domingo, 22 de agosto de 2021

CAMPIONATO DE EUROPA JÚNIOR E SUB-23, SOLKAN, ESLOVENIA: 19 a 22/08/2021

Esta semana celebrouse en Solkan, Eslovenia, o Campionato Europeo de Slálom Júnior e Sub-23. Os mellores deportistas europeos de cada categoría déronse cita nas augas do río Soca. Desde o xoves 19 ata o domingo 22 tiveron lugar as diferentes competicións: canoa ou C1, cáiac ou K1, de maneira individual e por equipos e slálom extremo ou boater cross. 

Dous representantes do Club Deportivo Miño-Teixugos superaron os selectivos e acadaron unha praza para este evento, Manuel Ochoa, en K1 sub23 e extremo, formando parte do equipo español e Alexis Segadaes, en K1 júnior, como integrante do equipo portugués. Os dous teixugos comezaron a súa competición o xoves 19 coas clasificatorias de K1. 

Alexis, único representante júnior da federación portuguesa, na súa primeira experiencia internacional, fixo unha primeira baixada correcta, pero moi lenta, en 141,3 segundos, que o deixaron lonxe de clasificarse para semifinais, na segunda baixada, cunha penalización de 50 segundos tampouco tivo opción de entrar. 

Manuel Ochoa, no seu primeiro intento, cun tempo de 102,18 segundos, quedou fóra de semifinais a só un segundo de conseguilo. Na segunda baixada, moito máis rápida, en 98,81 segundos, foi quen de meterse. O sábado intentou buscar un lugar nas finais, as que pasan os dez mellores. Fixo un bo circuíto, 95,80 segundos, pero un toque na porta 19, con dous segundos de penalización, deixárono fóra de finais, rematando finalmente no vixésimo lugar. 

O venres tivo lugar a competición por equipos, Manu, xunto con Pau Etxaniz e Miquel Travé, conformaron o equipo español de K1 sub-23. Nesta modalidade faise final directa, nela os tres integrantes deben facer o circuíto e entrar na meta xuntos. Os tres baixaron absolutamente compenetrados, rapidísimos e sen fallos, e cun tempo de 105,86 segundos, remataron terceiros por detrás de Francia e Italia. Medalla de bronce para os tres, nun podio moi axustado, xa que a diferencia de tempos entre franceses, italianos e españois foi de menos de un segundo. 

Neste Campionato Europeo celebrouse por primeira vez de forma oficial o Campionato de Europa de caiac extremo, tamén chamado boater cross. Esta é unha nova e espectacular modalidade de slálom que se estreará como categoría olímpica en París 2024. Catro piragüistas, saltan dende unha rampla ao mesmo tempo, e enfróntanse nunha carreira moi rápida, nun circuíto no que deben pasar varias portas e un esquimotaxe, os dous primeiros en pasar a meta clasifícanse para a seguinte fase e os dous últimos quedan eliminados. 

Nesta modalidade, na que se baixa de catro en catro, so poden entrar 16 atletas na competición, para facer a selección dos 16 mellores, na tarde do venres baixaron o circuíto de maneira individual, clasificándose os 16 máis rápidos. Manuel conseguiu entrar co segundo mellor tempo. Durante a tardiña do sábado celebrouse a competición propiamente dita, Manuel foi eliminando contrincantes, superando cuartos de finais e semifinais. Nas finais entrou en terceiro lugar , o que lle valeu a súa segunda medalla de bronce neste campionato. Impresionante palmarés para o tomiñés, que volve de Eslovenia con dúas medallas de bronce no Campionato Europeo. 

Neste europeo outros tres deportistas galegos, os tres do Piragüismo Penedo, acompañaron a Manuel na selección española. Borja González en extremo, que se quedou nas clasificatorias; Daniel Pérez en C1 que acadou finais e rematou noveno en individual e sexto por equipos e Ainhoa Lameiro en C1 que rematou vixésimo cuarta en individual e acadou a medalla de prata por equipos. Grandes resultados para o slálom galego, e moito mérito para os nosos representantes, que se atopan todos adestrando na canle da Seu D´Urgell, a máis de mil quilómetros dos seus fogares, ao non contar Galicia cunha canle de augas bravas. 







 

Final por equipos 

 

Final en boater cross

No hay comentarios:

Publicar un comentario