domingo, 4 de septiembre de 2022

2022 ICF CANOE SLALOM WORLD CUP FINAL, LA SEU D´URGELL: 2 a 4/09/2022



Última cita internacional da tempada para Luís Fernández e Manuel Ochoa coa selección española de slálom. Nas augas do Parc Olimpic do Segre, na Seu D´Urgell, os días 2, 3 e 4 de setembro celebrouse a “2022 ICF Canoe Slalom World Cup Final”, última das competicións internacionais de carácter oficial. 


O tomiñés Manuel Ochoa fixo historia ao acadar a medalla de prata na modalidade de Slálom Extremo. Na contra reloxo do sábado fixo o mellor tempo de todos e meteuse en clasificatorias. Unha vez superada esta fase da competición, fanse enfrontamentos de catro en catro, pasando os dous primeiros a seguinte fase. Nese mesmo sábado Manuel gañou a súa serie, clasificándose para cuartos de final. Na tarde do domingo, amosando un dominio total da situación, gañou con vantaxe cuartos de final, nas semifinais entrou segundo, o que o meteu xa na gran final. Neste enfrontamento final o checo Heger Vojtech entrou primeiro, e detrás del, case a un tempo Manuel Ochoa e o francés Theo Desvignes, tan igualada foi a chegada que os xuíces tiveron que recorrer ao vídeo oficial para determinar cal dos dous entrou primeiro. Este resultado confirma ao teixugo Manu Ochoa como un dos mellores especialistas do mundo nesta nova modalidade que se estreará como olímpica en París 2024. 


Manuel participou tamén na modalidade de k1 en slálom. O venres nunha gran baixada, entrou directo en semifinais co oitavo mellor tempo. Nas semifinais, xa non tivo tanta sorte, e non conseguiu estar entre os dez mellores, para estar nas finais. Rematou na vixésimo primeira posición. 


Luís Fernández participou en C1, e na tarde do venres, cunha gran baixada, conseguiu pase directo a semifinais. Nas semifinais do domingo, Luís fixo un espectacular e rapidísima percorrido, pero dúas penalización por toques deixárono fóra, rematou a copa décimo noveno. 
As copas do mundo son unha especie de liguiña, e na última súmanse as puntuacións obtidas polos participantes. Neste ranking final, Luís Fernández rematou vixésimo quinto en C1, e, Manuel Ochoa vixésimo oitavo en K1 e cuarto en extremo. 
Destacar tamén a participación doutra galega, Ainhoa Lameiro, do Club Penedo Te Importa de Tui, que conseguiu meterse nas finais de C1, rematando nunha máis que destacable sétima posición. 
Tanto Manuel como Luís seguirán adestrando coa selección nacional, e nos primeiros meses do ano que ven, deberán superar os durísimos selectivos para seguir formando parte do equipo nacional.
Fotos de Norbert Aguilera




No hay comentarios:

Publicar un comentario