lunes, 27 de junio de 2022

COPA DO MUNDO LJUBLJANA-TACEN: 24 a 26/06/2022

 

Do 24 ao 26 de xuño disputouse en Tacen, Eslovenia unha nova Copa do Mundo de Slálom, a que acudiron os  deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos, Luís Fernández e Manuel Ochoa, como parte do equipo nacional español.

Luís Fernández participou na modalidade de canoa ou C1, na que se rema de xeonllos e cunha pa dunha soa folla. Na tarde do venres, xunto con outros 53 deportistas de todo o mundo, disputou as fases clasificatorias, onde fixo unha baixada impresionante, rápida e sen fallos, conseguindo o pase a semifinais co décimo quinto lugar. No domingo, disputáronse as semifinais, onde nunha única baixada tes que acadar un dos mellores dez tempos para acceder as finais. Luís fixo unha baixada correcta pero algo lenta e con dous toques en portas, rematando lonxe das finais, en vixésimo quinto lugar.

Manuel Ochoa participou en K1, na que se rema sentado e cunha pa de dúas follas. A súa participación foi dobre, en slálom normal e en slálom extremo. Na mañá do venres disputáronse as clasificatorias de slálom, no primeiro intento fixo unha baixada moi rápida, pero dous toques nas portas deixárono fóra dos postos de semifinais, posto que acadou no segundo intento. Nas semifinais disputadas o sábado a súa baixada non foi mala, pero algo lenta, quedando lonxe de finais. Rematou trixésimo dun total de 65 participantes. Ese mesmo sábado de tarde, tivo lugar a contra reloxo de slálom extremo, para acadar un praza para clasificatorias, onde fixo unha mala baixada, cunha falta nunha das portas, quedando por primeira vez no que vai de tempada fóra.

Tanto Luís como Manuel terán agora unhas semanas sen competicións, que aproveitarán  para descansar e adestrar. A próxima cita será a 3ª Copa de España a celebrar en Sort o 16 e 17 de xullo.



domingo, 19 de junio de 2022

COPA DO MUNDO, CRACOVIA: 17 a 19/06/2022

Do 17 ao 19 de xuño disputouse na cidade polaca de Cracovia unha Copa do Mundo de Slálom. Como parte do equipo nacional, os deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos, Luís Fernández e Manuel Ochoa participaron no evento. 
O salcedán Luís Fernández foi un dos tres representantes españois en canoa ou C1. O venres pola tarde, loitou por acadar un posto nas semifinais, non o conseguiu a primeira, pero si na repesca. Na mañá do domingo fixo unha baixada en semifinais moi boa, pero dous toques nas portas 19 e 20 deixárono ás portas de acadar a final. Rematou a copa do mundo nun meritorio décimo sexto lugar. 
O tomiñés Manuel Ochoa tivo dobre participación en caiac, na modalidade tradicional de K1 e en extremo. Na mañá do venres, en K1, foi quen de meterse nas semifinais na primeira rolda. Ao día seguinte intentou acadar unha das dez prazas de finais, comezando a baixada con moi bo pé, pero un erro nunha das portas e un toque noutra, fixo que perdera uns segundos , quedando lonxe das finais. Rematou a copa na trixésimo cuarta posición. Ese mesmo sábado pola tarde participou na contra-reloxo para poder estar entre os 32 seleccionados para cuartos de final. Conseguiu o sétimo posto, a apenas segundo e medio do primeiro. Na tarde do domingo superou os cuartos de final gañando a súa serie pero non as semifinais. Rematou a copa de slálom extremo décimo terceiro. 
 Tanto Luís como Manu xa están de camiño de Tacen, Eslovenia, onde disputarán a seguinte Copa do Mundo.


lunes, 6 de junio de 2022

2022 ICF CANOE SLALOM WORLD RANKING, AUGSBURG: 4-5/06/2022

Na fin de semana do 4 e 5 de xuño, celebrouse na localidade xermana de Augsburgo unha competición de carácter internacional na que se deu cita a elite do slálom mundial, pois é puntuable para o ranking do mundo de slálom e serviu, ademais, a modo de adestramento, pois os mundiais terán lugar nesta mesma canle a finais de xullo. A selección española acudiu ao completo. 
 Nela estiveron os teixugos Luís Fernández en C1 e Manu Ochoa en K1 e Slálom extremo, como parte desa selección española. 
Luís en C1 tivo unha participación con moi pouca fortuna, pois nos dous intentos de entrar en semifinais, tivo unha penalización de 50 segundos que o deixaron fóra, rematando a competición en cuadraxésimo noveno lugar. 
Sorte parecida correu Manuel en K1, no seu primeiro intento unha penalización de 50 segundos deixárono lonxe de semifinais, na segunda tentativa fixo unha baixada sen fallos, pero demasiado lenta para acadar unha das dez prazas en xogo. Rematou en cuadraxésimo quinto lugar. 
Manuel participou ademais na nova modalidade de slálom extremo. Nas contra reloxos fixo o quinto mellor tempo conseguindo pasar sen problema o filtro para as clasificatorias, pero non tivo tanta sorte na seguinte ronda, quedando fóra de semifinais. Rematou décimo oitavo. 
 Máis sorte tivo a outra galega presente no evento, Ainhoa Lameiro, do Piragüismo Penedo de Tui, conseguiu meterse nas finais de C1, e a piques estivo de subir ao podio ao rematar cuarta.