domingo, 22 de septiembre de 2019

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, DUMBRÍA:22/09/2019

Este domingo as augas do río Xallas na localidade de Dumbría recibiron aos máis pequenos do slálom galego para competir no Campionato Galego de Promoción . A competición caracterizouse pola baixa participación, apenas 60 deportistas das categorías pre-benxamín, benxamín, alevín e infantil. Cada deportista fixo dúas baixadas, puntuando para posición a mellor das dúas.

O club Deportivo Miño acudiu ao evento con seis deportistas, que deron o mellor de si mesmos no ambiente de amizade e deportividade que caracteriza ao slálom.
O máis pequeno do club, Alejandro Barreiro, foi o gañador da categoría prebenxamín. Javier Luch, fixo o mellor tempo da categoría benxamín na súa segunda baixada, proclamándose campión galego de K1. Pedro Lomba rematou sétimo en K1 alevín. Mateo Álvarez, tivo participación dobre, en kaiak e canoa, fixo dúas baixadas impecables sen penalizacións en K1, rematando sétimo en K1 e oitavo en C1. O seu compañeiro de categoría, Adrián Lluch tamén tivo dobre participación, rematando sétimo en C1 e décimo en K1.

Na clasificación final por clubs, o Club Deportivo Miño-Teixugos, rematou en quinto lugar.

Dende o Club Deportivo Miño queren animar aos nenos e nenas de Tomiño a probar este deporte anotándose en slálom como actividade extraescolar. A través do slálom foméntase a actividade física, a deportividade e a amizade, e a única condición que se necesita e saber nadar, o resto, chaleco, pa, casco e barco, facilítaos o Club.

domingo, 8 de septiembre de 2019

COPA DO MUNDO, PRAGA: 6 a 8/09/2019

Luís Fernández, en canoa, e Manuel Ochoa, en kaiak, formaron parte do equipo nacional que acudiu esta semana a última Copa do Mundo de Slálom celebrada na cidade checa de Praga do 6 ao 8 de setembro. Foron os únicos galegos que a Federación Española de piragüismo convocou para esta competición.
O venres seis tiveron lugar as clasificatorias, nas que cada deportista gozou de dúas oportunidades para poder entrar nas semifinais.
En C1 masculino cincuenta e cinco canoístas de todo o mundo intentaron estar entre os trinta mellores para acceder a semifinais. Luís fixo unha primeira baixada algo lenta, e na porta 16 penalizou con 50 segundos, quedando fóra; na repesca fixo unha baixada rápida, con tempo de entrar en semifinais, pero un toque no remonte da porta 11, con dous segundos de penalización, deixárono fóra. Na clasificación final do evento Luís rematou trixésimo quinto.
En K1 masculino, a máis numerosa das categorías con 78 deportistas participantes, acadaban praza en semifinais os corenta mellores. Manuel fixo os seus dos intentos para conseguilo, facendo dúas baixadas correctas, sen fallos nin penalizacións, pero lentas, lonxe das súas marcas, quedando fóra. Rematando a Copa no posto cincuenta e un.
 Para Manuel esta é a última competición da tempada 2019, na que acadou éxitos tales como o subcampionato de España absoluto ou o bronce por equipos no Campionato do Mundo sub-23. Despois dun breve e merecido descanso comezará a preparar xa a tempada 2020.
Luís, pola súa banda, formará parte da selección española que participará no Campionato do Mundo a celebrar do 25 ao 29 de setembro na canle da Seu D´Urgell. Esta é unha competición de gran importancia, pois nela se decidiran as prazas para Tokio 2020. Luís pode acadar resultados históricos para o piragüismo galego, pois é bo coñecedor desta canle onde leva adestrando moitos anos xa.

domingo, 1 de septiembre de 2019

4 COPA DO MUNDO, MARKKLEEBERG: 30 a 1/09/2019

Do 30 de agosto ao 1 de setembro tivo lugar en Markkleeberg, Alemania, a cuarta Copa do Mundo de Slálom. España acudiu ao evento co seu equipo sénior de slálom do que formou parte Luís Fernández, deportista do Club Deportivo Miño-Teixugos.
O deportista de Salceda foi un dos tres representantes españoles na modalidade de canoa. O venres 30 Luís fixo a súa primeira baixada para entrar entre os vinte primeiros e acceder a semifinais, fixo unha baixada correcta, pero algo lenta, que xunto con catro segundos de penalización por dous toques o deixaron fóra. Nesa mesma mañá baixou por segunda vez e tampouco tivo a sorte da súa parte, e non conseguiu praza en semifinais. Rematou a súa participación nesta copa no trixésimo quinto lugar.
Outra galega tamén formou parte do equipo, a salcedense do Club Piragüismo Penedo Te Importa Ainhoa Lameiro, tamén na modalidade de canoa. Ainhoa conseguiu entrar en semifinais pero non nas finais, rematando no vixésimo quinto lugar.
Do 6 ao 8 de setembro Luís acudirá a última Copa do Mundo desta tempada a celebrar en Praga, na República Checa, nesta ocasión tamén formará parte do equipo nacional o seu compañeiro de club Manuel Ochoa.

domingo, 25 de agosto de 2019

CAMPIONATO DE ESPAÑA "JÓVENES PROMESAS", SABERO: 24-25/08/2019

Esta fin de semana celebrouse na localidade leonesa de Sabero o Campionato de España “Jóvenes Promesas de Slálom”. Deportistas das categorías infantil e cadete de toda España déronse cita na canle de augas bravas de Alejico.

 O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu a cita con oito piragüistas que deron o mellor de si sobre as augas do río Esla. O sábado tiveron lugar as probas clasificatorias que daban acceso as semifinais a celebrar o domingo.

Na categoría cadete Samuel Castro en C1 e Alba Soutelo en K1 e C1, e Ainhoa Barreiro en K1, non tiveron sorte e quedaron fóra das semifinais. Si conseguiron superar as clasificatorias Ainhoa Barreiro en C1, Sergio Rodríguez en K1 e Alexis Segadaes tamén en K1. Na categoría Infantil Mateo Alvarez en K1 e Adrián Lluch en K1 e C1, non conseguiron cas dúas baixadas acadar un posto nas semifinais, aínda que estiveron moi preto de conseguilo.

O domingo Alexis Segadaes, en K1 cadete, fixo unha boa baixada en semifinais, pero o tempo non lle permitiu a entrada na final, rematando a competición cun meritorio décimo lugar. Na mesma categoría Sergio Rodríguez si acadou praza nas finais onde fixo o terceiro mellor tempo, acadando por tanto a medalla de bronce. En C1 muller cadete houbo finais directas, e Ainhoa Barreiro baixou ben e sen penalizacións, rematando terceira e conseguindo a a medalla de bronce.

Bo balance para os Teixugos neste campionato de España con dúas medallas de bronce, pero sobre todo boa experiencia para os máis pequenos do Club que aproveitaron para remar e adestrar nunha canle adaptada para o seu deporte, canle da que carece Galicia, e sobre todo para intercambiar experiencias e amizades con outros deportistas do resto de España.

Tamén se celebrou nestas xornadas o “Campeonato de España Infantil por Autonomías” acadando os galegos a terceira posición por detrás de vascos e catalás.

domingo, 4 de agosto de 2019

CAMPIONATO DE ESPAÑA 2019, LA SEU D´URGELL:3-4/08/2019

Esta fin de semana tivo lugar no Parque Olímpico do Segre, na localidade ilerdense da Seu D`Urgell o Campionato de España de Slálom. Máis de douscentos deportistas de toda España se deron cita nas augas da canle olímpica para disputar a última e máis importante das competicións da liga española de slálom olímpico. 

O sábado pola mañá tiveron lugar as clasificatorias para entrar en semifinais, cun circuíto complicado na xa de si complicada canle da Seu. Pola tarde celebráronse as competicións por equipos. Rematou o campionato na mañá do domingo coas distintas semifinais e finais. 

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con 10 dos seus deportistas que deron o mellor de si mesmos, rematando cun balance histórico para club.

  Manuel Ochoa en K1 absoluto ou sénior, superou as clasificatorias, entrando en semifinais co terceiro mellor tempo. Na mañá do domingo fixo unha moi boa semifinal que lle deu acceso a finais, nas que so entraban os dez mellores deportistas. Nunha final de infarto, Manu fixo unha baixada rápida e sen penalizacións que nun primeiro momento o daba como campión, pero o equipo arbitral estimou unha reclamación interposta polo vasco Samuel Hernanz, no que se lle retirou unha penalización por toque de dous segundos, que lle deu o campionato, quedando o teixugo Manu en segundo lugar. Histórica medalla de prata, pois é a primeira acadada por un galego en K1 nun campionato de España na categoría absoluta. 

Tamén en K1, pero categoría veteranos, Emilio Rodríguez conseguía na mañá do sábado entrar en finais co terceiro mellor tempo. Xa no domingo fixo unha boa baixada, rematando terceiro por detrás do catalá Carles Juanmartí e do vasco Urko Zabaleta, o que lle supuxo a medalla de bronce da categoría. 

A terceira medalla foi para o canoísta Luís Fernández. O deportista tivo unha actuación que solo pode cualificarse como excepcional. Na mañá do sábado conseguiu un posto en semifinais co cuarto mellor tempo, xa na mañá do domingo fixo unha baixada perfecta en semifinais que o levaron a finais co mellor tempo de todos. E na baixada decisiva rematou terceiro, por detrás do vasco Ander Elósegui e do catalá Miquel Travé. Medalla de bronce, por tanto, para Luís en C1 sénior. Este posto tamén lle deu a Luís o acceso a unha praza que había vacante na selección española e que o levarán a disputar o Campionato do Mundo a celebrar nesta mesma canle, campionato nos que se decidiran as prazas para a vindeira olimpíada de Tokio. 

Sergio Rodríguez e Alexis Segadaes, en K1 cadete, tamén conseguiron superar as clasificatorias. Nas semifinais do domingo Alexis rematou duodécimo, quedando fóra de finais por moi pouco o seu compañeiro Sergio fixo o terceiro mellor tempo, o que lle deu entrada en finais con serias aspiracións a medalla. Durante a final fixo unha baixada algo lenta que o deixaron finalmente nun décimo lugar. 

A outra semifinalista foi Ainhoa Barreiro en K1 e C1 cadete, rematando sétima nas dúas categorías, quedando fóra de finais pois só entraban as cinco mellores, ao ser unha categoría pouco numerosa. 

Alba Soutelo en k1 e C1 cadete, Samuel Castro en C1 cadete e Brais Castro en C1 sénior, que non conseguiron clasificarse para semifinais, e Mateo Álvarez como abridor, completaron o equipo de deportistas o Club Deportivo Miño nesta importante cita. 

Ao longo da tarde do sábado tivo lugar a competición por equipos, tamén denominada patrullas. En C1, o equipo formado por Luís, Emilio e Brais rematou sétimo. En K1 o equipo formado por Manu, Luís e Brais rematou en sexto lugar. 

Xa como colofón a esta xornada, que para os Teixugos solo pode ser cualificada de histórica, destacar o cuarto lugar acadado polo Club Deportivo Miño na clasificación da Liga Española de Slálom por clubs, por detrás do Atlético San Sebastián, o Cadí e o Santiagotarrak. 
 Para ver máis fotos preme AQUÍ




domingo, 21 de julio de 2019

CAMPEONATO DO MUNDO SUB-23, CRACOVIA: 16 a21/07/2019

Do 16 ao 21 de xullo celebráronse na cidade polaca de Cracovia os Campionatos do Mundo Júnior e Sub-23 de Slálom. Dous deportistas do Club Deportivo Miño formaron parte da selección española para este evento, Manuel Ochoa en K1 Sub-23 e Luís Fernández en C1 Sub-23.

O martes 16 comezou o campionato coa modalidade de patrullas ou equipos, na que os tres integrantes da selección baixan xuntos. Luis Fernández, xunto con Miquel Travé e David Burgos fixeron a súa baixada na competición de canoa sub-23, o seu percorrido e velocidade foron boas, pero tres toques supuxéronlles seis segundos de penalización, rematando décimos do mundo. Máis tarde chegoulle a vez ao equipo formado por Unai Nabaskues, David Llorente e o teixugo Manuel Ochoa na modalidade de K1 sub 23. Fixeron unha baixada rápida e con apenas dous segundos de penalización, por un único toque nunha porta, que os deixou como o terceiro mellor equipo do mundo e unha medalla de bronce no seu haber.

No mércores comezaron as competicións individuais dos deportistas sub-23, con dúas mangas por categoría para intentar acadar praza en semifinais. Luís Fernández fixo unha boa primeira manga, pero tres toques cos seis segundos de penalización deixárono fóra de semifinais. No segundo intento, cun recorrido rápido e sen penalizacións conseguiu pase a semifinais. O xoves , xa en semifinais, fixo unha baixada boa e rápida, con apenas 2 segundos de penalización, pero non conseguiu estar entre os dez mellores, quedando fóra de finais. Luís rematou o campionato na vixésimo terceira posición.

Manuel Ochoa comezou a súa primeira manga arriscando moito para acadar un bo tempo, o que o levou a cometer un erro nunha das portas que lle supuxo unha penalización de cincuenta segundos. Xa no segundo intento, fixo un percorrido rápido, pero tocando tres portas, seis segundos de penalización que o deixaron fóra de semifinais, rematando o campionato na trixésimo segunda posición. Manuel participou tamén nunha nova modalidade de piragüismo denominada kaiak extremo, rematando en sétimo lugar.

Outros dous deportistas galegos formaron parte da selección española, os dous do club veciño Piragüismo Penedo de Tui. Daniel Pérez en C1 júnior, chegou a finalista rematando décimo e a súa compañeira Ainhoa Lameiro en C1 sub-23, tamén finalista, rematou novena.

Rematada a competición internacional sub-23 o seguinte reto dos deportistas do Club Deportivo Miño Teixugos estará no Campionato de España a celebrar os días 3 e 4 de agosto na canle da Seu D´Urgell.



domingo, 7 de julio de 2019

CAMPIONATO DE EUROPA SUB-23, LIPTOVSKY: 4a7/07/2019

Luís Fernández en C1 e Manuel Ochoa en K1, do Club Deportivo Miño-Teixugos, foron quen de superar as complicadas probas de selección da Federación Española de Piragüismo para formar parte do equipo nacional sub-23 de slálom, e, ao longo desta semana, tiveron a súa primeira competición internacional, concretamente o campionato europeo.
 Do 4 ao 7 de xullo tiveron lugar na localidade eslovaca de Liptovsky os Campionatos Europeos Júnior e Sub-23 de piragüismo, na modalidade de slálom. Os teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa formaron parte dos vinte e catro deportistas do equipo nacional.

Luís, formando parte do equipo de canoa sub-23, fixo a súa primeira baixada nas clasificatorias na mañá do xoves, intentando acceder a un posto nas semifinais. A súa actuación foi boa, sen penalizacións, pero algo lenta, deixándoo fóra das semifinais. Pola tarde, na segunda baixada de repesca, tampouco tivo sorte, cunha baixada con seis segundos de penalización e que o deixaron xa fóra da competición, rematando finalmente vixésimo noveno. O venres cinco, xunto cos seus compañeiros de canoa David Burgos e Miquel Travé, participou na modalidade de equipos ou patrullas, rematando no oitavo lugar.

Pola súa banda, Manu, tivo a súa primeira actuación a primeira hora do venres na complicada e numerosa modalidade de kaiak, fixo unha baixada sen penalizacións, pero moi lenta, que o deixaron lonxe de semifinais. Xa pola tarde, na eliminatoria de repesca, , tivo unha baixada impecable e rápida, pero un pequeno erro nunha das portas supúxolle unha demora de tres segundos que o deixaron fóra de semifinais. Rematou o europeo en trixésimo sétimo lugar. Esa mesma tarde participou na modalidade de equipos xunto a David LLorente e Unai Nabaskues. O equipo tivo unha actuación correcta, pero lenta, acadando un oitavo posto.

Outros dous galegos acadaron praza no equipo nacional, os dous do club tudense Piragüismo Penedo. Daniel Pérez, en canoa júnior conseguiu entrar en semifinais, pero non en finais, rematando vixésimo. Ainhoa Lameiro, en canoa sub-23, tamén acadou semifinais, e quedou fóra de finais por apenas un segundo e medio de tempo, conseguindo un décimo terceiro posto.

Rematado o europeo, o equipo español pon rumbo a Cracovia, onde participaran no Campionato do Mundo sub-23 e júnior do 16 ao 21 de xullo, no que tanto Luís como Manu esperan acadar unha boa clasificación.
Fotos: © Nina Jelenc