domingo, 21 de abril de 2024

O CLUB DEPORTIVO MIÑO-TEIXUGOS GAÑADOR DA COPA DAVID CASTRO( 2ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM) EN COVAS


 

As augas do río Coura ao seu paso pola localidade cerveirense de Covas acolleron esta fin de semana dúas competicións da Liga Galega de Slálom. O sábado disputouse a Copa David Castro, a 2ª Copa Galega de Promoción de Slálom, que comprende as categorías benxamín, alevín e infantil. O domingo só as categorías cadete e infantil competiron no Campionato Galego de Novas Promesas.Ámbalas dúas organizadas polo Club Deportivo Miño-Teixugos, que escolleron o magnífico campo de slálom de Azenha de Pagade no veciño Portugal para os dous eventos.  

Na mañá do sábado quince pequenos deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos participaron na Copa David Castro, equivalente a segunda das competicións da Copa Galega de Promoción de Slálom. Nestas categorías o resultado non é o que máis importa, os pequenos deportistas supéranse a si mesmos na loita contra o río e melloran a súa técnica. 

Seis foron as medallas que acadaron os pequenos teixugos e teixugas. Roque Olveira foi ouro en k1 benxamín, na mesma categoría Nicolás Piñeiro acadou o bronce. Lois Montenegro e Rita Olveira conseguiron a prata en K1 alevín masculino e feminino. Outra medalla de bronce máis para Leila Álvarez en K1 infantil e unha de ouro para a máis nova de toda a competición, Iria Álvarez, que a acadou en K1 pre-benxamín. 

Nerea Álvarez quedou cuarta en C1 infantil, sendo a única que dobrou a súa participación. En K1 infantil Alejandro Barreiro foi cuarto, Xurxo Rodríguez sexto e Leo Álvarez sétimo. En K1 Infantil feminino Nerea Álvarez foi quinta, Catalina Sánchez 7 e Beatriz Sánchez oitava. Martín Vicente rematou sétimo en K1 alevín. En K1 benxamín, Brais Vicente conseguiu o quinto lugar e Aarón da Cruz o sétimo. 

Na puntuación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos foi declarado gañador con un total de 223 puntos, seguido do Montaña Quixós de Lugo con 192 e o Piragüismo Dumbría con 96. 

O domingo, tamén no campo de slálom de Covas, tivo lugar o Campionato Galego de Novas promesas, que solo contou coa participación de dúas “teixugas” que deixaron o pavillón ben alto. Leila Álvarez acadou a medalla de bronce e Nerea Álvarez foi cuarta na categoría infantil. 









 

domingo, 14 de abril de 2024

O CLUB DEPORTIVO MIÑO-TEIXUGOS GAÑADOR DA 1ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM

Primeira cita do 2024 para os deportistas máis novos do slálom galego este domingo nas augas do río Tea, no lugar de Cordeiro. Nenas e nenos das categorías infantil, alevín, benxamín e pre-benxamín disputaron no campo de slálom de Cordeiro a primeira das competicións da Liga Galega de Promoción de Slálom. 

O Club Deportivo Miño acudiu cun grupo de dezaseis pequenos padexeiros. A pesares de ser un campo cunha certa dificultade, todos se animaron a participar.

 Iria Álvarez en pre-benxamín foi quen de baixar sen “nadar”, e rematou segunda. 

Nerea Álvarez, a nosa única canoísta, foi cuarta en C1 muller infantil. 

Na categoría infantil feminina, pero de caiac(K1), Nerea rematou tamén cuarta, Catalina Sánchez foi sexta, Beatriz Sánchez sétima e Leila Álvarez rematou terceira, acadando, por tanto a medalla de bronce. 

En K1 muller alevín, Rita Olveira conseguiu a medalla de prata ao rematar segunda. 

En K1 home infantil, Xián Pérez rematou décimo, Xurxo Río noveno, Leo Álvarez sétimo, Alejandro Barreiro sexto e Iván Cruz foi terceiro, recollendo por tanto o bronce da categoría. 

En K1 home alevín, Martín Vicente foi sétimo e Lois Montenegro conseguiu a medalla de prata ao rematar segundo. 

En K1 home benxamín, Brais Vicente foi sétimo, Nicolás Piñeiro terceiro e Roque Olveira primeiro, ouro e bronce da categoría para os teixugos. 

Por equipos, o Club Deportivo Miño-Teixugos proclamouse gañador desta 1ª Copa Galega de Promoción de Slálom, cun total de 252 puntos, seguido do Montaña Quixós de Monforte con 214 e o Club Piraguismo Penedo-Teimporta de Tui con 113. 

Podedes ver máis fotos do evento pulsando na imaxe.


 

domingo, 7 de abril de 2024

OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA NO EQUIPO NACIONAL B

     De venres a sábado celebrouse na canle francesa de Pau, aproveitando a 3ª Copa de España de Slálom e 2ª Copa de Caiac Cross, a 2ª semana de probas selectivas tanto para os xogos olímpicos como para os equipos nacionais. 


 

     Nesta ocasión os dous únicos representantes do Club Deportivo Miño-Teixugos foron Luís Fernández en canoa e Manuel Ochoa en caiac. Ámbolos dous coa mente posta máis nos selectivos que na propia Copa. 

    O salcedán Luís Fernández, en C1, viña cunha puntuación moi baixa dos selectivos da semana anterior, que o deixaron fóra da carreira olímpica, pero conservando posibilidades para o equipo nacional. O venres, na primeira competición, foi terceiro en semifinais e en finais, conseguindo a medalla de bronce. O sábado rematou segundo en semifinais, e nas finais foi quinto. Na suma final de puntos do proceso selectivo, e a falta de confirmación oficial, Luís quedaría fóra do equipo principal pola mínima, entrando no equipo B, co que acudirá as Copas do Mundo de Ivrea e Augsburg. 


 

 O Tomiñés Manu Ochoa, en K1, partía con mellor puntuación da primeira fase de selectivos, e aínda contaba incluso con opcións á praza olímpica. O venres rematou as semifinais cuarto e renunciou a facer as finais, ao non ser selectivas, para conservar forzas para o día seguinte. O sábado foi cuarto en semifinais, e nas finais fixo unha impresionante baixada, co mellor tempo, pero un toque na última porta, deixárono fóra do podio e do equipo nacional A. Ao igual que Luís, si estará no equipo nacional B. 

    O domingo celebrouse a 2ª Copa de España de Caiac Cross, que tamén eran selectivas da modalidade, con dúas probas contra reloxo, nelas Manuel rematou segundo e terceiro. Superou a ronda de semifinais, e nas finais rematou segundo, conseguindo a medalla de prata. 


 

Duras probas selectivas, cun nivel que xa levábamos anos sen ver, a diferencia dun posto a outro mediuse en segundos e incluso en décimas de segundo. Tanto Manuel como Luís loitaron man a man cos mellores do país, e souberon estar a altura, quedando os dous fóra do equipo principal pola mínima, a apenas a un punto de logralo.. Na mesma situación se atopa a canoísta Ainhoa Lameiro do piragüismo Penedo de Tui, terceira integrante galega do segundo equipo.