domingo, 25 de febrero de 2024

TRES MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS 1ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM EN MONDARIZ

     Esta fin de semana deu inicio a Liga Española de slálom coa celebración da 1ª Copa de España nas augas do río Tea ao seu paso por Mondariz Balneario. A competición organizada polo club Tea e a Federación Galega de Piragüismo contou coa participación de case trescentos deportistas das categorías veterano, sénior e júnior. As Copas de España, segundo a normativa publicada, constan de dúas competicións diferenciadas, coas súas semifinais e finais, unha sábado e outra domingo. A causa do mal tempo e a subida do caudal do Tea, a competición do domingo foi suspendida, quedando so os resultados do sábado. 

    O club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con cinco deportistas que tiveron unha actuación moi destacada. 

    En k1 veterano, Emilio Rodríguez, pasou a final onde, nunha gran baixada sen penalizacións, rematou segundo a menos dun segundo do primeiro clasificado, o catalá Pau Clotet. 

    En k1 sénior, Laura Alonso, tamén fixo u bo circuíto, pero non lle chegou para estar entre as dez primeiras e pasar a finais, rematando décimo segunda. 

    En C1 sénior, Brais Castro, superou as semifinais cun moi bo tempo e pasou a finais, onde rematou décimo. 

    Na mesma categoría, C1 sénior, Luís Fernández, tivo unha gran actuación, acadando un dos postos de finais sen problema. Na final, nun percorrido sen penalizacións, rematou terceiro, compartindo podio co catalá Miquel Travé e o galego, do Penedo Piragüismo, Daniel Pérez. 

    En K1 sénior, Manuel Ochoa, entrou sen complicacións na final, onde so se viu superado polo local Axel Alfonso do Tea de Mondariz e por diante do catalá Miquel Travé. 

    Gran balance para os Teixugos nesta primeira concorrida competición da Liga, con catro finalistas e tres medallas, prata para Emilio e Manu e un bronce para Luís. 

    Con esta competición ponse de manifesto a necesidade de unha canle de slálom en Galicia, pois, a pesares da impecable organización dos anfitrións, demasiadas variables condicionan os eventos organizados aquí, e xa son moitas as veces que se suspenden ou modifican pola falta dunha instalación adecuada. 


 

domingo, 18 de febrero de 2024

TRES MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA XIV TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM

 Esta fin de semana gran festa do slálom coa celebración da XIV Taça Ibérica de Slálom en augas do río Coura en Covas, Vilanova de Cerveira. A competición organizada polo Club Deportivo Miño- Teixugos, en colaboración coas federacións portuguesa e galega, contou con máis de 150 deportistas procedentes de España e Portugal. Acudiron representantes de tódolos clubs galegos e portugueses, pois era proba puntuable para a liga portuguesa e galega de slálom, aos que se uniron piragüistas de Asturias, Madrid e Castela León. 

O sábado celebráronse as clasificatorias e semifinais cun circuíto fluído e rápido sen demasiada dificultades e o domingo finais cun percorrido máis técnico e complicado, e entrega de medallas. 

Oito foron os participantes dos teixugos na proba, con grandes resultados.

 En K1 home Infantil, Alejandro Barreiro foi décimo sétimo e Leo Álvarez décimo noveno; en K1 home cadete, Brais Álvarez rematou vixésimo segundo e en K1 muller Infantil, Nerea Álvarez quedou sexta e Leila Álvarez sétima. 

En K1 veterano Emilio Rodríguez gañou a proba, acadando a medalla de ouro. En k1 muller sénior, Laura Alonso subiu ao máis alto do podio, gañando o segundo ouro para o club. E en C1 home sénior Brais Castro tamén destacou cunha gran baixada, e, co segundo mellor tempo, fíxose coa medalla de prata. 

Dúas medallas de ouro e unha de prata, un gran balance para os teixugos nesta competición que crece ano a ano, na que, máis que medallas, se pretende a promoción e potenciación deste fermoso e vistoso deporte que ano a ano vai gañando practicantes e popularidade. Dúas xornadas nas que predominou a deportividade e convivencia de deportistas de toda a península. 

A semana que ven, nova cita co slálom, desta vez nas augas do Tea ao seu paso por Mondariz Balneario, onde terá lugar a 1ª Copa de España de Slálom.