As augas do río Coura ao seu paso pola localidade cerveirense de Covas acolleron esta fin de semana dúas competicións da Liga Galega de Slálom. O sábado disputouse a Copa David Castro, a 2ª Copa Galega de Promoción de Slálom, que comprende as categorías benxamín, alevín e infantil. O domingo só as categorías cadete e infantil competiron no Campionato Galego de Novas Promesas.Ámbalas dúas organizadas polo Club Deportivo Miño-Teixugos, que escolleron o magnífico campo de slálom de Azenha de Pagade no veciño Portugal para os dous eventos.
Na mañá do sábado quince pequenos deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos participaron na Copa David Castro, equivalente a segunda das competicións da Copa Galega de Promoción de Slálom. Nestas categorías o resultado non é o que máis importa, os pequenos deportistas supéranse a si mesmos na loita contra o río e melloran a súa técnica.
Seis foron as medallas que acadaron os pequenos teixugos e teixugas. Roque Olveira foi ouro en k1 benxamín, na mesma categoría Nicolás Piñeiro acadou o bronce. Lois Montenegro e Rita Olveira conseguiron a prata en K1 alevín masculino e feminino. Outra medalla de bronce máis para Leila Álvarez en K1 infantil e unha de ouro para a máis nova de toda a competición, Iria Álvarez, que a acadou en K1 pre-benxamín.
Nerea Álvarez quedou cuarta en C1 infantil, sendo a única que dobrou a súa participación. En K1 infantil Alejandro Barreiro foi cuarto, Xurxo Rodríguez sexto e Leo Álvarez sétimo. En K1 Infantil feminino Nerea Álvarez foi quinta, Catalina Sánchez 7 e Beatriz Sánchez oitava. Martín Vicente rematou sétimo en K1 alevín. En K1 benxamín, Brais Vicente conseguiu o quinto lugar e Aarón da Cruz o sétimo.
Na puntuación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos foi declarado gañador con un total de 223 puntos, seguido do Montaña Quixós de Lugo con 192 e o Piragüismo Dumbría con 96.
O domingo, tamén no campo de slálom de Covas, tivo lugar o Campionato Galego de Novas promesas, que solo contou coa participación de dúas “teixugas” que deixaron o pavillón ben alto. Leila Álvarez acadou a medalla de bronce e Nerea Álvarez foi cuarta na categoría infantil.