Nesta edición acudiron catro integrantes do Deportivo Miño, que xunto con outros deportistas galegos, marcaron unha copa Segre de éxitos para Galicia.
Manu Ochoa entrou nas finais tanto o venres como o sábado. O venres rematou segundo e o sábado terceiro, e cun total de cinco puntos proclamouse vencedor da categoría absoluta masculina en K1, seguido polo francés Romain Bruneau con seis puntos e o castelán leonés Darío Cuesta con nove.
Sergio Rodríguez, en K1 júnior, tamén acadou finais nos dous días, o venres foi terceiro e o sábado sexto, e cun total de nove puntos subiu ao podio a recoller un bronce, por detrás dos catalás Manel Contreras e Mbelú Ikenna.
Alba Soutelo deportista especializada en canoa, participou tanto en K1 como en C1 júnior. En K1, a pesares de non ser a súa especialidade, rematou décimo cuarta, mentres que na canoa, entrou nas finais nos dous días, rematando sétima.
Ainhoa Barreiro en k1 júnior, non foi quen de entrar nas finais, rematando décimo sexta.
Destacar o gran papel feito polos galegos nesta competición de gran sona, pero fóra da Liga oficial. Ademais das medallas de Manu e Sergio, Daniel Pérez do Penedo acadou prata en C1 sénior e Axel Alfonso do Tea de Mondariz rozou o podio coa súa boa actuación, rematando quinto en K1 sénior.