domingo, 7 de abril de 2024

OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA NO EQUIPO NACIONAL B

     De venres a sábado celebrouse na canle francesa de Pau, aproveitando a 3ª Copa de España de Slálom e 2ª Copa de Caiac Cross, a 2ª semana de probas selectivas tanto para os xogos olímpicos como para os equipos nacionais. 


 

     Nesta ocasión os dous únicos representantes do Club Deportivo Miño-Teixugos foron Luís Fernández en canoa e Manuel Ochoa en caiac. Ámbolos dous coa mente posta máis nos selectivos que na propia Copa. 

    O salcedán Luís Fernández, en C1, viña cunha puntuación moi baixa dos selectivos da semana anterior, que o deixaron fóra da carreira olímpica, pero conservando posibilidades para o equipo nacional. O venres, na primeira competición, foi terceiro en semifinais e en finais, conseguindo a medalla de bronce. O sábado rematou segundo en semifinais, e nas finais foi quinto. Na suma final de puntos do proceso selectivo, e a falta de confirmación oficial, Luís quedaría fóra do equipo principal pola mínima, entrando no equipo B, co que acudirá as Copas do Mundo de Ivrea e Augsburg. 


 

 O Tomiñés Manu Ochoa, en K1, partía con mellor puntuación da primeira fase de selectivos, e aínda contaba incluso con opcións á praza olímpica. O venres rematou as semifinais cuarto e renunciou a facer as finais, ao non ser selectivas, para conservar forzas para o día seguinte. O sábado foi cuarto en semifinais, e nas finais fixo unha impresionante baixada, co mellor tempo, pero un toque na última porta, deixárono fóra do podio e do equipo nacional A. Ao igual que Luís, si estará no equipo nacional B. 

    O domingo celebrouse a 2ª Copa de España de Caiac Cross, que tamén eran selectivas da modalidade, con dúas probas contra reloxo, nelas Manuel rematou segundo e terceiro. Superou a ronda de semifinais, e nas finais rematou segundo, conseguindo a medalla de prata. 


 

Duras probas selectivas, cun nivel que xa levábamos anos sen ver, a diferencia dun posto a outro mediuse en segundos e incluso en décimas de segundo. Tanto Manuel como Luís loitaron man a man cos mellores do país, e souberon estar a altura, quedando os dous fóra do equipo principal pola mínima, a apenas a un punto de logralo.. Na mesma situación se atopa a canoísta Ainhoa Lameiro do piragüismo Penedo de Tui, terceira integrante galega do segundo equipo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario