domingo, 21 de febrero de 2021

1ª COPA E ESPAÑA, MONDARIZ: 20 - 21/02/2021

Esta fin de semana arrancou a Liga Española de Slálom, despois dun ano de parón por mor da COVID-19. A primeira das competicións, 1ª Copa de España de Slálom, celebrouse na localidade de Mondariz. Durante dúas xornadas, o mellor do panorama nacional nesta modalidade de piragüismo, deuse cita nas augas do río Tea. O evento estivo marcado pola adversa meteoroloxía, pola elevadísima participación, con catorce equipos e máis de 200 deportistas, e polo protocolo do coronavirus, con grandes medidas de seguridade e sen público.

 Esta copa constou de dúas competicións diferenciadas, unha sábado e outra domingo, cunha primeira baixada clasificatoria, na que os dez primeiros pasaban á final. O Club Deportivo Miño acudiu con dez deportistas, cos que deu acadado resultados históricos.

 En canoa sénior Luis Fernández foi gañador absoluto nas dúas xornadas. O deportista de Salceda, impúxose nas clasificatorias e nas respectivas finais, tanto sábado como domingo. Na mesma modalidade Alejandro Ochoa non deu conseguido entrar nas finais rematando décimo sexto nos dous días.

 En caiac sénior, o tomiñés Manuel Ochoa, conseguiu a terceira medalla de ouro para os Teixugos. Nas clasificatorias do sábado, un pequeno fallo e unha penalización de dous segundos, deixárono fóra das finais nun décimo quinto lugar. O domingo, co quinto mellor tempo, entrou en finais, e rematou gañando a proba. Na mesma proba, Alejandro Ochoa, rematou trixésimo quinto e trixésimo oitavo. 

Tamén en caiac sénior, Laura Alonso, quedou nas dúas xornadas ás portas das finais co seu duodécimo lugar. 

En categoría xuvenil feminina, Ainhoa Barreiro e Alba Soutelo tiveron unha moi boa actuación, rozando o podio en varias ocasións. Alba , en caiac, rematou sexta o sábado na final e décimo cuarta o domingo, na modalidade de canoa, rozou medalla nos dous días, rematando cuarta e quinta. Pola súa banda, Ainhoa fixo finais nos dous días en caiac, rematando cuarta e sétima, e en canoa foi décimo cuarta e novena. 

En xuvenil masculino, a modalidade de canoa non tivo participación de teixugos, e en caiac, a mellor actuación foi a de Sergio Rodríguez que entrou en finais nas dúas xornadas, rematando quinto e sexto. O seu compañeiro Alexis Segadaes fixo dúas baixadas correctas, pero non o bastante rápido para facer final, rematando décimo sexto e vixésimo. Na mesma categoría, participaron tamén, Rui Malheiro e Adrián Lluch, os máis novos dos nosos participantes, que se estrearon na Liga absoluta nacional, rematando lonxe dos postos de cabeza.

 A seguinte competición, a 2ª copa de España, terá lugar na canle da Seu D´Urgell os días 6 e 7 de marzo. 



 

No hay comentarios:

Publicar un comentario