domingo, 26 de septiembre de 2021

CAMPIONATO DO MUNDO, BRATISLAVA: 22 A 26/09/2021

Ao longo desta semana celebrouse na cidade eslovaca de Bratislava o Campionato do Mundo de Slálom, a máis importante das competicións internacionais desta modalidade. 
A única representación galega no evento foi a do teixugo Luís Fernández Pereira. O deportista do Club Deportivo Miño era un dos tres integrantes do equipo español de canoa que a Federación Española de Piragüismo convocou para o evento. 
A participación comezou para Luís o mércores 22, onde, xunto con Miquel Travé e Ander Elósegui, competiron na modalidade de equipos. Fixeron unha baixada correcta, con poucas penalizacións pero moi lenta, rematando en noveno lugar. 
No día seguinte celebráronse as clasificatorias, onde piragüistas de todo o mundo intentaron acadar un posto en semifinais. Luís fixo unha impresionante primeira baixada, cun tempo de 87,15 segundos, que o meteron directamente en semifinais co sétimo mellor crono. 
O domingo, os trinta semifinalistas, enfrontáronse a un circuíto moi criticado pola súa tremenda dificultade. Luís defendeu moi ben a súa semifinal, cunha baixada rápida, pero dúas penalizacións nas portas de remonte 3 e 10 deixárono fóra da final. Cun tempo de 97,39 segundos, o deportista salcedán rematou nun impresionante décimo cuarto lugar, o que o sitúa na elite do slálom mundial. Con esta competición, dáse por rematada esta tempada 2021. 
Video das semifinais:
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario