lunes, 19 de agosto de 2013
DUMBRÍA, CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN 2013
Este domingo celebrouse en Dumbría, na provincia da Coruña, o Campionato Galego de Promoción de Slálom, que pecha o circuíto galego desta tempada. Estas competicións, como o seu propio nome indica, promocionan esta modalidade de piragüismo entre os nenos máis pequenos, nas categorías benxamín, alevín e infantil.
O Club Deportivo Miño rematou terceiro por detrás dos anfitrións do Club Municipal de Dumbría que quedaron primeiros e do Penedo de Caldelas de Tui. O medalleiro quedou como sigue:
Alba Soutelo ouro e Ainhoa Barreiro bronce en K1 benxamín, Sergio Martínez bronce en K1 benxamín, Víctor Rodríguez ouro en K1 Infantil e prata en C1 infantil e Clara González prata en K1 infantil e en C1 infantil.
jueves, 15 de agosto de 2013
DUMBRÍA, CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM 2013
Este xoves celebrouse no concello coruñés de Dumbría o Campionato Galego de Slálom Olímpico co que se pecha a tempada oficial 2013. Competiron as categorías cadete, júnior, sénior e veterano, todas elas nas modalidades de kaiak e canoa tanto masculina como feminina.
Participaron piragüistas dos seis clubs galegos que fixeron un total de 70 baixadas. Tódolos teixugos fixeron un moi bo papel, xa que o nivel era moi alto, quedando o medalleiro do Club Deportivo Miño da seguinte maneira:
Sara Vázquez ouro en C1 e K1 júnior.
Brais Castro prata en K1 e C1 cadete.
Andrea González prata en K1 júnior.
Laura Alonso prata en C1 júnior.
Claudia Otero prata en K1 cadete.
Aínda que nun primeiro momento na clasificación final por clubs se lle adxudicou ao Club Deportivo Miño a segunda praza, parece ser que houbo algún tipo de erro no reconto final dos puntos correspondéndolle realmente a primeiro posto, gañando por tanto o Campionato Galego de Slálom.
Este domingo os máis pequenos tamén competirán no Campionato Galego de Promoción nesta mesma localidade coruñesa.
lunes, 12 de agosto de 2013
CAMPIONATO DE ESPAÑA PONTS 2013
Esta fin de semana na localidade catalá de Ponts tivo lugar o Campionato de España de slálom olímpico no que participaron uns 270 piragüistas de tódalas comunidades autónomas. A competición foi unha das de máis alto nivel que se recorda nos últimos anos, nela participaron os mellores de España, nos que cabe destacar os olímpicos Maialen Chorrault , Samuel Hernanz e Ander Elosegui e os mundialistas Jordi Domenjo, Joan Crespo, etc
O Club Deportivo Miño acudiu con 9 deportistas que fixeron un total de 16 baixadas, pois a maioría participou nas categorías de kaiak e canoa. O circuíto foi moi técnico e difícil, pero aínda así catro teixugos deron entrado na final.
Durante o sábado tiveron lugar as clasificatorias, onde quedaron eliminados case a metade dos participantes.Os Teixugos deron metido en semifinais a nove deportistas: en K1 pasaron Andrea González, Sara Vázquez, Manuel Ochoa e Brais Castro e en C1 os anteriores e Laura Alonso.
A mañá do domingo comezou coas semifinais as nove da mañá, Sara Vázquez entrou nas finais de k1 e c1 xuvenil, Andrea González en k1 xuvenil, Brais Castro en k1 cadete e Manuel Ochoa en c1 cadete.
As doce da mañá deu comezo a final, na que Brais Castro rematou oitavo en k1 cadete, Manuel Ochoa sexto en C1 cadete, Andrea González rozou o bronce co seu cuarto posto en k1 xuvenil e Sara Vázquez quedou quinta en K1 xuvenil; pero o máis destacado foi a medalla de prata que Sara Vázquez conquistou en C1 xuvenil.
Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou en quinto lugar, detrás dos catro grandes equipos que dominan o Slálom nacional: os vascos Atlético San Sebastián e Santiagotarrak; e os cataláns Cadí C.K. e Mig Segre.
sábado, 13 de julio de 2013
COPA DE ESPAÑA DE JÓVENES PROMESAS DE SLALOM EN DUMBRÍA
Este sábado celebrouse na localidade coruñesa de Dumbría a primeira competición da Copa de España de Jóvenes Promesas de Slálom Olímpico. Nela participaron deportistas nacidos nos anos 1999 e 2000 de toda España. Os Teixugos so contan nestes momentos con dous piragüistas destas idades: Clara González e Víctor Rodríguez, que participaron en dúas categorías: en K1 e C1. Coma xa é habitual vascos e cataláns fixéronse coa maioría do medalleiro.En canto aos Teixugos, Clara Gónzalez quedou sétima en K1 e cuarta en C1 e Víctor Rodríguez foi quinto en C1 e terceiro en K1, posto este que lle valeu unha moi meritoria medalla de bronce.
Na clasificación por equipos gañou o Cadí C.K. de Lleida, seguido do Atlético San Sebastián de Guipúscoa, e terceiros o Beti Busti tamén de Guipúscoa; o Club Deportivo Miño-Teixugos quedou en sétimo lugar.
A vindeira cita será o 20 de xullo en Sort, onde se celebrará a 2ª competición da Copa de España de Jóvenes Promesas de Slálom.
domingo, 2 de junio de 2013
3ª COMPETICIÓN LIGA GALEGA DE PROMOCIÓN EN SALVATERRA 2013
Este domingo celebrouse en Salvaterra a 3ª Competición da Liga Galega de Promoción de Slálom, na que compiten os máis pequenos dos clubs de toda Galicia. Participaron seis clubs con nenos e nenas de 8 a 14 anos; os maiores, é dicir, os deportistas da categoría infantil participaron en kaiak, remo de dúas pas e van sentados, e canoa, remo dunha soa pa e van de xeonllos.
Despois de dúas mangas o medalleiro dos Teixugos quedou como segue: 3 medallas de ouro, para Alba Soutelo en K1 muller benxamín, Clara González en C1 muller infantil e Víctor Rodríguez en K1 home infantil; outras tres de prata para Clara González en K1 muller infantil, Víctor Rodríguez en C1 home infantil e Manuel Piedra en K1 home benxamín; e dúas de bronce para Ainhoa Barreiro en K1 muller benxamín e Samuel Castro en K1 home benxamín.
Ao remate esta foi a puntuación dos clubs: Club Deportivo Miño-Teixugos 169 puntos, Tea Mondariz 141 puntos, CD Municipal Dumbría 111, Penedo de Caldelas 106, Montaña Quixós de Monforte 65 e Val Miñor-Frioya de Nigrán 0.
domingo, 21 de abril de 2013
2ª COMPETICIÓN PROMOCIÓN 2013 EN GONDOMAR
Este domingo celebrouse en Gondomar a 2ª competición da Liga Galega de Promoción de Slálom Olímpico organizada pola Federación Galega de Piragüismo e o Club de Piragüismo Val Miñor. Recordar que na promoción participan os máis pequenos e cada club, concretamente as categorías benxamín, alevín e infantil. O club Deportivo Miño acudiu cunha gran remesa de palistas das tres categorías, que fixeron un gran papel. Na categoría infantil muller Clara González fíxose con dous ouros, en C1 e K1; en infantil home Víctor Rodríguez tamén dous ouros en C1 e K1; en alevín non se acadaron medallas; en benxamín home houbo triplete dos Teixugos no podio, ouro para Sergio Martínez, prata para Manuel Piedra e bronce para Samuel Castro; e por último en benxamín muller prata para Ainoha Barreiro e bronce para Alba Soutelo.
Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño quedou no primeiro posto seguido do Club Tea de Mondariz e en terceiro lugar a Escola Municipal de Piragüismo de Dumbría.
domingo, 14 de abril de 2013
MONDARIZ, 3ª COMPETICIÓN COPA GALEGA DE SLÁLOM
Este domingo o Club Deportivo Miño-Teixugos volveu de novo ao campo de Slálom de Mondariz Balneario para disputar a terceira e penúltima das competicións galegas de slálom olímpico.
As condicións do río eran excelentes grazas as chuvias caídas, e o tempo tamén se puxo do lado dos organizadores cunha espléndida e soleada mañá de primavera.
Participaron os sete equipos galegos, nas categorías cadete, júnior e sénior. Os teixugos levaron a 10 deportistas, moitos dos cales dobraron nas categorías de kaiak e canoa.
O medalleiro do club quedou da seguinte maneira: Andrea González acadou unha medalla de ouro en K1 júnior muller, Brais Castro foi prata en C1 e bronce en K1 home cadete, Manuel Ochoa prata en K1 e bronce en C1 home cadete, Marina Ruedas bronce en K1 muller júnior e Laura Alonso bronce en C1 muller sénior.
Na clasificación final por clubs quedou primeiro o Club Deportivo Miño con 186 puntos, seguido de preto polo Club Tea de Mondariz con 180 puntos e no terceiro lugar a Escola Municipal de Piragüismo de Dumbría con 118 puntos.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)