domingo, 30 de junio de 2019

1ª COPA DE ESPAÑA "JÓVENES PROMESAS", DUMBRÍA: 30/06/2019

De novo esta fin de semana os máis pequenos do Club Deportivo Miño volveron as augas do río Xallas, desta vez para disputar a primeira Copa de España ”Jóvenes Promesas”. Nenas e nenos de entre oito e dezaseis anos de tódolos clubs de España déronse cita nas augas do campo de slálom do Couquiño en Dumbría, nunha fin de semana de competición, convivencia e reivindicación. 

Cinco foron as medallas acadadas polos teixugos na primeira das competicións da Liga Española de Promoción do Slálom. Impresionante foi o balance final das mulleres do noso club. Na categoría cadete Ainhoa Barreiro fixo a mellor baixada en K1, acadando a medalla de ouro por diante da tamén teixuga Alba Soutelo que foi segunda. As mesmas deportistas, pero en canoa ou C1, tamén dominaron o podio, sendo, nesta ocasión, o ouro para Alba e a prata para Ainhoa. A outra medalla foi para o tamén cadete Samuel Castro, que en canoa fixo o segundo mellor tempo, por detrás de Álex Segura do Atlético San Sebastián. Outros tres piragüistas completaron o equipo que acudiu a Dumbría, Sergio Rodríguez foi cuarto en K1 cadete, Mateo Álvarez foi vixésimo en K1 infantil A e Adrian Lluch oitavo en K1 Infantil B. 

Esta xornada, e a da semana pasada, tiveron ademais un certo carácter reivindicativo, pois o slálom galego está loitando pola construción dunha canle de augas bravas en Galicia, que, de facerse, podería chegar a converterse nun importante motor económico e deportivo a nivel nacional, pois a única canle de augas bravas de España atópase na Seu D´Urgell, polo que unha canle galega mobilizaría a deportistas galegos, portugueses e casteláns. 

Finalmente recordar que o vindeiro sábado día 6 de xullo, de catro a sete da tarde o Club Deportivo Miño-Teixugos celebra a súa xornada de portas abertas, dende o club animámosvos a acudir. 


domingo, 23 de junio de 2019

5ª COPA GALEGA DE SLÁLOM, DUMBRÍA:23/06/2019

Este domingo celebrouse a quinta competición da Liga Galega de Slálom na localidade de Olveira, pertencente ao concello de Dumbría. Foi esta unha competición de carácter reivindicativo, pois neste concello estase loitando para conseguir que as administracións dean os permisos pertinentes para a construción dunha canle de slálom.
Dez foron os deportistas do Club Deportivo Miño que acudiron a dar o mellor de si mesmos nas augas do río Xallas.
 Na máxima categoría absoluta ou sénior Luís Fernández foi o gañador en canoa e o seu compañeiro Brais Castro rematou segundo, ouro e prata polo tanto para os dous representantes dos Teixugos. Tamén en C1, pero categoría cadete, Samuel Castro dominou a proba, conseguindo un novo ouro para o Deportivo Miño. Adrian Lluch foi cuarto en C1 infantil. En canoa feminina o club so levou representación na categoría cadete, pero por partida dobre, Ainhoa Barreiro gañou a proba e a súa compañeira Alba Soutelo foi terceira.
A modalidade de kaiak sumou tamén moitas medallas no haber do Club Deportivo Miño. Sergio Rodríguez foi o mellor en K1 cadete cunha gran baixada, na mesma categoría Alexis Segadaes foi quinto. Tamén ouro para Mateo Rivas en K1 infantil, na mesma categoría Adrián Lluch foi quinto. Segunda medalla de ouro na xornada para Ainhoa Barreiro, desta vez en K1 cadete, modalidade na que Alba Soutelo tamén acadou a súa segunda medalla, nesta ocasión de prata.
Non poido ir mellor a competición para o Club Deportivo Miño-Teixugos, cun balance final de seis medallas de ouro, dúas de prata e unha de bronce. Na clasificación final por equipos, remataron terceiros, por detrás do Penedo de Tui e do Tea de Mondariz que resultou gañador do torneo.







domingo, 9 de junio de 2019

4ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, RIBADUMIA: 09/06/2019


Os máis pequenos do slálom galego déronse cita este domingo na localidade de Ribadumia para celebrar a cuarta competición da Liga Galega de Promoción de Slálom. Seis foron os pequenos Teixugos que participaron no evento. 

Na categoría Infantil, na modalidade K1, Mateo Rivas foi o mellor dos teixugos coa súa terceira posición, Adrián Lluch acadou un meritorio sétimo lugar e Álex González foi décimo segundo. Na mesma categoría, modalidade C1, Adrián Lluch foi o único teixugo en baixar, rematando sexto. 

Javier Luch participou en K1 benxamín facendo a mellor baixada da súa categoría, alzándose coa medalla de ouro. 

Alejandro Barreiro tamén foi o mellor da categoría prebenxamín, conseguindo o segundo dos ouros para o club. 

Dúas medallas de ouro e unha de bronce, foi por tanto, o balance desta competición para o Club Deportivo Miño-Teixugos, que a pesar de ter un equipo minguado, segue colleitando éxitos. 

Este é u deporte individual que fomenta a responsabilidade, e a amizade e convivencia con nenas e nenos de distintos lugares de Galicia, España e Portugal. O único requisito para anotarse e saber nadar. Desde o Club Deportivo Miño anímase as familias de Tomiño e concellos lindeiros a anotar as súas fillas e fillos a este deporte, destacando a total seguridade da súa práctica, pois nenas e nenos están absolutamente concienciados dende o primeiro momento na obrigatoriedade do uso de chaleco e casco.