domingo, 21 de marzo de 2021

COPA PIRINEUS: 20-21/03/2021

Esta fin de semana celebrouse na localidade ilerdense da Seu D´Urgell a Copa Pirineus de Slálom. Esta é a competición non oficial, de carácter internacional, máis importante que se celebra no noso país. 

Este ano, a federación española de piragüismo, decidiu que serviría como selectivos para determinar os distintos equipos nacionais de slálom: sénior, sub-23 e júnior. Durante esta fin de semana os deportistas seleccionados farían tres baixadas, puntuando as dúas mellores, e na seguinte fin de semana, en Pau Francia, o mesmo proceso. Por problemas causados pola situación COVID a federación anulou os selectivos de Pau, polo que esta fin de semana se conformaron os distintos equipos nacionais de slálom. 

Cinco padexeiros do Club Deportivo Miño gañaron un posto nestes selectivos polos seus resultados nas dúas Copas de España xa celebradas: Luís Fernández, Manuel Ochoa, Sergio Rodríguez, Alba Soutelo e Ainhoa Barreiro. Os cinco deron o mellor de si mesmos para acadar unha praza nos equipos nacionais nesta competición marcada polas baixas temperaturas e o vento. 

Luís Fernández, que optaba a praza no equipo sénior de canoa, gañou dúas das tres baixadas, o que lle garante unha das tres prazas no equipo nacional. E como remate a unha impresionante participación, gañou a competición cun tempo de 92.70 segundos, subindo ao podio xunto ao catalá Miquel Travé e o irlandés Jake Cochrane.

 Manuel Ochoa aspiraba a praza nos equipos sub-23 e sénior de cáiac. O sábado rematou sétimo na primeira baixada, na segunda, o vento xogou na súa contra e levouno a facer un mal tempo, mellor sorte tivo na terceira baixada, no domingo, rematando segundo. A falta de confirmación oficial, non acada praza no equipo sénior, pero conta con moitas posibilidades de estar no equipo nacional sub-23. Na final, cun tempo de 87.01 segundos, acadou a terceira posición, por detrás do ruso Pavel Eigel e do marroquí Mathis Soudí. 

Ainhoa Barreiro e Sergio Fernández loitaron por unha praza nos equipos júnior de caiac e Alba Soutelo en caiac e canoa. Os tres tiveron unha actuación correcta e sen excesivas penalizacións, tendo en conta as duras condicións da canle e a climatoloxía, pero, a espera da confirmación oficial da federación, non parece que deran acadado praza no equipo español. 

Unha vez máis os Teixugos tocando o ceo do slálom, demostrando o seu bo momento e gran nivel. O slálom galego cada vez ten máis que dicir no panorama nacional, xunto cos Teixugos, o Penedo de Tui e o Tea de Mondariz, deron mostras disto, con varios deportistas serios candidatos a formar parte dos diferentes equipos nacionais. 



 

domingo, 7 de marzo de 2021

2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM- LA SEU D´URGELL: 6-7/03/2021

Esta fin de semana celebrouse na canle olímpica da Seu d´Urgell a segunda Copa de España de slálom olímpico, na que participaron máis de douscentos deportistas de diferentes categorías de toda España. Esta competición caracterizouse polo altísimo nivel dos participantes é pola dificultades do percorrido , nunha canle na que o máis pequeno erro se paga caro. Esta copa, ao igual que a anterior, constou de dúas competicións diferenciadas, unha sábado e outra domingo, cunha primeira baixada clasificatoria, na que os dez primeiros pasaban á final. 
O Club Deportivo Miño desprazou a Lleida sete dos seus deportistas, que se ben non deron acadado medalla, fixeron unha moi boa competición, manténdose nos postos de cabeza, moi preto do podio.
 
 En canoa sénior Luis Fernández conseguiu entrar en finais os dous días, co segundo e terceiro mellor tempo das clasificatorias. Xa na final, cuns tempos moi apertados, rematou cuarto tanto sábado como domingo, non facendo podio por moi pouco. 
 
En caiac sénior, Manuel Ochoa, na xornada do sábado meteuse en finais co segundo mellor tempo da competición, e nas finais quedou fóra do podio por un toque nunha porta que lle penalizou con 2 segundos, rematando quinto. No domingo, aínda que fixo unha baixada moi rápida, dous toques penalizados con catro segundos, deixárono fóra de finais, rematando décimo quinto. 
 
Tamén en caiac sénior, Laura Alonso, non acadou finais en ningunha das xornadas, rematando décimo novena nas dúas xornadas. 
 
En categoría xuvenil feminina, Alba Soutelo, participou tanto e caiac como en canoa. En K1, o sábado no acadou final, rematando décimo sexta; o domingo, entrou en finais e rematou a competición no sétimo lugar. En C1, demostrou o seu gran nivel ao entrar nas finais nas dúas xornadas, rematando cuarta o domingo e quinta o sábado, a un pasiño de acadar podio nos dous días. Ainhoa Barreiro participou nesta ocasión so en caiac, e tanto sábado como domingo non conseguiu superar as clasificatorias rematando finalmente en décimo noveno e vixésimo lugar. 
 
En xuvenil masculino, so houbo participación en K1. Sergio Rodríguez foi quen de entrar en finais nas dúas xornadas, rematando o sábado décimo e o domingo sétimo. O seu compañeiro de equipo e categoría, Alexis Segadaes, fixo dúas boas baixadas, con poucas penalizacións, pero non deu entrado en finais en ningún dos dous días, rematando vixésimo terceiro. 
 
Ausencia de medallas para o Club Deportivo Miño nesta segunda competición da Liga Española de Slálom, pero resultados moi satisfactorios, con varias finais, e moi pretiño das medallas en varias ocasións. 
 
Na clasificación por clubs, o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou cuarto no sábado e quinto no domingo, sendo o club galego mellor clasificado. Fotos de Norbert Aguilera