lunes, 15 de julio de 2024

BOA ACTUACIÓN DOS TEIXUGOS NA 4ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM EN DUMBRÍA

Esta fin de semana o concello de Dumbría acolleu a 4ª e última das Copa de España de Slálom. Máis de 200 deportistas de toda España se deron cita nas augas do río Xallas no campo e slálom do Couquiño. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con catro deportistas, que a pesares de non acadar medallas, desempeñaron un gran papel ao longo das dúas xornadas. 


Luís Fernández, especialista na modalidade C1, competiu nesta ocasión en K1 sénior por mor dunha pequena molestia nun xeonllo. A pesares de non ser a súa especialidade, conseguiu entrar en finais nos dous días. O sábado rematou oitavo e o domingo décimo.

 Brais Castro, en C1 sénior, fixo unha gran competición, acadando as finais tamén nas dúas xornadas. O sábado finalizou en sétimo lugar e o domingo sexto, firmando a mellor actuación do teixugos. 

Alba Soutelo non competiu na súa modalidade habitual C1 por lesión, participando en K1 sénior, onde logrou meterse en finais o sábado, rematando décima. O domingo foi duodécima. 

Laura Alonso, tamén en K1 sénior , rematou undécima tanto sábado como domingo, quedando a un posto de finais ámbalas dúas xornadas. 

Na clasificación por Clubs, o Deportivo Miño-Teixugos rematou décimo o sábado e noveno o domingo. Destacar o terceiro lugar acadado polo Club Tea de Mondariz, xa que poucas veces un modesto club galego consigue subir ao podio dos equipos. 




 

domingo, 16 de junio de 2024

TEIXUGO MANU OCHOA IMPRESIONANTE NA 3ª COPA DO MUNDO DE CAIAC CROSS

 

    Este domingo celebrouse na canle de Kolna en Cracovia a terceira Copa do Mundo de Slálom, última cita internacional antes dos Xogos Olímpicos. O tomiñés Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos, foi convocado coa selección española para participar na modalidade de caiac cross xunto co donostiarra Pau Etxaniz. 

    A proba comezou coa xa habitual contra reloxo para determinar as 32 embarcacións que pasarían a oitavos. Manu fixo unha gran baixada que o colocou no cuarto posto, a menos dun segundo do primeiro clasificado. Tanto en octavos de final como en cuartos gañou con claridade a súa series, nas semifinais tivo peor fortuna e non conseguiu pase a finais por ben pouco. Rematou esta Copa do Mundo nunha impresionante sétima posición que o reafirma entre os mellores do mundo. 

    Manu Ochoa agarda nestes momentos a decisión do comité técnico da Federación Española para ver que deportista representará a España en París. Terán que elixir entre el, o segoviano David LLorente, que non participou nesta copa, e o donostiarra Pau Etxaniz que rematou trixésimo sexto. Os criterios que seguirán para tomar a decisión non se coñecen.








domingo, 9 de junio de 2024

O TEIXUGO MANU OCHOA GAÑADOR DA 2ª COPA DO MUNDO DE CAIAC CROSS

 

     Do 7 ao 9 de xuño celebrouse na canle da augas bravas do río Moldava, en Praga, a segunda Copa do Mundo de Slálom. Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos, foi convocado coa selección nacional como integrante do equipo de caiac cross. A competición desta nova e emocionante modalidade do slálom adquiriu gran importancia en Praga, pois estaban en xogo seis prazas para os xogos olímpicos de París. Os mellores especialistas do mundo de cross acudiron ao evento no intento de acadar unha delas para o seu país. 

    O caiac cross comeza sempre cunha contra reloxo, neste caso pasaban os 41 mellores dos oitenta participantes. O teixugo Manu Ochoa entrou con comodidade ao rematar undécimo na tarde do sábado. 

    O domingo tiveron lugar os enfrontamentos, catro deportistas fan a vez o circuíto, os dous primeiros pasan a seguinte fase e os dous últimos quedan eliminados. Ata catro enfrontamentos superou Ochoa para meterse nas finais. Nestes momentos xa sabía que unha das prazas olímpicas era para España, pois na final metéranse dous franceses e so era posible unha praza por país. Na final enfrontouse os franceses Neveu e Madore e o xermano Roeller, dende o primeiro momento estivo en cabeza, gañando con claridade aos tres. 

    Primeira medalla de ouro nunha Copa do Mundo para Manuel Ochoa en caiac cross, primeira tamén para España nesta nova modalidade que gaña adeptos pola súa espectacularidade. Nova praza olímpica para España, aínda que falta determinar cal será o deportista que a ocupe. A seguinte cita internacional de Ochoa será o 15 e 16 de xuño en Cracovia, na terceira Copa do Mundo, e, de novo, só en cross. 




 

domingo, 2 de junio de 2024

OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA NA COPA DO MUNDO DE AUGSBURG

     Ao longo desta semana disputouse en Augsburg, Alemaña, a 1ª Copa do Mundo de Slálom na que se deron cita os mellores deportistas do mundo de canoa, caiac e caiac cross. A Federación Española enviou ao evento o equipo B, onde acadaron praza Luís Fernández en C1 e Manuel Ochoa en K1 e Caiac Cross. 

 


    Empezaron moi ben as cousas para Manu Ochoa na mañá do xoves. Na primeira manga clasificatoria fixo unha gran baixada, rematando décimo quinto e acadou pase directo a semifinais. O venres, en semifinais, fixo un bo percorrido, comezando moi rápido pero foi baixando o ritmo, quedando lonxe da final. Rematou a proba vixésimo oitavo. 


 

    Luís Fernández non conseguiu superar as clasificatorias de C1. Na primeira ronda, dúas penalizacións por toques, deixárono a menos dun segundo de conseguilo, e, na segunda, intentando apurar ao máximo, pasou unha das portas moi axustado, sendo penalizado con 50 segundos, quedando lonxe do tempo das semifinais. Rematou a proba no posto cincuenta e un. 


 

    O domingo, Ochoa competiu en caiac cross. Esta proba comeza coa contra reloxo para acadar posto nos enfrontamentos. A pesar de ser un especialista nesta modalidade, un erro ao tomar unha porta de remonte, fixérono perder segundos quedando fóra dos enfrontamentos. Rematou trixésimo sexto. 

    Tres foron os galegos que superaron os selectivos para estar no equipo nacional. Xunto cos dous deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos, estivo Ainhoa Lameiro do Piragüismo Penedo, que quedou as portas de semifinais, a décimas de segundo de conseguilo, rematando trixésimo sétima. 

    A próxima cita internacional de Manuel Ochoa será nunha semana en Praga, como parte do equipo español de caiac cross, onde loitará por acadar unha das tres prazas olímpicas que se disputan. Para Luís será en setembro en Ivrea, na penúltima Copa do Mundo.

lunes, 20 de mayo de 2024

BOS RESULTADOS DOS TEIXUGOS CUNHA MEDALLA DE BRONCE NA 1ª COPA DE ESPAÑA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM

     Esta fin de semana celebrouse no Couquiño, en Dumbría, a 1ª Copa de España de Promoción de Slálom, dando comezo as probas da Liga Española de Promoción, na que participan deportistas de toda España das categorías cadete e Infantil. Houbo récord de participación con máis de 200 deportistas de vinte clubs de todo o país. O sábado foron as clasificatorias, os dez mellores de cada categoría pasaron á final A, e o resto á final de consolación, finais que tiveron lugar o domingo. 

    O Club Deportivo Miño-Teixugos, despois de varios anos sen participar por falta de deportistas da categoría, acudiu con sete piragüistas que o deron todo nas augas do río Xallas. 


 

    A mellor actuación foi a de Leila Álvarez que en K1 Infantil , que disputou a final A e rematou terceira acadando a medalla de bronce. Nesa mesma final tamén estiveron Nerea Álvarez que rematou en quinto lugar e as irmás Catalina e Beatriz Sánchez que remataron sétima e oitava, respectivamente.  


    

    En C1 Infantil B, Nerea Álvarez, tamén fixo final A, rematando cuarta. 

    En K1 Home Infantil B, Alejandro Barreiro e Leo Álvarez foron undécimo e décimo cuarto, respectivamente, na final de consolación. Finalmente, Brais Álvarez foi décimo noveno na final B de K1 cadete.     


     A clasificación final por clubs estivo encabezada coma sempre polos equipos vascos e catalás, o Deportivo Miño-Teixugos rematou oitavo. 







 

jueves, 16 de mayo de 2024

BO PAPEL DO TEIXUGO MANU OCHOA NO EUROPEO DE CAIAC CROSS

     A tempada internacional de slálom deu comezo esta semana na cidade de Tacen, Eslovenia, co Campionato de Europa de Slálom. Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos, foi convocado como integrante do equipo español de caiac cross. Esta nova modalidade do slálom, que se estrea como olímpica en París este verán, esperta cada vez máis interese tanto entre os deportistas como nos afeccionados.

    O mércores disputáronse as probas contra reloxo para intentar estar entre os dezaseis mellores tempos que pasaban a cuartos de final. Manu fixo unha gran baixada que lle valeu o noveno lugar e o pase a cuartos de final. En cuartos, nos que se enfrontan de catro en catro, Manu tivo un bo comezo pero un erro nunha das portas deixouno fóra das semifinais. 

 

    A seguinte cita internacional será dentro de dúas semanas en Augsburg, Alemaña, onde se celebrará a 1ª Copa do Mundo de Slálom. Nela o Club Deportivo Miño terá dous representantes na selección española, Luís Fernández en canoa e Manu Ochoa en caiac. 

Foto de Marc Etxaniz Pal


 

domingo, 21 de abril de 2024

O CLUB DEPORTIVO MIÑO-TEIXUGOS GAÑADOR DA COPA DAVID CASTRO( 2ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM) EN COVAS


 

As augas do río Coura ao seu paso pola localidade cerveirense de Covas acolleron esta fin de semana dúas competicións da Liga Galega de Slálom. O sábado disputouse a Copa David Castro, a 2ª Copa Galega de Promoción de Slálom, que comprende as categorías benxamín, alevín e infantil. O domingo só as categorías cadete e infantil competiron no Campionato Galego de Novas Promesas.Ámbalas dúas organizadas polo Club Deportivo Miño-Teixugos, que escolleron o magnífico campo de slálom de Azenha de Pagade no veciño Portugal para os dous eventos.  

Na mañá do sábado quince pequenos deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos participaron na Copa David Castro, equivalente a segunda das competicións da Copa Galega de Promoción de Slálom. Nestas categorías o resultado non é o que máis importa, os pequenos deportistas supéranse a si mesmos na loita contra o río e melloran a súa técnica. 

Seis foron as medallas que acadaron os pequenos teixugos e teixugas. Roque Olveira foi ouro en k1 benxamín, na mesma categoría Nicolás Piñeiro acadou o bronce. Lois Montenegro e Rita Olveira conseguiron a prata en K1 alevín masculino e feminino. Outra medalla de bronce máis para Leila Álvarez en K1 infantil e unha de ouro para a máis nova de toda a competición, Iria Álvarez, que a acadou en K1 pre-benxamín. 

Nerea Álvarez quedou cuarta en C1 infantil, sendo a única que dobrou a súa participación. En K1 infantil Alejandro Barreiro foi cuarto, Xurxo Rodríguez sexto e Leo Álvarez sétimo. En K1 Infantil feminino Nerea Álvarez foi quinta, Catalina Sánchez 7 e Beatriz Sánchez oitava. Martín Vicente rematou sétimo en K1 alevín. En K1 benxamín, Brais Vicente conseguiu o quinto lugar e Aarón da Cruz o sétimo. 

Na puntuación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos foi declarado gañador con un total de 223 puntos, seguido do Montaña Quixós de Lugo con 192 e o Piragüismo Dumbría con 96. 

O domingo, tamén no campo de slálom de Covas, tivo lugar o Campionato Galego de Novas promesas, que solo contou coa participación de dúas “teixugas” que deixaron o pavillón ben alto. Leila Álvarez acadou a medalla de bronce e Nerea Álvarez foi cuarta na categoría infantil.