sábado, 7 de octubre de 2023

COPA FINAL DO MUNDO, VAIRES-SUR-MARNE: 5 a 8/10/2023

      Ao longo desta semana celebrouse na canle francesa de Vaires-Sur-Marne a Copa Final do Mundo, como peche da tempada 2023. Deportistas de todo o mundo déronse cita para medir as súas forzas nesta canle, que será a sede olímpica do slálom en París 2024. 

    Entre os integrantes do equipo español estaba o teixugo Luís Fernández Pereira. O deportista de Salceda e membro do Club Deportivo Miño-Teixugos, intentou acadar unha das 24 prazas para as semifinais na modalidade de canoa ou C1, para o que dispuxo de dúas oportunidades. Na primeira fixo unha baixada limpa, sen penalizacións, pero algo lenta con 106.26 segundos; na segunda oportunidade fixo un gran tempo de 98.69, pero dous segundos de penalización por un toque na porta 13, deixárono fóra de semifinais por tan só dúas décimas de segundo. Luís rematou a súa participación nesta copa do mundo no vixésimo sexto lugar. 

    O outro galego na selección, Daniel Pérez, do Club Piragüismo Penedo, tamén na modalidade de C1, tampouco conseguiu o pase a semifinais, rematando trixésimo oitavo. 

    Esta tempada 2023 terá o seu peche o 21 e 22 de outubro na Seu D´Urgell, onde se celebrará o Campionato de España de Slálom Olímpico. Despois desta última cita os deportistas comezaran unha dura tempada de adestramentos e selectivos para buscar unha das prazas para os Xogos Olímpicos de 2023. 


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario