domingo, 7 de abril de 2013

OS TEIXUGOS NA 2ª COMPETICIÓNDA COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM EN MONDARIZ


Esta fin de semana celebrouse en Mondariz Balneario a 2ª Competición da Copa de España de Slálom. Aínda que inicialmente estaba previsto que tivera lugar en Padrón, o alto caudal do río Ulla obrigou a Federación a un cambio de emprazamento desta competición que forma parte da VIII Liga de Slálom Olímpico Manuel Fonseca. Participaron un total de 15 equipos, dous deles da veciña Portugal, que aínda que competiron, non puntuaron para a liga. Coma xa é habitual vascos e cataláns dominaron a competición, aínda o nivel dos palistas galegos está subindo ano a ano, e catro dos podios foron galegos.
O Club Deportivo Miño acudiu con un total de nove deportistas, dos cales catro entraron oito en semifinais e catro deron chegado as finais: Alejandro Ochoa oitavo en C1 sénior home, Manuel Ochoa undécimo en K1 cadete home, Brais Castro, que competiu en dúas categorías, rematou décimo en K1 e cuarto en C1 cadete home e por último destacar impresionante papel de Andrea González que acadou medalla de prata na categoría K1 xuvenil muller. Parabéns Andrea!!!
Na clasificación final por equipos o club tomiñés rematou en quinto lugar, sendo o mellor clasificado dos seis equipos galegos.
O vindeiro fin de semana celebrarase na mesma localidade de Mondariz Balneario a 3ª Competición da Liga Galega de Slálom, na que esperamos que os Teixugos fagan un gran papel.


domingo, 17 de marzo de 2013

CATRO TEIXUGOS NA FINAL DA 1ª COMPETICIÓN DA COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM



Esta fin de semana oito piragüistas do Club Deportivo Miño acudiron a 1ª Competición da Copa de España de Slálom Olímpico celebrada na localidade vasca de Irún, no río Bidasoa. Durante a mañá e a tarde do sábado deportistas dun total de 19 equipos de toda España intentaron entrar nas semifinais do domingo. A pesares do gran número de competidores e do seu alto nivel, catro Teixugos entraron en semifinais. A primeira hora do domingo os catro fixeron unha boa semifinal e deron entrado nas finais.


Brais Castro acabou décimo en K1 cadete home, Manuel Ochoa sétimo na mesma categoría, Andrea González rematou quinta en K1 cadete muller e Sara Vázquez foi bronce nesta mesma categoría e prata en C1 cadete muller.


Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño rematou quinto, sendo o mellor clasificado dos equipos galegos. A 2ª Competición da Copa de España terá lugar en Padrón os días 6 e 7 de abril.






domingo, 10 de marzo de 2013

OS TEIXUGOS GAÑAN A 1º COMPETICIÓN DA LIGA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM "DAVID CASTRO"

Durante a mañá do domingo celebrouse no río da Pedra, en Tomiño,a 1º Competición da Liga Galega de Promoción Slálom “David Castro”. Aínda que a mañá estivo bastante chuviosa, non foi impedimento para que os máis pequenos de toda Galicia competisen nun río da Pedra con moitísima auga. Participaron un total de sete clubs, cinco galegos e dous portugueses, con nenos e nenas de oito a trece anos.
O Club Deportivo Miño conseguiu 10 medallas; catro de ouro, para Alba Soutelo en K1 Muller Benxamín, Víctor Rodríguez en C1 Home Infantil, Manuel Piedra en K1 Home Benxamín e para Clara González en C1 Muller Infantil; tres de prata para Sergio Martínez en K1 home Benxamín, Clara González en K1 Muller Infantil e Victor Rodríguez en K1 Home Infantil; e outras tres de bronce para Ainoha Barreiro en K1 Muller Benxamín, Samuel Castro en K1 Home Benxamín e Gabriel Alonso en K1 Home Alevín.
O Club Deportivo Miño-Teixugos quedou primeiro na clasificación por clubs cun total de 207 puntos, seguido polo Tea Mondariz con 137 e en terceiro lugar o Montaña Quixós de Lugo con 61 puntos.
 Imposible esquecer durante esta competición a David Castro, que tanto fixo por este club e que nos deixou fai agora tres anos.


domingo, 24 de febrero de 2013

TEIXUGOS EN FRIDAO

   Catro representantes dos Teixugos participaron este domingo no XIX Slálom Internacional de Fridao en Portugal. Aínda que non é unha competición da Liga Galega, o Club Deportivo Miño acude cada ano á concentración nesta localidade portuguesa preto de Amarante. Participaron cinco clubs galegos e cinco portugueses. 
    As dez da mañá portuguesas, once españolas, comezaron as clasificatorias en tres categorías K1 muller, K1 home e C1 home. Estas categorías eran absolutas, é dicir non se dividiron por tramos de idades, competindo xuntos cadetes, infantís, juniors e séniores. Os catro representantes dos Teixugos deron entrado na final, feito moi meritorio pois eran dous nenos de 14 anos e dúas nenas de 16 que competiron con piragüistas de moita máis idade. 
   A partir das tres da tarde, hora portuguesa, celebrouse a final quedando Brais Castro noveno en K1 home, Manuel Ochoa oitavo en K1 home, Sara Vázquez cuarta en K1 muller e Andrea Ucha terceira na mesma categoría, o que lle valeu un trofeo.

domingo, 3 de febrero de 2013

IV TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM

Este domingo tivo lugar a primeira competición de slálom olímpico da tempada 2013. Aínda que estaba prevista para a pasada fin de semana, o mal tempo obrigou ao seu aprazamento. Organizada polas federacións galega e portuguesa contou coa participación de cinco equipos galegos e cinco portugueses. Tomaron a saída un total de 150 piragüistas das categorías cadete, infantil, xúnior, sénior e veterano, nas modalidades K1, C1 e C2. Esta proba considérase tamén a primeira da Copa Galega de Slálom, polo que puntúa para a Liga Galega. O Club Deportivo Miño tivo unha moi boa actuación, conseguindo tres medallas de ouro: Andrea Ucha en K1 Muller Xunior, Marina Ruedas en K1 Muller Cadete e Claudia Otero en C1 Muller Cadete; unha de prata para Claudia Otero en k1 Muller cadete e dúas de bronce para Brais Castro que fixo dobrete en K1 e C1 Home Cadete. Na clasificación por equipos acadou o primeiro posto o Augas Bravas Clube de Portugal, cun total de 233 puntos, seguido polos Teixugos con 200 e no terceiro posto o ADA de Amarante con 183 puntos. Na Liga Galega os Teixugos acadan polo tanto a primeira posición seguido do Club Tea de Mondariz con 189 puntos, e no terceiro lugar quedaría o Penedo de Caldelas con 98. Se queredes ver videos da xornada podédelo facer nos seguintes enlaces: 1, 2, 3 e 4

domingo, 16 de septiembre de 2012

OS TEIXUGOS PRIMEIROS POR EQUIPOS NO CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM EN DUMBRÍA

Este domingo celebrouse en Dumbría o Campionato Galego de Slálom, última das competicións oficiais de slálom desta tempada 2012. Os “Teixugos” acudiron con 10 dos seus deportistas, algúns dos cales participaron por partida dobre, nas categorías C1 e K1 correspondentes a súa idade. Aínda que tódolos deportistas fixeron un moi bo papel, destacan as catro medallas de ouro conseguidas por Marina Ruedas, Guilermo Martínez e Sara Vázquez, con dúas medallas en K1 e C1 ; dúas medallas de prata para Laura Alonso e Marina Ruedas e dúas medallas de bronce para Andrea González e Laura Alonso. Na categoría de patrullas destacar o terceiro posto conseguido pola patrulla formada por Guillermo Martinez, Nicolás Ruedas e Alejandro Ochoa. No reconto final por equipos O Club Deportivo Miño acadou o primeiro posto cun total de 249 puntos, seguido do Tea de Mondariz con 243 puntos e do Baiona con 185. Este é un inmellorable peche de tempada para o club, que non baixa a garda e prepara xa a tempada 2013.

domingo, 2 de septiembre de 2012

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM EN RIBADUMIA

Este domingo celebrouse en Ribadumia o Campionato Galego de Promoción de Slálom, que, como xa levamos explicado noutras ocasións, comprende as categorías alevín , benxamín e infantil. O club Deportivo Miño-Teixugos participou con cinco piragüistas, que foron quen de traer para Tomiño un total de 7 medallas. Destacar a impresionante participación de Brais Castro que se fixo co ouro nas categorías K1 e C1 Home Infantil, nas mesmas categorías Manuel Ochoa conseguiu dúas medallas de bronce. Clara González acadou prata en K1 Muller Infantil e ouro en C1 Muller Infantil. Finalmente Víctor Rodríguez foi bronce en K1 Home Alevín. Con esta competición péchase a tempada 2012 nas categorías de promoción na Comunidade Autónoma, unha tempada moi deslucida, marcada pola falta de medios e a falta de auga nos ríos, que unida a ausencia total de canles artificiais en Galicia fixo que so se celebraran dúas das sete competicións previstas a comezo de ano.