sábado, 16 de julio de 2016

MUNDIAL SUB-23 E JÚNIOR- CRACOVIA: 12 A 17 DE XULLO DE 2016

     Ao longo desta semana tivo lugar en Cracovia, Polonia, o Campionato do Mundo Sub-23 e Júnior de slálom olímpico. Tres palistas do Club Deportivo Miño estaban convocados para formar parte do equipo nacional, sendo este un feito sen precedentes tanto para os Teixugos como para o piragüismo galego de augas bravas. Aínda que os tres fixeron unhas moi boas baixadas, sen fallos e moi rápidas, só Manuel entrou en semifinais e ningún deu entrado nas finais polo elevadísimo nivel da competición.

     Luís Fernández Pereira foi un dos tres representantes españois na modalidade de C1 Sub.23. Durante a mañá do martes fixo a súa primeira baixada, rematando no posto vixésimo sexto,que non lle permitiu entrar en semifinais, na segunda baixada de repesca tampouco foi quen de clasificarse, rematando vixésimo terceiro. Na mañá do sábado Luís formou parte do equipo nacional de patrullas C1 Sub-23, xunto con Jordi Tebe e Lluis Parés, rematando nunha meritoria oitava posición.

     Brais Castro competía en C1 Júnior. O martes, fixo unha primeira baixada mala na que rematou no posto cincuenta, que o deixou moi lonxe de semifinais. Ese mesmo día, na segunda manga de repesca fixo un espléndido recorrido que o deixou a apenas tres postos de semifinais nunha décimo terceira posición.

     Manuel Ochoa formaba parte do equipo K1 júnior. Na tarde do mércores foi quen de entrar directo en semifinais na décimo novena posición cunha moi boa baixada. Na tarde do venres celebráronse as semifinais, nas que rematou décimo sexto despois dunha baixada impecable, e a solo tres segundos de entrar nas finais. Na tarde do sábado, xunto cos seus compañeiros Eneko Auzmendi e Nil García, formaron o equipo de patrullas K1 júnior e fixeron unha baixada deslumbrante e sen fallos que os deixou nunha cuarta posición, a catro décimas de segundo da medalla de bronce.

     Destacar tamén que outra galega, Ainhoa Lameiro, do Piragüismo Penedo de Caldelas, formou parte da selección española, concretamente en C1 Júnior. A pesar da súa curta idade, aínda en categoría cadete, foi quen de entrar en semifinais, pero non en finais, rematando décimo oitava.

No hay comentarios:

Publicar un comentario