domingo, 21 de agosto de 2011

5ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLALOM EN DUMBRÍA

Este sábado día 20 celebrouse na localidade coruñesa de Dumbría a 5ª Copa Galega de Promoción de Slálom, na que compiten nenos e nenas das categorías Infantil (nacidos nos anos 1998 e1997), Alevín (nacidos nos anos 1999 e 2000) e Benxamín (nacidos nos anos 2001 e 2002). O Club Deportivo Miño acudiu con cinco nenos e tres nenas a este campionato, os da categoría infantil participaron por partida dobre, pois fixérono na categoría K1, reman en kaiak, van sentados e o remo ten dúas pas e en C1, na que reman en canoa, van de xeonllos e o remo so ten unha pa.
O club de Tomiño conseguiu ao remate da competición da tarde tres medallas de ouro, para Claudia Otero en C1 Infantil, Marina Ruedas en K1 Infantile Víctor Rodríguez en K1 Alevín; tres de prata para Marina Ruedas en C1 Infantil, Claudia Otero en K1 infantil e Brais Castro en K1 infantil e catro de bronce para Clara González en K1 Alevín, Marco Patiño en K1 Alevín, Manuel Ochoa en K1 Infantil e Brais Castro en C1 Infantil.
Na clasificación xeral por equipos os Teixugos remataron na segunda posición por detrás do club anfitrión, o Club Deportivo Municipal Piragüismo Dumbría.
A tempada de Promoción de Slálom 2011 rematará a vindeira fin de semana en Monforte de Lemos onde se celebrará o Campionato Galego de promoción de Slalom.



domingo, 7 de agosto de 2011

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE INFANTILES EN PONTS

Este sábado día 6 de xullo celebrouse na localidade catalá de Ponts o Campionato de España de Infantiles co que se cerrou a tempada 2011 de Slalom a nivel nacional. Os teixugos acudiron cos cinco infatiles cos que conta neste momento: David, Claudia, Marina, Brais e Manuel. Ao final do día non se conseguiu ningunha medalla para o club tomiñés, pero os nenos e nenas deixaron o pavillón ben alto, xa que case todos puntuaron grazas os bos tempos obtidos. Destacar a 4ª e 5ª praza obtidas en K1 Infantil B por Manuel Ochoa e Brais Castro respectivamente, quedando os seus tempos a moi poucos segundos dos gañadores.
Na puntuación final por clubs o Club Deportivo Miño acadou o quinto lugar, sendo o club galego mellor clasificado.
O mérito dos Teixugos e moito pois compite con vascos e cataláns que contan nas súas comunidades con canais adaptadas a este deporte e cunha lexislación a nivel ríos moito menos estrita que a galega, que so parece respectar os dereitos das compañías hidroeléctricas. A nivel económico tamén están motísimo mais respaldados, tanto por patrocinadores como polas súas respectivas federacións.
A vindeira cita será en Dumbría onde se celebrará a 5ª Copa Galega de Promoción de Slalom.


domingo, 31 de julio de 2011

COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE CALDELAS

Este domingo celebrouse na localidade de Caldelas a 4ª Copa Galega de Promoción de Slálom, na que o Club Deportivo Miño-Teixugos acadou a primeiro posto por equipos. A nivel individual os máis novos do club conseguiron cinco ouros, que foron para Clara González en K1 Muller Alevín, Marina Ruedas en C1 e K1 Muller Infantil, Marco Patiño en K1 Home Alevín e Brais Castro en K1 Home Infantil; unha prata para Claudia Otero en C1 Muller Infantil e tres bronces para Claudia Otero en K1 Muller Infantil, Víctor Rodríguez en K1 Home Alevín e Manuel Ochoa en C1 Home Infantil.
O vindeiro fin de semana acudirán os de categoría infantil ao Campionato de España que se celebrará en Ponts na provincia de Lleida, onde acadar unha medalla será unha difícil tarefa dado o alto nivel dos participantes.

domingo, 24 de julio de 2011

JÓVENES PROMESAS SORT

O sábado 23 de xullo celebrouse na localidade catalá de Sort a 2ª Copa de España de slálom correspondente a “VI Liga de Jóvenes Promesas de Slalom”. A localidade de Sort é un dos centros de augas bravas máis importantes da península. Este campionato estaba encravado dentro do “48º Ralli Internacional de la Noguera Pallaresa”.
Os Teixugos acudiron cos catro nenos cos que conta nesta categoría (Nenos nacidos nos anos 97 e98) e lograron facerse cunha medalla de bronce que conseguiu Brais Castro na categoría C1 Infantil B. Na clasificación xeral por equipos acadouse un quinto posto, moi meritorio tendo en conta que acudiron equipos de toda España.
Os catro “teixugos” e un canoísta do Club Piragüismo Penedo de Caldelas foron toda a representación galega que acudiu a este evento. Destacar que Luis Fernández do club Penedo acadou a medalla de prata en C1 InfantilA.

A modo de curiosidade comentar tamén que a representación galega, os cinco piragüistas e catro máis que acudiron como acompañantes, aproveitaron a ocasión para adestrar o xoves e o venres no magnífico campo de slálom desta localidade, chegando a participar nunha competición da modalidade de patrullas(compítese en equipos de tres) e nun campionato de esquimotaxe. Na primeira o equipo galego de patrullas mixta formado por Laura e Pablo dos Teixugos e Marcos do Penedo lograron facerse coa medalla de bronce.


As vindeiras competicións dos máis novos serán en Caldelas para o campionato galego e en Ponts (Lleida) o “III Campeonato de Espàña de Jovenes Promesas”.



domingo, 10 de julio de 2011

JÓVENES PROMESAS ÉCIJA


O pasado sábado 9 de xullo, celebrouse na localidade sevillana de Écija a 1º Copa de España de “Jóvenes Promesas de Slalom”, a que o Club Deportivo Miño acudiu con 5 piragüistas.
O circuíto sevillano caracterizouse pola súa dureza e dificultade, o que provocou que moitos dos nenos e nenas envorcasen.
Participaron equipos do Pais Vasco, Andalucía, Castela e Galicia, os grandes ausentes foron os cataláns.
Ao final da xornada “Os Teixugos” Manuel Ochoa conseguiu dúas medallas de bronce nas categorías de C1 e K1 infantil B, mentres que Brais Castro acadou o 4º posto en K1 infantil B, Claudia Otero un 6º posto en C1 infantil A e Marina Ruedas 7ª en K1 infantil A. Clara González non puntuou nin optou a medalla por non ter aínda a idade e remou na categoría de “abridores”.
Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos acadou o cuarto posto.
As vindeiras competicións serán en Cataluña, concretamente en Ponts e en Sort.
Podedes ver unha reportaxe dos adestramentos do venres e da entrega de medallas aquí:




Por outro lado informar que o pasado 26 de xuño celebrouse a derradeira competición da Copa de España de Slalom no canal olímpico da Seu d´Urgell a que acudiron 10 piragüistas do Club Deportivo Miño. Esta é unha competición de alto nivel na que dous dos “Teixugos” se deron colado na final: Andrea González que rematou 5ª en K1cadete feminino e Adrián Rodríguez que rematou 10º en k1 cadete masculino. Na clasificación por clubs acadouse unha moi boa 7ª posición, por detrás de cataláns e vascos.

domingo, 29 de mayo de 2011

3ª COMPETICIÓN DA COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLALOM NO ROSAL


Na mañá do domingo tivo lugar no Rosal a 3ª competición da Copa Galega de promoción de Slálom organizada polo Club Deportivo Miño-Teixugos. Por desgracia a noticia da xornada ten pouco que ver co deporte ou a deportividade pois varios clubs boicotearon a celebración, non acudindo cos seus equipos. Esta decisión débese a problemas internos entre a Federación Galega e a Española de piragüismo, pretendendo estes clubs forzar ao equipo tomiñés a tomar partido por unha ou outra facción.
O club Deportivo Miño rematou a xornada con 5 medallas de ouro, 5 de prata e 1 de bronce , e na clasificación final por clubs acadou o primeiro posto, seguido do Club de Piragüismo Penedo de Tui e do Muíño de Ribadumia.

domingo, 15 de mayo de 2011

3ª COPA DE ESPAÑA-PADRÓN

Esta fin de semana celebrouse na localidade de Padrón, no río Ulla, a terceira competición da VI Liga de Slálom Olímpico”División de Honor”. Organizada pola Federación Galega contou coa participación de 200 piragüistas pertencentes a 22 clubs de toda España e tamén da veciña Portugal. 
O sábado celebráronse as clasificatorias, o forte vento que soprou ao longo de todo día movía as portas e dificultaba a realización do circuíto. 
O domingo celebráronse semifinais e finais . O nivel dos participantes foi moi alto, e coma xa é habitual, vascos e cataláns xunto cos portugueses coparon os primeiros postos.
Tres Teixugos: Andrea González, Adrián Rodríguez e Guillermo Martínez entraron nas finais de K1 cadete feminino, K1cadete masculino e K1 xuvenil masculino respectivamente.
As dúas anteriores competicións da Copa de España celebráronse na localidade francesa de Pau e na catalá de Fraga. O club tomiñés tamén meteu a a varios padexeiros nas finais
Queda patente nos resultados a falta de apoio e infraestruturas que este fermoso deporte ten na nosa comunidade, aínda que ano a ano os clubs galegos vanse superando.