domingo, 8 de marzo de 2020

2ª COPA DE ESPAÑA, PAU: 7-8/03/2020

Esta fin de semana celebrouse a 2ª Copa de España de Slálom na canle da localidade francesa de Pau. O mellor do slálom acudiu a cita, pois esta competición é o primeiro dos dous selectivos para formar parte dos diferentes equipos nacionais. Este ano, segundo a nova normativa da Federación Española de Piragüismo, cada Copa consta de dúas competicións diferentes, unha celebrada o sábado e a outra o domingo, en ámbalas dúas con clasificatorias e finais. Os circuítos tiñan trazados complicados de gran nivel, que fan máis meritorios aínda os resultados obtidos polo Club Deportivo Miño-Teixugos, que acudiu ao evento con nove deportistas, de diferentes categorías.

 Luís Pereira participou en C1 sénior e tanto sábado como domingo conseguiu entrar en finais. O sábado rematou terceiro e domingo segundo, bronce e prata, polo tanto para Luís, que con este posto ten serias opcións a formar parte tanto do equipo sénior como sub-23. Na mesma categoría, Brais Castro, tamén tivo unha boa actuación facendo finais nas dúas xornadas, rematando sétimo nos dous días, que o deixan lonxe do equipo sénior, pero con posibilidades no equipo sub-23.

Manuel Ochoa, tamén en categoría sénior, pero na modalidade de K1, entrou nas finais tanto sábado como domingo, nas finais do sábado fixo unha boa baixada, rematando terceiro, acadando a medalla de bronce, e nas finais do domingo, fixo unha baixada correcta, pero algo lenta, que o deixaron en octavo lugar. Manuel segue con moitas posibilidades de facer equipo sub-23, e con opcións a equipo sénior.

Emilio Rodríguez, en K1 veteranos, dominou as dúas carreiras, facéndose en ámbolos dous días coas medallas de ouro.

As nosa representantes femininas, Alba e Ainhoa, tiveron unha boa actuación, tendo en conta que este ano van na mesma categoría cas deportistas júnior, dous anos máis vellas ca elas. As dúas piragüistas participaron en K1 e C1 xuvenil. Alba Soutelo estivo impresionante nas clasificatorias, en C1, acadou finais os dous días cun segundo e un cuarto posto, xa en finais, rematou a proba en sétimo lugar o sábado e oitava o domingo. Na modalidade de K1, no sábado non acadou a final, rematando décimo terceira, e no domingo si acadou a final, rematando sexta. Ainhoa Barreiro, pola súa parte, en K1, conseguiu meterse en finais na segunda xornada, rematando décimo quinta o sábado e sétima o domingo. En canoa ou C1, o sábado entrou en finais, rematando décima, e no domingo quedou a un posto de chegar á final, rematando undécima.

 Samuel Castro participou en C1 xuvenil, o sábado meteuse nas finais, finalizando noveno e o domingo non acadou finais, rematando undécimo.

Alexis Segadaes en K1 xuvenil, non foi quen de clasificarse para finais, rematando vixésimo oitavo o sábado e cuadraxésimo segundo o domingo. Na mesma categoría Sergio Rodríguez, na xornada do sábado fixo unha boa baixada que o meteu en finais e rematou a proba co quinto mellor tempo. No domingo non deu acadado as finais, rematando décimo oitavo.

Moi bos resultados para o Deportivo Miño, nesta 2ª Copa de España, da que volven con cinco medallas, nunha competición complicada polo alto nivel de participantes e pola dificultade da canle e dos trazados dos circuítos. A vindeira competición a que deberán facer fronte será a 3ª Copa de España a celebrar na Seu D´Urgell o 21 e 22 de marzo, e de onde saíran xa conformados os distintos equipos nacionais.



No hay comentarios:

Publicar un comentario