formando parte do equipo nacional sénior, e está tamén seleccionado para o equipo de slálom sub-23. 
O venres pola tarde fixo a primeira baixada, con apenas seis segundos de penalización, e cun bo tempo,pero que non lle valeu para entrar en semifinais. Unhas horas máis tarde, nese mesmo día, fixo o seu segundo intento de entrar nas semifinais, mellorando o seu tempo anterior en case catro segundos, pero aínda así non foi suficiente para pasar a seguinte rolda. Na clasificación final rematou na cuadraxésima sétima posición. 


domingo, 11 de junio de 2017

4ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM, PONTS:10-11/06/2017

Esta fin de semana celebrouse na localidade ilerdense de Ponts a 4ª e última Copa de España de Slálom olímpico. 
Como xa é habitual os resultados finais desta competición obtéñense da suma dos resultados obtidos nas xornadas do sábado e do domingo. Aínda que faltaron os integrantes do equipo nacional, incluído o Teixugo Luís Fernández, por estar concentrados na cidade de Praga preparando a Copa do Mundo, o nivel da competición foi moi alto. 
O Club Deportivo Miño acudiu con seis piragüistas, que deron o mellor de si mesmos. En K1 muller sénior Laura Alonso foi sexta, e Laura Soutelo e Marina Ruedas remataron empatadas na décima posición. Ariadna Pereira acabou quinta en K1 muller cadete e cuarta en C1 . Manu Ochoa rematou sexto en K1 sénior e, por último, a mellor posición da xornada foi para o canoísta Brais Castro que se fixo coa medalla de bronce en C1 sénior. 
Na clasificación final por equipos os Teixugos remataron oitavos, ao acudir a esta copa de España cun equipo moi minguado. 

Aitor Gramendia, Daniel Marzo e Brais Castro

PARTICIPACIÓN INTERNACIONAL PARA LUÍS PEREIRA

A semana pasada, do 1 ao 4 de xuño, celebrouse na cidade eslovena de Tacen o Campionato de Europa de slálom ao que acudiu o Teixugo Luís Fernández como un dos tres integrantes do equipo nacional de C1. Non tivo Luís moita sorte coa súa participación, rematando na trixésimo primeira posición. Nestes momentos atópase concentrado en Praga coa Selección Nacional preparando a Copa do Mundo que se celebrará do 16 ao 18 de xuño. Moita sorte Luís!!!
Luís Fernández en Tacen