jueves, 14 de noviembre de 2013

CAMPIÓN DA SUPERLIGA GALEGA AUGAS BRAVAS 2013

O Club Deportivo Miño-Teixugos acaba de ser proclamado Campión da Superliga Galega de Augas Bravas 2013 pola Federación Galega de Piragüismo. Este título obtense pola suma de puntos obtidos nas distintas competicións de augas bravas. Acadaron a máxima puntuación dun total de trece clubs de toda Galicia, obtendo un total de 976 puntos , por diante do Club Piragüismo Tea de Mondariz-Balneario con 921 e do Club Penedo de Caldelas con 913. A Superliga comprende a Liga Galega de Slálom, a Liga Galega de Promoción de Slálom, quedando Os Teixugos campións de ámbalas dúas, e a Liga Galega de Descenso de Augas Bravas na que quedaron cuartos. Esta tempada 2013 formaron parte do equipo un total de 24 deportistas entrenados por Pablo Pousa e Emilio Rodríguez, que ao longo do ano foron recorrendo a xeografía galega de competición en competición.

lunes, 19 de agosto de 2013

DUMBRÍA, CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN 2013

Este domingo celebrouse en Dumbría, na provincia da Coruña, o Campionato Galego de Promoción de Slálom, que pecha o circuíto galego desta tempada. Estas competicións, como o seu propio nome indica, promocionan esta modalidade de piragüismo entre os nenos máis pequenos, nas categorías benxamín, alevín e infantil. O Club Deportivo Miño rematou terceiro por detrás dos anfitrións do Club Municipal de Dumbría que quedaron primeiros e do Penedo de Caldelas de Tui. O medalleiro quedou como sigue: Alba Soutelo ouro e Ainhoa Barreiro bronce en K1 benxamín, Sergio Martínez bronce en K1 benxamín, Víctor Rodríguez ouro en K1 Infantil e prata en C1 infantil e Clara González prata en K1 infantil e en C1 infantil.

jueves, 15 de agosto de 2013

DUMBRÍA, CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM 2013

Este xoves celebrouse no concello coruñés de Dumbría o Campionato Galego de Slálom Olímpico co que se pecha a tempada oficial 2013. Competiron as categorías cadete, júnior, sénior e veterano, todas elas nas modalidades de kaiak e canoa tanto masculina como feminina. Participaron piragüistas dos seis clubs galegos que fixeron un total de 70 baixadas. Tódolos teixugos fixeron un moi bo papel, xa que o nivel era moi alto, quedando o medalleiro do Club Deportivo Miño da seguinte maneira: Sara Vázquez ouro en C1 e K1 júnior. Brais Castro prata en K1 e C1 cadete. Andrea González prata en K1 júnior. Laura Alonso prata en C1 júnior. Claudia Otero prata en K1 cadete. Aínda que nun primeiro momento na clasificación final por clubs se lle adxudicou ao Club Deportivo Miño a segunda praza, parece ser que houbo algún tipo de erro no reconto final dos puntos correspondéndolle realmente a primeiro posto, gañando por tanto o Campionato Galego de Slálom. Este domingo os máis pequenos tamén competirán no Campionato Galego de Promoción nesta mesma localidade coruñesa.

lunes, 12 de agosto de 2013

CAMPIONATO DE ESPAÑA PONTS 2013

Esta fin de semana na localidade catalá de Ponts tivo lugar o Campionato de España de slálom olímpico no que participaron uns 270 piragüistas de tódalas comunidades autónomas. A competición foi unha das de máis alto nivel que se recorda nos últimos anos, nela participaron os mellores de España, nos que cabe destacar os olímpicos Maialen Chorrault , Samuel Hernanz e Ander Elosegui e os mundialistas Jordi Domenjo, Joan Crespo, etc O Club Deportivo Miño acudiu con 9 deportistas que fixeron un total de 16 baixadas, pois a maioría participou nas categorías de kaiak e canoa. O circuíto foi moi técnico e difícil, pero aínda así catro teixugos deron entrado na final. Durante o sábado tiveron lugar as clasificatorias, onde quedaron eliminados case a metade dos participantes.Os Teixugos deron metido en semifinais a nove deportistas: en K1 pasaron Andrea González, Sara Vázquez, Manuel Ochoa e Brais Castro e en C1 os anteriores e Laura Alonso. A mañá do domingo comezou coas semifinais as nove da mañá, Sara Vázquez entrou nas finais de k1 e c1 xuvenil, Andrea González en k1 xuvenil, Brais Castro en k1 cadete e Manuel Ochoa en c1 cadete. As doce da mañá deu comezo a final, na que Brais Castro rematou oitavo en k1 cadete, Manuel Ochoa sexto en C1 cadete, Andrea González rozou o bronce co seu cuarto posto en k1 xuvenil e Sara Vázquez quedou quinta en K1 xuvenil; pero o máis destacado foi a medalla de prata que Sara Vázquez conquistou en C1 xuvenil. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou en quinto lugar, detrás dos catro grandes equipos que dominan o Slálom nacional: os vascos Atlético San Sebastián e Santiagotarrak; e os cataláns Cadí C.K. e Mig Segre.

sábado, 13 de julio de 2013

COPA DE ESPAÑA DE JÓVENES PROMESAS DE SLALOM EN DUMBRÍA

Este sábado celebrouse na localidade coruñesa de Dumbría a primeira competición da Copa de España de Jóvenes Promesas de Slálom Olímpico. Nela participaron deportistas nacidos nos anos 1999 e 2000 de toda España. Os Teixugos so contan nestes momentos con dous piragüistas destas idades: Clara González e Víctor Rodríguez, que participaron en dúas categorías: en K1 e C1. Coma xa é habitual vascos e cataláns fixéronse coa maioría do medalleiro.En canto aos Teixugos, Clara Gónzalez quedou sétima en K1 e cuarta en C1 e Víctor Rodríguez foi quinto en C1 e terceiro en K1, posto este que lle valeu unha moi meritoria medalla de bronce. Na clasificación por equipos gañou o Cadí C.K. de Lleida, seguido do Atlético San Sebastián de Guipúscoa, e terceiros o Beti Busti tamén de Guipúscoa; o Club Deportivo Miño-Teixugos quedou en sétimo lugar. A vindeira cita será o 20 de xullo en Sort, onde se celebrará a 2ª competición da Copa de España de Jóvenes Promesas de Slálom.

domingo, 2 de junio de 2013

3ª COMPETICIÓN LIGA GALEGA DE PROMOCIÓN EN SALVATERRA 2013

Este domingo celebrouse en Salvaterra a 3ª Competición da Liga Galega de Promoción de Slálom, na que compiten os máis pequenos dos clubs de toda Galicia. Participaron seis clubs con nenos e nenas de 8 a 14 anos; os maiores, é dicir, os deportistas da categoría infantil participaron en kaiak, remo de dúas pas e van sentados, e canoa, remo dunha soa pa e van de xeonllos. Despois de dúas mangas o medalleiro dos Teixugos quedou como segue: 3 medallas de ouro, para Alba Soutelo en K1 muller benxamín, Clara González en C1 muller infantil e Víctor Rodríguez en K1 home infantil; outras tres de prata para Clara González en K1 muller infantil, Víctor Rodríguez en C1 home infantil e Manuel Piedra en K1 home benxamín; e dúas de bronce para Ainhoa Barreiro en K1 muller benxamín e Samuel Castro en K1 home benxamín. Ao remate esta foi a puntuación dos clubs: Club Deportivo Miño-Teixugos 169 puntos, Tea Mondariz 141 puntos, CD Municipal Dumbría 111, Penedo de Caldelas 106, Montaña Quixós de Monforte 65 e Val Miñor-Frioya de Nigrán 0.