Os días 6, 7 e 8 de agosto celebrouse na localidade catalá de Sort a máis importante das competicións da Liga Española de Slálom, o Campionato de España. Despois da suspensión o ano pasado por mor da COVID, este ano retomouse contando cunha elevadísima participación e xerando gran expectación na poboación do lugar.
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cun equipo ben numeroso, formado por 13 deportistas, que desfrutaron da competición e deron o mellor de si mesmos.
Na xornada do venres, celebrouse por primeira vez o Campionato de España de Slálom Extremo, que será deporte olímpico en Paris 2024. Trátase dunha modalidade moi vistosa e espectacular, na que os deportistas baixan un circuíto de catro en catro, clasificándose os dous primeiros e quedando fóra os dous últimos, ata que so queden catro nas finais.
Comezouse cunha baixada en liña recta, na que se clasificaron para cuartos de final os dezaseis deportistas máis rápidos de cada categoría.
Laura Alonso, en mulleres sénior, quedou a un posto de meterse en cuartos, rematando décimo séptima.
En mulleres xuvenil, Ainhoa Barreiro quedouse en cuartos de final e Alba Soutelo chegou a semifinais, moi preto de facer finais.
En homes sénior, Brais Castro non superou as clasificatorias, Luís Fernández si o fixo, caendo en cuartos de final e Manuel Ochoa fixo o mellor tempo nas clasificatorias, gañou con claridade a súa ronda de cuartos, e nas semifinais tamén gañou con claridade, pero unha penalización ben dubidosa dunhas das xuizas, deixárono fóra da final.
En homes xuvenil, Mateo Álvarez e Alexis Segadaes caeron nas clasificatorias mentras que Sergio Rodríguez as superou co segundo mellor tempo, caendo en cuartos, por non trazar de forma correcta dúas das portas.
Na clasificación final por equipos o Deportivo Miño Teixugos rematou en cuarto lugar.
Podedes ver a espectacularidade deste campionato no seguinte vídeo:
O sábado deu comezo o Campionato de España de Slálom Olímpico, cunha elevadísima participación, un total de 295 dorsais, entre eles os catro olímpicos, Maialen Chorrault, Nuria Villarrubla, Ander Elósegui e David Llorente, que xeraron grande expectación entre o público.
Ao longo de toda a mañá disputáronse as clasificatorias, onde os deportistas intentaron acadar un lugar nas semifinais.
Xa pola tarde, tiveron lugar as competicións por patrullas ou equipos formados por tres piragüistas do mesmo club, que deben facer o circuíto xuntos. Os Teixugos participaron con tres equipos.
En C1 sénior, Luís, Brais e Emilio foron octavos. En K1 sénior masculino, Manuel , Sergio e Alexis remataron en noveno lugar. O equipo formado por Laura, Ainhoa e Alba, fixeron dobre baixada, en caiac e canoa, en K1 foron novenas, e en C1, sextas. A súa foi a única representación feminina galega en patrullas, o que pon de relevo a necesidade dunha campaña a favor do deporte feminino na nosa comunidade.
Podedes ver toda a competición no video seguinte:
E, na mañá do domingo, rematou este maratoniano torneo coas semifinais e finais individuais de slálom.
En K1 sénior, Manuel Ochoa, fixo unha moi boa competición, superando sen problema clasificatorias e semifinais, e , xa nas finais, fixo unha baixada rápida e sen penalizacións, en 91,85 segundos, rematando segundo, por detrás do vasco Joan Crespo e acadando a medalla de prata. Tamén se xogaba nesta competición unha praza para o Campionato de Europa Júnior e sub-23, praza que finalmente tamén foi para Manu, ao ser o sub-23 mellor clasificado.
En C1 sénior, Luís Fernández, con serias aspiracións a medalla, superou sen problemas clasificatorias e semifinais, e xa nas finais, fixo unha boa baixada, sen fallos, pero algo lenta, rematando en quinto lugar. Na mesma categoría, Brais Castro, superou as clasificatorias e a piques estivo de meterse nas finais, rematando undécimo.
En K1 veteranos Emilio Rodríguez finalizou sexto.
En K1 xuvenil, Sergio Rodríguez meteuse en semifinais, pero unha penalización nunha porta, deixárono sen finais, rematando décimo séptimo. Na mesma categoría, Alexis Segadaes, ao igual que Sergio superou as clasificatorias, e caeu nas semifinais, tamén por unha penalización e rematou décimo noveno. Este torneo, ademais de Campionato de España, era selectivo para a federación portuguesa, e grazas a súa boa baixada en clasificatorias, Alexis, teixugo de nacionalidade portuguesa, acudirá ao Europeo Júnior en representación do seu pais.
Tamén participaron nesta categoría Mateo Alvarez, Adrián Lluch, Rui Malheiro e Antón Fernández, os máis benxamíns e menos experimentados do equipo, que o deron todo, pero non foron quen de superar as clasificatorias.
En K1 sénior feminino sénior, Laura Alonso, acadou semifinais, rematando décimo séptima.
En K1 xuvenil, Ainhoa Barreiro, tamén chegou a semifinais, acabando en décimo quinto lugar.
Alba Soutelo, tivo dobre participación, en K1 e C1 xuvenil. Acabando décimo cuarta en semifinais nas dúas categorías.
Bo balance para o Club Deportivo Miño, cun gran equipo e nun moi bo momento, que lle valeu un cuarto lugar na clasificación por clubs neste Campionato de España.
Para ver fotos das xornadas, preme na imaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario