lunes, 27 de junio de 2022

COPA DO MUNDO LJUBLJANA-TACEN: 24 a 26/06/2022

 

Do 24 ao 26 de xuño disputouse en Tacen, Eslovenia unha nova Copa do Mundo de Slálom, a que acudiron os  deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos, Luís Fernández e Manuel Ochoa, como parte do equipo nacional español.

Luís Fernández participou na modalidade de canoa ou C1, na que se rema de xeonllos e cunha pa dunha soa folla. Na tarde do venres, xunto con outros 53 deportistas de todo o mundo, disputou as fases clasificatorias, onde fixo unha baixada impresionante, rápida e sen fallos, conseguindo o pase a semifinais co décimo quinto lugar. No domingo, disputáronse as semifinais, onde nunha única baixada tes que acadar un dos mellores dez tempos para acceder as finais. Luís fixo unha baixada correcta pero algo lenta e con dous toques en portas, rematando lonxe das finais, en vixésimo quinto lugar.

Manuel Ochoa participou en K1, na que se rema sentado e cunha pa de dúas follas. A súa participación foi dobre, en slálom normal e en slálom extremo. Na mañá do venres disputáronse as clasificatorias de slálom, no primeiro intento fixo unha baixada moi rápida, pero dous toques nas portas deixárono fóra dos postos de semifinais, posto que acadou no segundo intento. Nas semifinais disputadas o sábado a súa baixada non foi mala, pero algo lenta, quedando lonxe de finais. Rematou trixésimo dun total de 65 participantes. Ese mesmo sábado de tarde, tivo lugar a contra reloxo de slálom extremo, para acadar un praza para clasificatorias, onde fixo unha mala baixada, cunha falta nunha das portas, quedando por primeira vez no que vai de tempada fóra.

Tanto Luís como Manuel terán agora unhas semanas sen competicións, que aproveitarán  para descansar e adestrar. A próxima cita será a 3ª Copa de España a celebrar en Sort o 16 e 17 de xullo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario