domingo, 26 de mayo de 2019

CAMPIONATO GALEGO, COVAS:26/05/2019

Este domingo, nas augas do río Coura, na localidade portuguesa de Covas, tivo lugar o Campionato Galego de Slálom. Esta é a competición máis importante da Liga Galega de Slálom. 

O Club Deportivo Miño-Teixugos, acudiu cun equipo de dez deportistas, moitos dos cales fixeron dobre participación en C1 e K1. 

En C1 muller cadete Ainhoa Barreiro foi a gañadora da proba seguida pola súa compañeira Alba Soutelo, que foi prata. As dúas participaron tamén na modalidade de K1, onde Ainhoa foi segunda, por detrás de Roxana Bernárdez do Club Tea, e Alba fixo tamén podio, rematando terceira.

 En K1 infantil Mateo Rivas conseguiu a medalla de prata por detrás de Martín Fernández do Piragüismo Dumbría, e o seu compañeiro Adrián Lluch rozou o podio co seu cuarto lugar. 

En K1 cadete, Sergio Rodríguez acadou o bronce e, na mesma categoría, Alexis Segadaes foi quinto. Tamén en cadete, pero en C1, Samuel Castro rematou segundo por detrás de Brais Caride do Piragüismo Penedo. 

Na categoría absoluta ou sénior, en C1, Luís Fernández gañou a proba, seguido do tamén teixugo Brais Castro. Na modalidade de K1, Emilio Rodríguez conseguiu a medalla de prata por detrás de Axel Afonso do Club Tea, e Brais Castro, que tamén baixou en kaiak ramatou cuarto. 

Moi bos resultados para o Club Deportivo Miño-Teixugos, con dous campións galegos, Luís Fernández en C1 sénior e Ainhoa Barreiro en C1 cadete, seis medallas de prata e dúas de bronce. 

Na clasificación final por equipos, o gañador do Campionato foi o Club Tea de Mondariz, en segundo lugar quedou o Club Piragüismo Penedo e terceiros o Club Deportivo Miño-Teixugos. 

domingo, 19 de mayo de 2019

3ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM, SEU D´URGELL:18/19-05-2019

Esta fin de semana tivo lugar na canle da localidade catalá da Seu D´Urgell a 3ª Copa de España de Slálom Olímpico. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cun equipo moi minguado, so seis deportistas, coas ausencias de Manu Ochoa, Laura Alonso e Mateo Álvarez por un fallo informático que os deixou fóra das listas, e dos irmáns Castro, Brais e Samuel, por compromisos persoais. 

Alba Soutelo, deportista cadete, participou tanto en C1 como en K1. En K1 cadete conseguiu o sábado entrar en semifinais, e no domingo non foi quen de facer final, rematando novena. En C1 no sábado conseguiu praza para final directa, rematando finalmente nun meritorio cuarto lugar. 

Ainhoa Barreiro, tamén na categoría cadete, e tamén dobrando participación, C1 e K1, durante a mañá do sábado non foi quen de entrar en ningunha das dúas semifinais, rematando oitava en C1 e undécima en k1.

 Luís Fernández, na máxima categoría de C1, a categoría sénior, fixo unhas moi boas clasificatorias entrando en semifinais cun cuarto posto. Nas semifinais do domingo fixo unha impresionante baixada que o meteron en finais co segundo mellor tempo, a súa final foi boa, pero non o suficiente para lograr medalla, rematado cuarto, a quince centésimas de segundo da medalla de bronce. 

Emilio Rodríguez, na categoría K1 veterano, nas clasificatorias do sábado logrou entrar nas finais co segundo mellor tempo. Xa nas finais do domingo fixo o terceiro mellor tempo, acadando a medalla de bronce, a única coa que regresaron os Teixugos. 

Alexis Segadaes, en K1 cadete, foi quen de entrar en semifinais coa súa baixada do sábado, pero xa no domingo non conseguiu entrar en finais , rematando vixésimo. 

Na mesma categoría, Sergio Rodríguez, tamén deu entrado en semifinais coa súa actuación do sábado. Xa na mañá do domingo, fixo unha baixada moi correcta, pero algo lenta que o deixaron fóra de finais, rematando duodécimo.

 Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou e quinta posición.






domingo, 5 de mayo de 2019

SELECTIVOS NACIONAIS 2019, SEU D´URGELL E PAU: 26/04/2019 a 05/05/2019

Desde o 26 de abril ao 5 de maio, a federación española xunto coa francesa fixeron os selectivos para conformar os seus equipos nacionais. Foron catro as probas as que tiveron que facer fronte os mellores deportistas españois de cada modalidade. As dúas primeiras probas celebráronse na canle da Seu DÚrgell do 26 ao 28 de abril, e as dúas seguintes na localidade francesa de Pau do 1 ao 4 de maio. Para os atletas senior e sub-23 sumáronse os tres mellores resultados, descartándose o peor, para os júnior os dous mellores, descartando outros dous. 

Once foron os representantes galegos que conseguiron entrar nestes selectivos, dos cales tres eran do Club Deportivo Miño-Teixugos: Brais Castro e Luís Fernández en canoa e Manuel Ochoa en kaiak. Foron uns selectivos difíciles, con moitos resultados sorprendentes, nos que deportistas que partían como favoritos estiveron a piques de quedarse fóra. Os teixugos puxeron todo da súa parte e deron o mellor de si, pero no slálom o máis pequeno fallo págase caro. 

Brais Castro conseguiu facer unhas baixadas bastante correctas, pero algo lentas que o deixaron fora do equipo español. 

Luís Fernández tivo unha competición bastante irregular, unha primeira baixada mala, cunha penalización de 50 segundos, as dúas seguintes moi boas, facendo final nas dúas, e xa no último día, un pequeno fallo que o árbitro non pasou por alto, deixouno fóra do equipo nacional sénior e sub-23 por primeira vez en moitos anos. Luís e Brais terán posibilidade de repesca para o equipo sénior no Campionato de España de Slálom a celebrar no mes de agosto. 

Manuel Ochoa tamén comezou con mal pé, cunha penalización de 50 segundos que o deixaron nos últimos postos. Na segunda proba fixo a súa mellor baixada, gañando a final B, na terceira foi correcto pero lento e xa na cuarta tamén acadou final B. Estes resultados deixárono fóra da selección sénior pero permítenlle facerse cunha das tres prazas do equipo nacional sub-23 de K1 xunto co segoviano David LLorente e o vasco Unai Nabaskues. Este é o segundo ano consecutivo que o teixugo se fai cun lugar no equipo nacional sub-23 de kaiak, sendo o primeiro e único galego que forma parte do equipo español na modalidade K1. No mes de xullo Manuel acudirá ao Campionatos do Mundo e de Europa júnior e sub-23 a celebrar en Cracovia e Liptovsky, respectivamente. 

Xunto con Manuel, outros dous galegos, os dous do Penedo Te Importa de Tui, acadaron praza, Daniel Pérez formará parte da selección española júnior en C1 e Ainhoa Lameiro, a gran revelación destes selectivos, acadou unha histórica praza no equipo de C1 feminino sénior e tamén no sub-23, sendo a primeira deportista galega en conseguilo. 




domingo, 28 de abril de 2019

2ª COMPETICIÓN DE PROMOCIÓN-O CORDEIRO: 28/04/2019

Este domingo tivo lugar en O Cordeiro, Salvaterra, a segunda das competicións da Liga Galega de Promoción de Slálom.
A Liga de Promoción abarca os máis pequenos dos diferentes clubs galegos, concretamente as categorías pre-benxamín, benxamín, alevín e infantil.
Un total de cincuenta nenas e nenos tomaron a saída, dos cales catro foron en representación do Club Deportivo Miño-Teixugos.
Adrián Lluch rematou sexto en C1 Infantil e undécimo en K1. Na mesma categoría Mateo Rivas rematou décimo.
 En K1 Benxamín Javier Lluch foi segundo, medalla de prata, polo tanto, e o seu compañeiro de categoría, Sergio Álvarez, rematou quinto.
 En K1 pre-benxamín Alejandro Barreiro foi primeiro. Na clasificación por equipos os Teixugos remataron na sexta posición.
Nestes momentos o Deportivo Miño, aínda que ten un equipo de promoción algo minguado, conta cun bo equipo nas categorías superiores, con moitos dos seus Deportistas competindo ao máis alto nivel. Ao longo desta semana e a que ven, Brais Castro e Luís Fernández en C1 e Manuel Ochoa en K1 loitarán por conseguir unha das tres prazas para o equipo español nos selectivos nacionais que se celebran nas canles da Seu D´Urgell e de Pau, en Francia.


martes, 2 de abril de 2019

CAMPIONATO NACIONAL PORTUGUÉS- VIZELA: 30/31-03-2019

Esta fin de semana celebrouse na localidade portuguesa de Vizela o Campeonato Nacional de Slálom, correspondente a Liga Portuguesa de Slálom. Como xa é habitual, os clubs galegos tamén acudiron ao evento.
Neste caso, en representación do Club Deportivo Miño só acudiu Alexis Segadaes, na categoría K1 cadete. O sábado Alexis acadou a cuarta posición nas clasificatorias, que lle deron acceso as finais a celebra no domingo. Xa nas finais, Alexis foi o mellor da súa categoría, facéndose coa medalla de ouro.
A vindeira cita co slálom será na Copa Pirineus, onde se dan cita deportistas de todo o mundo, e no que os Teixugos intentarán acadar praza nos selectivos nacionais sénior, sub-23 e júnior.


domingo, 24 de febrero de 2019

1ª COPA DE ESPAÑA, ORTHEZ: 23/24-02-2019

Esta fin de semana tivo lugar na localidade francesa de Orthez a primeira competición da Liga Española de Slálom Olímpico. A falta de canles de augas bravas en España, obriga a que moitas competicións recorran as infraestruturas do país veciño, coma neste caso. 
O Club Deportivo Miño- Teixugos acudiu, como xa é habitual, con tódolos seus deportistas de categorías superiores. 
A mellor actuación foi a de Luís Fernández, na modalidade C1 sénior, na mañá do sábado foi quen de entrar en semifinais co segundo mellor tempo, despois no domingo entrou nas finais, onde se impuxo a todos os participantes e acadou a medalla de ouro desta 1ª Copa de España. 
A outra medalla de ouro foi para Emilio Rodríguez en K1 Veterano, que se impuxo aos seus competidores na final directa do domingo. 
Na categoría K1 muller cadete, as dúas representantes do club, Alba Soutelo e Ainhoa Barreiro, foron quen de superar as clasificatorias e entrar nas semifinais. Xa na mañá do domingo, non deron pasado a finais, rematando sétima e octava respectivamente. Tamén participaron en C1 Cadete, onde tras pasar a semifinais non conseguiron facer final, rematando Ainhoa sétima e Alba novena. 
Brais Castro, en C1 sénior, tamén acadou semifinais no sábado, e xa no domingo non foi quen de entrar en finais, por apenas un segundo, rematando na quinta posición. 
Samuel Castro en, C1 cadete, na mañá do sábado logrou entrar nas semifinais, pero non nas finais do domingo, rematando en quinto lugar. 
Manuel Ochoa en K1 sénior tamén logrou o seu pase a semifinais na mañá do sábado, xa en semifinais fixo unha moi boa baixada, co terceiro mellor tempo, pero quedou fóra de finais por unha dubidosa penalización de 50 segundos, rematando décimo oitavo.
 Sergio Rodríguez, en K1 cadete, acadou tamén semifinais, pero non finais, rematando en décimo segundo lugar. Na mesma categoría, Alexis Segadaes, quedou fóra de semifinais rematando vixésimo cuarto. 
Na clasificación por equipos o gañador foi o Atlético San Sebastián, seguido do Cadí Canoe-Kayak, en terceiro lugar quedou o Santiagotarrak, na cuarta posición os galego do Piragüismo Penedo e xa a seguir o Deportivo Miño-Teixugos que rematou en quinto lugar. 

A próxima competición da Liga Española de Slálom será en terras galegas, concretamente nas augas do río Tea ao seu paso por Mondariz. 


domingo, 3 de febrero de 2019

X TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM- COVAS:2-3/02/2019

Gran festa do piragüismo esta fin de semana nas augas do río Coura. Na aldea de Covas, no lugar de Azenha de Pagade, celebrouse a X edición da Taça Ibérica de Slálom, organizada polo Club Deportivo Miño-Teixugos.Contou co a presencia da televisión galega, podedes ver o programa Padexando no seguinte link: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/padexando-24-4062967

Esta cita é un exemplo máis da cooperación e colaboración galego-portuguesas, pois a Taça puntúa como primeira competición da Liga Portuguesa de slálom e como segunda Copa da Liga Galega de Slálom. Ademais dos representantes galegos e portugueses, acudiron tamén deportistas do Centro de Alto Rendemento de León, un total 136 os padexeiros e padexeiras tomaron a saída na tarde do sábado nas augas do Coura. Destacar o alto nivel dos deportistas participantes nas distintas categorías, aínda que se segue botando en falta unha maior presencia feminina.

 En K1 sénior o gañador foi Alejandro Drago do club catalá Baix Cinca, nesta categoría oTeixugo Emilio Rodríguez entrou en finais , rematando décimo oitavo, e Alejandro Ochoa foi vixésimo quinto. En K1 home júnior o club non levou representación, e en k1 cadete os dous representantes pasaron a finais, Alexis Segadaes acadou a medalla de bronce e Sergio Rodríguez foi quinto. En K1 infantil Adrián Lluch foi bronce e Mateo Rivas cuarto. 

Na categoría absoluta feminina de kaiak a gañadora foi a portuguesa Sara Bastos do ADA Amarante, categoría na que a teixuga Laura Soutelo rematou cuarta. O club tamén levou representación na categoría cadete, Ainhoa Barreiro foi a gañadora e a súa compañeira Alba Soutelo foi segunda, sendo as únicas deportistas que superaron o tempo de corte e entraron en finais. 

En C1 sénior, ou absoluto, o gañador foi o teixugo Brais Castro, cunha baixada impresionante, rápida e sen fallos, que o puxeron por diante do segoviano David Cano do Río Eresma e do olímpico José Carvalho do ADA Amarante. Nesta categoría Alejandro Ochoa foi décimo sétimo e Luís Pereira abandonou debido a unha lesión. Na categoría cadete, Samuel Castro foi o mellor, facéndose co ouro da categoría.

En canoa feminino a participación andou baixo mínimos, e so as teixugas da categoría cadete fixeron final, resultando Alba Soutelo primeira e Ainhoa Barreiro segunda. 
Oito medallas, polo tanto, para o Club Deportivo Miño nesta emblemática competición. Na clasificación final por equipos o gañador foi o Club Deportivo Miño –Teixugos, seguido de cerca polo PenedoTe importa de Caldelas e o Tea de Mondariz en terceiro lugar.
Pra ver tódolos resultados, preme AQUÍ 

Para ver as fotos preme na imaxe.
https://photos.app.goo.gl/eu6c1jhugeLMaFW57