O equipo español de slálom viaxou a Praga para disputar a 2ª Copa do Mundo de Slálom. Entre os integrantes deste equipo atopábase o tomiñés Manuel Ochoa do Club Deportivo Miño-Teixugos. Do 5 ao 7 de xuño atletas de máis de 40 países loitaron por acadar os mellores resultados na canle de Troja en Praga.
A quenda de Ochoa foi o domingo cando se disputaron as probas de caiac cross, comezando coma sempre coa contra reloxo. Setenta embarcacións intentaron conseguir unha das trinta e dúas prazas dos enfrontamentos. Manu comezou ben o seu percorrido, pero foi máis lento na parte final e rematou finalmente vixésimo terceiro. Con este posto entrou en clasificatorias pero nun mal posto de saída na rampa, aínda así gañou a súa serie por diante dos suízos Rohrer e Fehlmann e o británico Leaver. En cuartos de final rematou terceiro, por detrás do suízo Rohrer e o checo Krejci e por diante do británico Clark, quedando fóra das semifinais. Rematou a competición en décimo lugar, que non é un mal comezo da súa tempada internacional.
A semana que vén o teixugo terá nova competición na cidade alemá de Augsburgo onde se celebrará a terceira Copa do Mundo de Slálom.

No hay comentarios:
Publicar un comentario