lunes, 1 de mayo de 2023

3ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM-2ª COPA DE KAYAK CROSS, PAU: 29/4/2023 A 1/5/2023

 A canle de augas bravas da localidade francesa de Pau acolleu esta fin de semana a 3ª Copa de España de Slálom e a 2ª Copa de Kayak Cross. Competicións de gran importancia pois ao longo dos tres días os resultados puntuaban para os selectivos do equipo nacional tanto de slálom como de kaiac cross. Os mellores deportistas españois da modalidade acudiron a cita pola súa gran transcendencia.
 O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con catro piragüistas que remataron cun balance de catro medallas e dous postos na selección española. 
 Luís Fernández, en C1 sénior, fixo unha soberbia competición. Tanto sábado como domingo fixo unhas baixadas rápidas e sen fallos, que lle valeron a medalla de prata na competición do sábado e o ouro no domingo. Dados os seus grandes resultados na segunda e terceiras copas de España, Luís, a falta de confirmación oficial, formará parte do equipo nacional de slálom na modalidade de canoa.  
Manuel Ochoa, en K1 sénior, non tivo os mellores selectivos este ano. A sorte e as decisións arbitrais parecen non querer acompañar ao teixugo. Tanto na primeira como na segunda competición pasou a finais, e, xa nelas non deu acadado o podio, rematando quinto nos dous días. Nos selectivos, a falta de confirmación oficial, logrou praza no segundo equipo nacional de K1. 
 Emilio Rodríguez, en K1 veterano, tivo unha gran actuación alzándose co ouro nos dous días. 
 Alba Soutelo, en C1 sénior, categoría na que se estrea este ano, fixo dúas boas baixadas pero non deu accedido a finais, rematando duodécima nos dous días. 
 Gran balance para os Teixugos con tres medallas de ouro, unha de prata nesta terceira Copa de España de Slálom. 
 O luns disputouse a 2ª Copa de España de kayak cross. Esta especialidade está collendo cada vez máis relevancia pola súa espectacularidade e polo feito de estrearse como modalidade olímpica en Paris 2024. 
Do Club Deportivo Miño-Teixugos participaron Alba, Manu e Luís. 
 Alba Soutelo fixo un gran papel, superando a contra reloxo e cuartos de final. Rematando nun impresionante quinto lugar. 
Luís Fernández despois de supera a contra reloxo caeu en cuartos de final e acabou noveno.
 Manuel Ochoa fixo o terceiro mellor tempo da contra reloxo, gañou a súa serie de cuartos, pero caeu en semifinais, rematando sétimo. Queda pendente de confirmar se obtivo praza no equipo nacional desta modalidade. 
 Cabe destacar a gran progresión dos deportistas galegos desta modalidade. Resaltar as actuacións de Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez do Piragüismo Penedo que acadaron medallas e un posto na selección nacional de C1 e Axel Afonso do Tea de Mondariz que acadou a medalla de bronce na modalidade de K1.






domingo, 16 de abril de 2023

2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM, SEU D´URGELL: 15-16/04/2023

Durante a fin de semana celebrouse na Seu D´Urgell a 2ª Copa de España de Slálom. Esta competición puntuaba ademais para os selectivos dos equipos nacionais júnior e sénior. Dada a súa importancia, os mellores deportistas do país non se quixeron perder o evento celebrado na canle de augas bravas do Parc Olimpic do Segre. Cada Copa de España consta de dúas competicións diferenciadas, unha sábado e outra domingo. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con catro piragüistas que remataron con catro medallas no seu haber. 
Luís Fernández, en C1 sénior, comezou con bo pé o sábado, rematando segundo nas semifinais; na final fixo o segundo mellor tempo, pero tres toques nas portas penalizárono con seis segundos, rematando cuarto. O domingo, cos dúas baixadas rapidísimas e sen penalizacións, foi o gañador das semifinais e das finais, acadando a medalla de ouro. Con esta gran actuación o deportista de Salceda está moi preto de conseguir praza no equipo nacional. 
Manuel Ochoa, en K1 sénior, non estivo acompañado da sorte nesta ocasión. O sábado empezou con bo pé, rematando cuarto na semifinais, xa na final, fixo unha gran baixada, arriscando moito, pero unha penalización de 50 segundos nunha das portas deixárono décimo sétimo. O domingo en semifinais non fixo un gran tempo, pero suficiente para meterse en finais, onde conseguiu o terceiro mellor tempo, acadando a medalla de bronce. Os resultados non foron os mellores para os selectivos, quedando totalmente pendente da súa actuación nos seguintes, que serán en Pau. 
Emilio Rodríguez, en K1 veterano, conseguiu pase a finais nas dúas xornadas con baixadas limpas e sen penalizar, xa na final, o sábado rematou segundo e o domingo conseguiu gañar a carreira, conseguindo a segunda medalla nesta Copa de España. 
Alba Soutelo, en C1 sénior, non conseguiu pasar a finais por moi pouco, rematando décimo segunda o sábado e décimo terceira o domingo. 
Gran balance para os Teixugos con dúas medallas de ouro, unha de prata e unha de bronce competindo cos mellores do panorama nacional.




lunes, 3 de abril de 2023

COPA GALEGA E CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN, COVAS: 1-2/04/2023

O sábado 1 e domingo 2 asistimos a unha dobre cita co slálom nas augas do río Coura en Covas. Organizado polo Club Deportivo Miño-Teixugos, contou coa participación de máis de 100 deportistas de tódolos clubs de slálom galegos. 
O sábado, os máis pequenos do panorama galego, disputaron o Campionato Galego de Promoción de Slálom. O formato da máis importante das competicións de Promoción, solo admite as categorías cadete e infantil. Cun total de 56 deportistas, do Club Deportivo Miño-Teixugos, participaron Brais Álvarez, Iván Cruz e Xián Pérez en Infantil e Pedro Lomba en Cadete. Ningún deles conseguiu meterse en finais. Tamén baixaron, pero como abridores, algúns deportistas benxamíns e alevíns do club: Alex Barreiro, Martín Vicente, Nico Piñeiro, Leila Álvarez e Nerea Álvarez. Fixeron un gran papel, pois o trazado e as condicións do circuíto estaban preparados para niveles superiores. 
O domingo celebrouse a 2ª Copa Galega de Slálom, onde 57 padexeiros tomaron a saída. Os Teixugos acudiron cun equipo moi reducido. En C1 sénior, Brais Castro, a piques estivo de subir ao podio, rematando cuarto. Emilio Rodríguez, en K1 veteranos, fixo o mellor tempo, facéndose coa medalla de ouro. Alba Soutelo, tivo dobre participación, en K1 e C1, conseguindo dous ouros. 
Rematar cunha chamada a necesidade de aumentar as campañas educativas e institucionais para a promoción do deporte feminino. Cada ano, as diferencias entre participantes masculinos e femininos medran, as categorías masculinas duplican e incluso triplican as femininas. Esta brecha, lonxe de minguar, crece cada ano, o que demostra que nesta sociedade aínda queda moito que traballar en prol da igualdade.






domingo, 26 de marzo de 2023

COPA PIRINEUS, PAU-LA SEU D´URGELL: 18-19-25-26/03/2023

A International Pyrenees Cup Canoe Slálom, ou Copa Pirineus como se coñece en España, é unha competición sénior internacional que se celebra cada ano nas canles de slálom de Pau en Francia e a Seu D´Urgell en Lleida. 
O 18 e 19 disputouse en Pau e o 26 e 27 na Seu. En Pau competiron máis de 350 deportistas, e, na Seu a participación foi algo menor, con 200 piragüistas. 
Padeeiros de todas partes do mundo acudiron á cita, entre eles, os deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos Manuel Ochoa, Luís Fernández e Alba Soutelo.
 En Pau, na modalidade de k1, Manuel Ochoa, conseguiu acceder a semifinais na primeira ronda co terceiro mellor tempo, nas semifinais conseguiu estar entre os dez mellores e pasar a finais onde rematou cuarto, rozando o podio. En C1, Luís Fernández, tamén conseguiu superar as clasificatorias, pero non as semifinais, rematando vixésimo oitavo. Alba Soutelo, en C1, non conseguiu entrar nas semifinais, rematando vixésimo novena. 
Na Seu D´Urgell, Manuel Ochoa superou nunha gran baixada as clasificatorias, nas semifinais quedou fóra das finais por pouco, rematando décimo terceiro. Luís Fernández, tivo unha impresionante participación, superou as clasificatorias e as semifinais, e, xa na final, fixo unha baixada moi rápida onde un toque nunha porta o deixaron sen a medalla de bronce, rematando finalmente cuarto. Alba Soutelo superou as clasificatorias pero non as semifinais, rematando vixésimo segunda. 
Rematadas as dúas rondas súmanse os resultados de Pau e Seu para determinar os gañadores da Copa Pirineus. Na categoría K1 masculino o gañador foi por segundo ano consecutivo o teixugo Manu Ochoa.






2ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, O CORDEIRO: 26/03/2023

Este domingo celebrouse en Cordeiro, Salvaterra do Miño, a 2º Copa Galega de Promoción de Slálom. Máis de 60 pequenos palistas de toda Galicia se deron cita nas augas do río Tea. Nestas competicións cada deportista fai dúas baixadas do circuíto, contando para a clasificación a mellor das dúas. 
 O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con dez padeeiros de diferentes categorías. 


En K1 muller alevín o podio foi copado polas teixugas. Leila Álvarez gañou a proba, conseguindo o ouro, Nerea Álvarez fíxose coa medalla de prata e Rita Oliveira foi bronce. Nerea ademais atreveuse coa canoa na súa categoría, conseguindo o ouro. 
En K1 home benxamín, Nicolás Piñeiro conseguiu a medalla de prata e Martín Vicente o bronce. Na mesma categoría Roque Oliveira foi cuarto e Tiago Rey octavo. 
En K1 home alevín Lois Montenegro foi quinto, Alejandro Barreiro sétimo e Leo Álvarez noveno. 
Seis podios para os pequenos teixugos nesta segunda cita da tempada 2023, aínda que o máis importante nestas competicións e desfrutar do deporte, do río e da compañía de nenas e nenos de toda Galicia. 
Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou cuarto.






domingo, 12 de marzo de 2023

1ª COPA DE ESPAÑA DE KAYAK CROSS, LA SEU D´URGELL: 11-12/03/2023

 

Esta fin de semana celebrouse na canle de augas bravas do Parc Olimpic do Segre, na localidade ilerdense da Seu D´Urgell, a 1ª Copa de España de Kayak Cross. Esta disciplina de slálom, antes coñecida como slálom extremo ou boatcross, está gañando moitos seguidores pola súa espectacularidade. Como tódalas copas, constou de dúas competicións diferentes, cos seus respectivos podios, unha o sábado e outra o domingo. A proba comeza cunha contra-reloxo, puntuable para os selectivos nacionais, onde os dezaseis mellores tempos pasan a cuartos, despois semifinais e finalmente finais. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos levou ao evento a tres deportistas, os tres de categoría sénior, que tiveron unha gran actuación. 
Manu Ochoa, todo un especialista na modalidade, comezou ben o sábado ao sacar o segundo mellor tempo da contra-reloxo da categoría sénior masculina, en cuartos de final gañou claramente a serie, pero unha falta dubidosa nunha das portas, deixouno fóra , rematando décimo terceiro. No domingo foi terceiro na contra-reloxo e superou con baixadas espectaculares cuartos de final e semifinais. Nas finais impúxose claramente aos seus tres contrincantes proclamándose gañador. 





Luís Fernández tivo unha moi boa actuación a pesar de que a súa especialidade é a canoa e non o caiac. Superou a contra-reloxo tanto o sábado como o domingo. O sábado conseguiu chegar a semifinal, rematando oitavo. O domingo quedouse en cuartos rematando duodécimo. 



Alba Soutelo foi a nosa única representante feminina, e tamén tivo un papel destacado, tendo en conta que é o seu primeiro ano na categoría sénior. O sábado non pasou o corte da contra-reloxo por pouco, rematando décimo sétima. O domingo superou a contra e cuartos de final, caeu nas semifinais rematando nunha impresionante oitava posición. 


Moi boa a actuación dos tres “teixugos” competindo cos mellores do panorama nacional, pois ao ser selectivo para o equipo nacional, ninguén quixo faltar a cita. Destacar tamén a actuación dos galegos a Mario Otero do Tea de Mondariz e a Ainhoa Lameiro do Penedo, que conseguiron chegar a finais.

COPA DAVID CASTRO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, TOMIÑO: 12/03/2023

 Este domingo celebrouse a primeira competición da tempada de promoción do slálom do circuíto galego, a 1ª Copa Galega ou Copa “David Castro”. Nas augas do río Cereixo ao seu paso pola Pedra, nenas e nenos de toda Galicia, demostraron as súas habilidades no slálom. Máis de 50 deportistas das catro provincias galegas fixeron dúas baixadas, intentando superar no menor tempo posible as portas do circuíto. Para a clasificación final contaba a mellor das dúas. 

 Doce deportistas do Club Deportivo Miño acudiron ao evento organizado polo seu propio club. 
En K1 muller alevín o podio estivo copado polas teixugas. Leila Álvarez foi a mellor da categoría, conseguindo o ouro, segunda foi Nerea Álvarez e o bronce foi para Rita Oliveira. Nerea Álvarez, conseguiu, ademais, o ouro en canoa alevín. 



En K1 benxamín, Roque Oliveira fixo o terceiro mellor tempo, facéndose co bronce. Na mesma categoría Nicolás Piñeiro foi cuarto, Tiago Rey quinto e Martín Vicente sexto. 
En K1 home alevín, Lois Montenegro conseguiu a prata; Alejandro Barreiro foi cuarto e Leo Álvarez sexto. 
En k1 home infantil Iván Cruz foi sétimo e Brais Álvarez foi décimo. 

Dúas medallas de ouro, dúas pratas e dous bronces son un moi bo balance para o club. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño foi segundo, por detrás do Quixós de Monforte de Lemos.