Do 12 ao 14 de xuño a cidade de Augsburg en Alemaña acolleu a terceira Copa do Mundo de Slálom. Venres caiac, sábado canoa e domingo caiac cross. Os mellores deportistas do mundo de cada modalidade acudiron ao evento. O tomiñés Manuel Ochoa do Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu como integrante do equipo español, concretamente en caiac cross.
A competición desta modalidade comeza cunha proba individual na que os deportistas compiten contra reloxo. Manu fixo unha baixada espectacular, e, cun tempo de 65,05 segundos, proclamouse gañador da proba. Nas súas declaracións, Manuel afirmou que tivo unha saída mala, polo que fixo a baixada sen arriscar moito, para garantir un posto nas contendas, e que foi unha sorpresa para el na meta atoparse co mellor tempo. Medalla de ouro para Manu nesta competición que o levou ao máis alto do podio internacional. .
Nas contendas a sorte non estivo de parte do de Tomiño, pois na súa serie coincidiron catro grandes expertos da modalidade, entre eles o campión olímpico. A saída foi caótica, e con varias remontadas a piques estivo de conseguir pase a cuartos, tendo os xuíces que recorrer a foto finish, na que finalmente resultou gañador o italiano Ferrazi, entrando Manu terceiro. Na clasificación final rematou décimo sétimo.
A próxima competición será o Campionato do Mundo en Oklahoma, a máis importante da tempada, e que ademais puntuará para as prazas dos xogos olímpicos de 2028.

No hay comentarios:
Publicar un comentario