martes, 20 de junio de 2023

3ª COPA GALEGA DE SLÁLOM, OURENSE: 18/06/2023

 

    Esta fin de semana volveu o slálom a Ourense. Xa facía anos que non se vía unha competición de slálom nesta cidade, lonxe quedan aqueles anos en que Velle chegou a acoller ata Copas de España de Promoción. Nesta ocasión a cita coas augas bravas foi na acea de Oira, onde se disputaron a 2ª Copa Galega de Promoción e a 3ª Copa Galega de Slálom, con estas competicións Ourense busca postularse como futura sede dunha canle de augas bravas. 
     A participación foi baixa, o que demostra que o slálom necesita máis campañas institucionais de difusión e promoción. Nunca Galicia tivo tantos deportistas en alto nivel, sen embargo non se ve un relevo xeracional. O Club Deportivo Miño-Teixugos non participou en Promoción ao non ter deportistas da categoría. 
     Na 3ª Copa Galega de Slálom, tres foron os deportistas que acudiron e os seus resultados non puideron ser mellores. Emilio Rodríguez acadou a medalla de ouro na categoría K1 veterano, Brais Castro foi prata en C1 sénior e Laura Alonso conseguiu a medalla de ouro en K1 sénior. 
    Na clasificación final por clubs, o Deportivo Miño-Teixugos, rematou quinto, pese aos bos resultados, pola falta de deportistas que puntúen. Dende o club fan un chamamento a todos aqueles que queiran probar este deporte que non dubiden en poñerse en contacto e anotarse, fan fincapé, tamén, no feito de que este é un deporte moi seguro, que se practica baixo normas estritas de seguridade.




No hay comentarios:

Publicar un comentario