Os trazados deste campionato foron longos e complicados, ningún dos participantes baixou do minuto e medio, o vento case permanente tampouco axudou, e moitas das grandes figuras do slálom quedaron fóra de semifinais e finais.
Luís Fernández comezou a súa participación na mañá do venres buscando unha das vinte prazas para semifinais, no primeiro intento fixo unha boa baixada pero tres toques que lle penalizaron seis segundos, deixárono fóra. Na respesca mellorou a baixada anterior, pero non foi suficiente para entrar nas semifinais. Rematou o europeo en vixésimo quinto lugar. No mesmo venres pola tarde, xunto con Miquel Travé e Ander Elosegui, participou na modalidade por equipos de C1, onde fixeron o terceiro mellor percorrido que os levou ao podio onde se colgaron a medalla de bronce.
Manuel Ochoa comezou a súa primeira competición internacional co equipo sénior K1 na mañá do xoves intentando acadar unha praza nas semifinais. No primeiro intento tivo varios fallos que o deixaron lonxe dos postos de clasificación, non así na repesca, que, cunha boa baixada, conseguiu facerse cunha praza. Nas semifinais celebradas o sábado, Manuel saíu a por todas, pero na porta dúas fóiselle a embarcación e tivo que remontar perdendo varios segundos que o deixaron fóra da final, rematando este europeo no vixésimo sétimo lugar. Pola tarde participou na modalidade de equipos ou patrullas, na que baixou o circuíto cos outros dous integrantes do equipo de K1, Joan Crespo e Miquel Travé. Fixeron unha boa baixada, en 101,16 segundos, pero tres toques nas portas relegáronos ao sétimo lugar, lonxe do podio.
Manuel Ochoa tamén formou parte do equipo da nova modalidade olímpica de caiac extremo. Comezou a súa competición na tarde do sábado cunha contra reloxo na que entraban os dezaseis mellores tempos. Fixo unha baixada rápida, sen arriscar para evitar penalizacións, que nesta modalidade te deixan fóra automaticamente, rematando décimo cuarto e meténdose en cuartos de final. En cuartos de final, nunha brillante actuación, deixou atrás aos seus contrincantes, meténdose en semifinais, onde xa non tivo tanta sorte, e quedou fóra de finais. Rematou o evento en octavo lugar.
Destacar tamén a actuación de Ainhoa Lameiro, do Piragüismo Penedo de Tui, que chegou a finais en C1 feminino, onde fixo unha impresionante baixada, rematando sétima no europeo.
A vindeira semana, Luís e Manu, xunto ao resto do equipo nacional participarán na “2022 ICF Canoe Slálom Ranking Race” a celebrar sábado e domingo na cidade alemá de Augsburgo, unha competición internacional aberta puntuable para o ranking mundial de slálom.
No hay comentarios:
Publicar un comentario