domingo, 24 de septiembre de 2023

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN, MONDARIZ BALNEARIO: 24/09/2024

  Este domingo celebrouse nas augas do río Tea, na localidade de Mondariz Balneario, o Campionato Galego de Promoción de Slálom; a máis importante da Liga Galega de Promoción, na que compiten os máis novos do piragüismo galego. 

 Once deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos acudiron ao acontecemento. 


 

 Francia Piñeiro en K1 Infantil rematou oitava. En K1 Alevín feminino, Leila Álvarez gañou a proba, Nerea Álvarez foi segunda e Rita Olveira terceira, conformando un podio enteiramente do Deportivo Miño. Iria Álvarez estreouse en categoría prebenxamín cunha medalla de prata. Leila, como xa é habitual, tamén participou en canoa ou C1, acadando o ouro, e, a prata foi para Nerea que se estreou na categoría en competición. 




 

Nas categorías masculinas, Iván Cruz foi décimo en K1 infantil. En K1 alevín, Alejandro Barreiro rematou sexto e Lois Montenegro acadou a medalla de bronce. En K1 benxamín, Martín Vicente foi sétimo, Nicolás Piñeiro sexto e Roque Olveira segundo, conseguindo a medalla de prata. 


 

Dúas medallas de ouro, catro de prata e dúas de bronce son un gran balance para o Deportivo Miño-Teixugos neste campionato galego. Na clasificación final por equipos remataron en quinto lugar. 

 

CAMPIONATO DO MUNDO DE SLÁLOM, LEE VALLEY: 19 a 24/09/2023

  Do 19 ao 24 de setembro celebrouse en Lee Valley, Gran Bretaña, o Campionato do Mundo de Slálom, a máis importante das competicións deste deporte, e nesta ocasión moito máis, posto que se conseguían os pasaportes aos Xogos Olímpicos de París 2024.Aínda que non houbo medallas para o noso equipo nacional conseguiuse a xesta de acadar as seis prazas posibles para os xogos olímpicos. 

Dentro dos doce integrantes da selección española estaban Luís Fernández e Manuel Ochoa do Club Deportivo Miño-Teixugos, Luís en C1 ou canoa e Manu en cross ou X1. 


 

Luís Fernández comezou a súa participación o martes 19 na modalidade de equipos, na que os tres integrantes de cada modalidade baixan o circuíto xuntos. Xunto co catalá Miquel Travé e o galego Daniel Pérez, fixeron un percorrido correcto pero algo lento, rematando novenos. 

O mércores disputáronse as clasificatorias con máis de setenta deportistas buscando un dos vinte postos de semifinais. Luís fixo unha gran baixada, rematando décimo oitavo, entrando en semifinais. Nas semifinais do venres Luís non conseguiu estar entre os dez mellores e entrar en finais, rematando vixésimo, pero grazas a esta actuación, España contará con representación en C1 masculina nas Olimpíadas de París 2024. É a primeira vez que un deportista galego da modalidade de slálom consigue esta xesta. Agora falta esperar as probas de selección para determinar que deportista irá a París. 


 

Pola súa banda, Manu Ochoa, entrou en competición o domingo na modalidade de kayak cross sen moita fortuna. Na contra o reloxo, na que adoita a estar entre os mellores, o mal tempo reinante e un fallo na última porta, deixárono a décimas de segundo de entrar nas eliminatorias, rematando o campionato en vixésimo sétimo lugar. 


 

lunes, 18 de septiembre de 2023

V COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, DUMBRÍA: 16/09/2023

Este sábado tivo lugar nas augas do río Xallas a quinta e última das copas galegas de promoción do slálom a que acudiron as pequenas promesas deste deporte en Galicia. O Club Deportivo Miño-Teixugos estivo representado por once deportistas, que loitaron por facer o percorrido o máis rápido posible e co menor número de penalizacións. 


 

En K1 muller alevín Leila Álvarez acadou unha merecidísima medalla de ouro ao facer o circuíto moito máis rápida que as demais competidoras, o segundo mellor tempo, e medalla de prata, foi para Nerea Álvarez. A terceira “teixuga” da categoría, Rita Olveira, rematou cuarta. Destacar que, Nerea Álvarez, acadou a súa segunda medalla, desta vez ouro, ao dobrar participación baixando tamén en canoa ou C1.  


 

En k1 muller infantil Francia Piñeiro rematou oitava. En K1 home benxamín tamén houbo dobre medalla, Roque Olveira acadou a prata e Nicolás Piñeiro o bronce. 


 

En K1 alevín, Lois Montenegro rematou terceiro, conseguindo, por tanto un bronce. Alejandro Barreiro foi sexto e Leo Álvarez undécimo. 

 


En K1 infantil Brais Álvarez foi oitavo e Iván Cruz noveno. 

Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou terceiro, subindo ao podio xunto co Tea de Mondariz que foi segundo e o Montaña Quixós de Monforte que resultaron gañadores. 


 

viernes, 1 de septiembre de 2023

COPA DO MUNDO DE SLÁLOM, SEU D´URGELL: 31 a 3/09/2023

A localidade catalá de La Seu D´Urgell acolleu esta semana unha das copas do mundo de slálom. Máis de douscentos deportistas de corenta e un países diferentes participan no evento. O slálom, recordamos, só ten tres modalidades: kayak, canoa e kayak cross. 

O teixugo Luís Fernández foi un dos tres integrantes do equipo nacional de canoa ou C1. 

O xoves fixo fronte as clasificatorias; na primeira, cunha mala baixada, quedou lonxe dos vinte postos para semifinais. Nas segunda clasificatorias, aproveitou ben a oportunidade, e acadou un posto en semifinais co mellor tempo de todos. 

O venres os trinta semifinalistas de canoa intentaron conseguir unha das dez prazas da final. Luís Fernández trazou o circuíto con rapidez e limpeza, sen penalizacións, rematando quinto, o que lle deu a tan ansiado e complicado posto nas finais a disputar esa mesma tarde. 

Na final, nin a sorte, nin os árbitros, estiveron de parte do deportista de Salceda. Fixo unha baixada impecable e rapidísima, pero un dos dous árbitros da porta dezanove considerou que non a pasara correctamente, e, penalizouno con cincuenta segundos. Rematou esta copa do mundo nun impresionante noveno lugar. 

Tamén en C1 estivo o outro representante galego, Daniel Pérez do Piragüismo Penedo de Tui. Daniel tamén chegou a semifinais, rematando décimo oitavo. 


 

domingo, 30 de julio de 2023

4ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM E CAMPIONATO DE ESPAÑA DE KAYAK CROSS, SABERO: 28 a 30/07/2023

 Esta fin de semana na canle de augas bravas de Alejico-Sabero, en León, celebráronse a 4ª Copa de España de Slálom e o Campionato de España de Kayak Cross ou Slálom Extremo. Ás probas acudiu gran cantidade de deportistas de tódolos puntos de España. Nesta ocasión, o Club Deportivo Miño-Teixugos levou un equipo moi reducido, con tan so tres deportistas: Alba, Luís e Manuel. 


 

Venres e sábado foron os días para a primeira e segunda competición da Copa de España de Slálom. 

Luís Fernández, en C1 home sénior, fixo un gran papel nesta copa. O venres chegou a finais co segundo mellor tempo, e xa na final fixo unha baixada limpa e rápida, que lle deu unha medalla de prata a tan só 30 centésimas de segundo de Miquel Travé, o gañador da proba. O sábado volveu a finais co segundo mellor tempo, pero na final, nun intento de apurar ao máximo na busca do ouro, cometeu dous erros que o penalizaron, rematando en décimo lugar. 



 

Alba Soutelo, en C1 muller sénior, nas probas do venres, fixo unha boa baixada, pero unha penalización deixouna fóra das finais, rematando undécima. O sábado si conseguiu praza na final, onde rematou oitava.



 

 Manuel Ochoa, en K1 sénior, non tivo a mellor das participacións. O venres acadou por pouco entrar en finais onde fixo unha baixada boa, pero lonxe das medallas, rematando sexto. O sábado entrou en finais co terceiro mellor tempo, e na final, levaba tempo de medalla, pero apurando ao máximo unha das portas, foi penalizado, rematando décimo cuarto. 

 

O domingo celebrouse o Campionato de España de Kayak Cross, modalidade moi espectacular e que está gañando adeptos, que comeza cunha contra reloxo na que entran os primeiros 16, e despois eliminatorias de catro en catro. 

Alba Soutelo, en muller sénior, non deu superado a contra reloxo, rematando décimo quinta. 

Luís Fernández, en home sénior, superou a contra reloxo clasificándose para cuartos, onde, nunha emocionante carreira, rematou segundo, entrando en semifinais, onde rematou cuarto, quedando fóra das finais. Rematou o campionato en oitavo posto. 

Manuel Ochoa, en home sénior, superou a contra reloxo co segundo mellor tempo. Gañou os seus cuartos de final e as semifinais, e a piques estivo de quedar fóra da final por unha decisión arbitral na que lle adxudicaban unha falta que non cometera. Finalmente a reclamación foi adiante, e, na final, nun emocionante enfrontamento, entrou segundo, por detrás do segoviano David Llorente. 



 

Gran papel dos deportistas do Deportivo Miño-Teixugos, competindo coa elite. Alba entrando nunha final, Luís con tres grandes baixadas e unha medalla de prata e Manuel subcampión de kayak cross, confirmándose coma un dos mellores de España na modalidade. Destacar tamén que gran número de deportistas galegos que deron mostras do seu gran nivel, estando o slálom galego presente en case tódolos podios.

sábado, 22 de julio de 2023

V COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONFORTE: 22/07/2023

Nova cita dos máis pequenos co slálom. Nesta ocasión nas augas do río Cabe, en pleno núcleo urbano de Monforte de Lemos, onde se celebrou a quinta competición da Liga Galega de Promoción de Slálom. 

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con once deportistas que o deron todo para superarse a si mesmos. 


 

En k1 alevín muller, o podio foi totalmente “teixugo”. Leila Álvarez acadou o ouro, a prata foi para Nerea Álvarez e o bronce para Rita Olveira. Nerea Álvarez, ademais, acadou un ouro ao participar na modalidade de canoa. 



 

En k1 infantil muller, Francia Piñeiro estreouse na competición, acadando o oitavo lugar. 

En K1 infantil home, Iván Cruz foi sétimo e Brais Cambra noveno. 

En K1 alevín home, Alejandro Barreiro foi cuarto, a décimas de segundo de subir ao podio, e Leo Álvarez décimo segundo. 

En k1 home benxamín, Roque Olveira foi segundo, acadando, por tanto, a prata; Nicolás Piñeiro tamén subiu ao podio co terceiro mellor tempo e Martín Vicente foi cuarto.


 

 Moi bos resultados para os pequenos “teixugos” con seis medallas e un día de diversión, no que ademais de practicar deporte e superarse a si mesmo, coñeceron Monforte e reforzaron lazos e amizades con nenas e nenos de toda Galicia. 

Na clasificación final por equipos o Deportivo Miño rematou terceiro, por detrás do Tea de Mondariz e do equipo local, o Montaña-Quixós. 


 

domingo, 2 de julio de 2023

XOGOS EUROPEOS, CRACOVIA: 29/06/2023 a 2/07/2023

 Os Xogos Europeos 2023 é a terceira edición dunha especie de pre-olimpíada que se celebra cada catro anos. Nesta ocasión a sede elixida foi Cracovia, onde, entre o 21 de xuño e o 2 de xullo se deron cita uns 7000 deportistas de 48 países. O piragüismo de slálom, ao ser modalidade olímpica, tamén estivo presente, concretamente do 29 de xuño ao 2 de xullo celebráronse as distintas competicións. 

Entre os 12 representantes do equipo nacional atopábase o deportista do Club Deportivo Miño-Os Teixugos Luís Fernández Pereira. 

O deportista de Salceda pertencente ao Deportivo Miño comezou a súa participación o venres 1, buscando unha praza en semifinais de canoa masculino. No primeiro intento Luís fixo unha baixada algo lenta e con toques que o deixaron lonxe de postos de semifinais. Na segunda tentativa mellorou moito o tempo, e aínda que estaba dentro dos mellores, oito segundos de penalización por toques deixárono fóra, a apenas tres postos de conseguilo. Na clasificación final rematou trixésimo terceiro, un posto lonxe das súas aspiracións, pero o slálom é un deporte no que o máis mínimo erro se paga caro. 

Outros dous representantes galegos, do Club Penedo de Tui, estiveron tamén no evento, os dous na modalidade de C1. Ainhoa Lameiro que rematou tamén trixésimo terceira e Daniel Pérez que conseguiu un posto nas semifinais e rematou vixésimo sexto.