domingo, 8 de mayo de 2016

3ª COPA DE SLÁLOM GALEGO-MAZARICOS- 7/5/2016




Este domingo celebrouse en Castrelo, Mazaricos, a 3ª Copa Galega de Slálom Olímpico correspondente a Liga Galega de Slálom. A competición, que comezou con moito retraso debido a un malentendido coas empresas eléctricas que controlan as augas do río Xallas, non puido ir mellor para os Teixugos.


Nunha tarde chuviosa e fría, e despois dunha longa espera agardando por un bo caudal de auga, tódolos deportistas deron o mellor de si mesmos. Andrea González gañou en K1 sénior e Laura Alonso quedou terceira na mesma categoría. Brais Castro en C1 sénior tamén acadou o primeiro posto; a mesma posición para Manuel Ochoa en K1 júnior na que ademais Brais Castro quedou terceiro. Outra gañadora na súa categoría foi Ariadna Pereira en K1 infantil. Tamén fixo podio Marco Patiño con unha segunda posición en K1 cadete.


A clasificación final por equipos estivo liderada polo Club Deportivo Miño cun total de 157 puntos, seguido polo Club Piragüismo Penedo de Caldelas con 150 e o Club Tea de Mondariz con 130.


A próxima cita dos Teixugos será nas augas do Esla na localidade leonesa de Sabero, onde se celebrará a 3ª Copa de España de Slálom os día 28 e 29 de maio.

domingo, 10 de abril de 2016

2º COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM( 9 e 10 de abril de 2016)





Ao longo das dúas xornadas desta fin de semana estaba prevista a celebración da 2ª Copa de España de Slálom en San Miguel , Irún . Os Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con cinco deportistas: Emilio Rodríguez, Andrea González, Luís Fernández, Brais Castro, Manuel Ochoa e Marco Patiño.


O sábado estivo marcado pola chuvia e o frío, pero a xornada desenrolouse sen problemas. O domingo, a pesares de que o tempo tivo melloría, suspendeuse a competición a causa das fortes rachas de vento que facían imposible o trazado por parte dos piragüistas.


Este ano a Federación Española de Piragüismo cambiou o sistema de competición da Liga de Slálom, tendo lugar ao longo de dúas xornadas, puntuando o resultado dos dous días. A consecuencia da suspensión do domingo, solo se tiveron en conta os resultados do sábado.


Os Teixugos volven a dar fe do seu bo momento regresando para a casa con tres medallas. Luís Fernández quedou terceiro en C1 sénior, Manuel Ochoa tamén terceiro en K1 júnior e Brais Castro gañou na categoría C1 júnior. Resultados que poñen aos Teixugos no máis alto do Slálom español.






Teixugos en Irún


Brais Castro gañador en C1 júnior

domingo, 20 de marzo de 2016

TRES TEIXUGOS NO EQUIPO NACIONAL DE SLÁLOM

Histórica fin de semana para o Club Deportivo Miño, que logrou que tres dos seus piragüistas entraran a formar parte do equipo nacional.
Na pasada fin de semana celebrouse a 1ª Competición da Copa de España de Slálom, que ademais funcionou como 1º selectivo. Luís Fernández, Brais Castro e Manuel Ochoa foron quen de entrar nos seis mellores da súa categoría e pasar ao 2º selectivo a celebrar na localidade francesa de Pau.
 Esta fin de semana, na canle de Pau tivo lugar o 2º selectivo. Sábado cada deportista fixo dúas mangas e o domingo outras dúas. O resultado final non puido ser mellor. Luís Fernández, que adestra desde fai anos no centro nacional da Seu D´Urgell, acadou praza na modalidade C1 absoluta e C1 sub-23. Brais Castro entrou en C1 júnior e Manuel Ochoa en k1 júnior, ámbolos dous están becados no Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra, adestrados por Ekhi Díez. Xunto a eles tres entrou tamén outra galega do centro, Ainhoa Lameiro, do Club Penedo de Caldelas.
Histórico resultado para o slálom galego, xa que a selección nacional desta modalidade está dominada desde fai anos por cataláns e vascos, sendo a primeira vez que un galego entra na categoría absoluta, e, a primeira tamén, que tantos galegos superan o selectivo.
Os catro, xunto cos restantes seleccionados, representarán a España no Campionato do Mundo que se disputará en Cracovia, Polonia.
O mérito destes deportistas e maior, se cabe, porque tiveron que clasificarse coa desvantaxe que supón que as probas se realizaron na canle na que adestra o equipo catalá, Seu, e na que adestra o equipo vasco, Pau. Eles xogaban na casa, os nosos xogaron fóra.

1ª COMPETICIÓN COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM-SEU 12/13-03-2016

Esta fin de semana, o 12 e 13 de marzo, celebrouse a primeira competición da Liga Española de slálom “Manuel Fonseca”, na localidade catalá da Seu D`Urgell. Os deportistas do Club Deportivo Miño levaba moitas expectativas, pero non se viron todas cumpridas, pois a competición foi dura ao longo de dous días. Aínda así o club acadou dúas medallas de prata: Luís Fernández en C1 na categoría sénior e Brais Castro, tamén en canoa pero categoría júnior. Manuel Ochoa rozou o podio cunha quinta praza en K1 júnior e, na mesma categoría, Brais Castro quedou sexto. Esta competición forma parte ademais das probas para o Selectivo Nacional, que continuaran a vindeira fin de semana na localidade francesa de Pau. Para este segundo selectivo clasificáronse Luís Fernández, Brais Castro e Manuel Ochoa. Sábado e domingo farán as súas baixadas intentando estar entre os mellores para formar parte da selección nacional Júnior e SUB-23.

sábado, 5 de marzo de 2016

2º COMPETICIÓN DA LIGA GALEGA DE SLÁLOM-SALVATERRA, 05-03-2016

Na mañá deste sábado tivo lugar a 2ª competición da Liga Galega de Augas Bravas 2016. Celebrouse no río Tea, en Alxén, Salvaterra do Miño, nesta ocasión organizada polo Club Piragüismo Penedo. Participaron unha centena de deportistas das categorías sénior, júnior, cadete e infantil.

O Club Deportivo Miño acudiu con 10 deportistas que fixeron un total de 14 participacións pois algúns deles fixeron dobre participación, baixando en kaiak e canoa.

Andrea González, na categoría sénior, gañou en C1 e quedou segunda en K1. Na mesma categoría Laura Alonso quedou segunda en C1 e terceira en K1. Na categoría júnior, Brais Castro, gañou en C1 e quedou terceiro en K1 e Manuel Ochoa gañou en k1 e quedou segundo en C1. Ariadna Pereira foi prata en K1 Infantil.

Sumando polo tanto tres ouros, catro pratas e dous bronces para os Teixugos. Na puntuación final por equipos os Club Deportivo Miño-Teixugos quedou en primeiro lugar con 172 puntos, seguido polo Club Tea de Mondariz con 167 e terceiro o Club Penedo con 112.

 A seguinte cita será vindeira fin de semana na 1ª Competición da Copa de España que se celebrará na canle da Seu D´Urgell, e que ademais será selectiva para conseguir praza para o equipo nacional. SORTE TEIXUGOS!!!

domingo, 28 de febrero de 2016

COPA DAVID CASTRO DE PIRAGÜISMO 28/02/2016

Este domingo celebrouse no río da Pedra, en Tomiño, a Copa David Castro de slálom. Organizada pola Federación Galega de Piragüismo e polo Club Deportivo Miño, esta é primeira das competicións desta tempada da Liga Galega de Promoción de Slálom. Participaron 7 clubs galegos cun total de 78 deportistas das categorías alevín, infantil e benxamín. Os Teixugos remataron cun resultado inmellorable, xa que acadaron 6 medallas de ouro, dúas de prata e dúas de bronce, sendo o club participante que acadou máis podios. Alba Soutelo conseguiu dúas primeiras prazas en K1 e C1 Alevín, Ariadna Pereira tamén con dúas primeiras prazas en K1 e C1 Infantil; e Sergio Martínez tamén primeiro nas dúas modalidades, K1 e C1 Alevín. Samuel Castro e Ainhoa Barreiro foron prata en C1 Alevín e bronce en K1 Alevín nas categorías masculina e feminina respectivamente. Na clasificación final por equipos quedou en primeiro lugar o Club Piragüismo Penedo de Caldelas, segundo o Club Piragüismo Tea de Mondariz e terceiro o Club Deportivo Miño-Teixugos. A seguinte cita co slálom será a 2ª competición da Copa Galega que terá lugar a próxima fin de semana en Salvaterra. FOTOS

domingo, 24 de enero de 2016

VII TAÇA IBÉRICA DE SLALOM

Esta fin de semana tivo lugar en Azenha de Pagade, na localidade lusa de Covas, a VII Taça Ibérica de Slálom, coa que se abre a tempada de piragüismo na modalidade de augas bravas, tanto a nivel autonómico galego como nacional portugués. Nesta xornada de convivencia participaron os clubs galegos e portugueses máis importantes. Durante a tarde do sábado celebráronse as eliminatorias, cun circuíto difícil e de moi alto nivel, polo que moitos deportistas xa quedaron eliminados de finais ao non superar o tempo de corte. Ao longo da mañá do domingo tiveron lugar as finais, cos seguintes gañadores; na modalidade de kaiak ou k1masculino: en Infantil, Eduardo Teixeira do ADA de Amarante; en Cadete, Jorge Quintáns do Club Sensiras de Dumbría; en Júnior, Manuel Ochoa dos Teixugos; en Sénior, Ivan Silva do Augas Bravas Club de Amarante; e en Veterano Aaron Rey do Club Sensiras de Dumbría. Na modalidade de kaiak ou k1 Feminino : en Infantil, Ariadna Pereira dos Teixugos; en Cadete Ainhoa Lameiro do C.P. Penedo de Caldelas; e en Sénior Andrea González dos Teixugos. Na modalidade de canoa ou C1 masculino: en Infantil, Borja Martinez CP Penedo de Tui; en Cadete, Miguel Olaya do CP Penedo; en Júnior, Brais Castro dos Teixugos; e en Sénior José Carvalho do ADA Amarante. E finalmente, na modalidade de canoa ou C1 feminino: en Infantil, Ariadna Pereira dos Teixugos; en Cadete, Ainhoa Lameiro do CP Penedo de Caldelas; e en C1 Sénior Lara Silva do Augas Bravas Club de Amarante. A vista dos resultados as cousas non puideron ir mellor para os Teixugos, o Club Deportivo Miño, rematou con cinco medallas de ouro, curiosamente, non acadou ningunha de prata ou de bronce. Na clasificación final por clubs quedou en primeiro lugar o Augas Bravas Club de Amarante, segundo O Club Deportivo Miño-Teixugos e terceiros o CP Penedo de Caldelas. Destacar destas dúas xornadas o elevado nivel dos deportistas participantes e a impecable organización da mesma.