domingo, 25 de febrero de 2018

I COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM, ORTHEZ:24-25/02/2018

Esta fin de semana tivo lugar na localidade francesa de Orthez a primeira das competicións da Liga Española de Slálom.
O club organizador, o Atlético San Sebastián, recorreu a esta canle francesa, na que adestra habitualmente, para celebrar esta primeira Copa e España.
 O club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con oito palistas, dous dos cales foron en calidade de abridores, para coller experiencia e adestrar, pero non puntuando para o club.
 Esta competición ten gran relevancia, pois xunto coa que se celebrará en Mondariz, vai determinar os palistas que formaran parte do proceso selectivo nacional no que se seleccionará o equipo nacional de slálom 2018.
O sábado celebráronse as probas clasificatorias , cunha segunda baixada de repesca para os que non deron entrado en semifinais. E na mañá do domingo semifinais e finais.
As representantes femininas do club, non deron entrado en finais, rematando Laura Alonso en décimo quinto lugar en K1 Sénior e Ariadna Pereira sexta en K1 Cadete.
 Os catro representantes masculinos pasaron a semifinais, rematando en moi bo lugar.
Emilio Rodríguez, na categoría K1 Veterano, fixo unha gran baixada nas clasificatorias, tendo serias opcións a medalla, pero na final foi algo lento e rematou quinto.
 Manuel Ochoa, en K1 sénior, a categoría máis numerosa e igualada, rematou nun impresionante quinto posto, a pesar de non estar no seu mellor momento por problemas de saúde.
 Brais Castro, en C1 sénior, fixo unha boa clasificatoria e conseguiu entrar en semifinais , onde fixo unha gran baixada, rebaixando en varios segundos a do sábado, pero que non lle permitiron facer final por apenas dous segundos, rematando oitavo.
Luís Fernández, tamén en C1 sénior, tivo unha impresionante actuación esta fin de semana, tanto o sábado coma o domingo demostrou o seu bo momento, rematando en segundo lugar, por detrás de Daniel Marzo e por diante do olímpico Ander Elósegui. A vindeira cita co slálom será en Mondariz, onde o club Tea organizará a 2ª Copa de España, tamén puntuable para o selectivo nacional.

 

domingo, 4 de febrero de 2018

II COPA GALEGA DE SLÁLOM, SALVATERRA: 04/02/2018

Este domingo celebrouse en Alxén, Salvaterra de Miño, a II Copa Galega de Slálom, correspondente a Liga Galega de Slálom, a que o Club Deportivo Miño acudiu con 11 deportistas. Ao igual que a semana anterior, os resultados non puideron ser mellores.
Na categoría sénior, Brais Castro foi o gañador en C1 e segundo en K1, superado solo por Axel Afonso do club Tea, Laura Soutelo gañou en K1 e Marina Ruedas foi segunda.
Na categoría cadete, Ariadna Pereira foi segunda en C1 e K1, por detrás de Roxana Bernárdez do Tea.
Na categoría Infantil, Ainhoa Barreiro gañou en K1 e  en C1, Alba Soutelo foi segunda tamén en K1 e C1, Samuel Castro gañou en C1 e foi segundo en K1, Sergio Rodríguez primeiro en K1 e terceiro en C1 e Alexis Segadaes rematou terceiro en K1.
Inmellorable, pois, a participación do Club Deportivo Miño, cun total de 15 podios, dos cales 6 foron ouros, 7 pratas e 2 bronces.
Na clasificación por equipos, o Piragüismo Penedo foi o gañador, seguido do Tea de Mondariz e no terceiro lugar os Teixugos.
A vindeira cita co slálom para os teixugos será o 24 e 25 deste mesmo mes na localidade francesa de Orthez onde se celebrará a primeira Copa de España.
Para ver máis fotos preme AQUÍ
 

domingo, 27 de agosto de 2017

CAMPIONATO DE ESPAÑA “JÓVENES PROMESAS” SEU D´URGELL: 26-27/08/2017

Esta fin de semana celebrouse na canle olímpica da Seu D´Urgell o Campionato de España de “Jóvenes Promesas”, co que se pecha a “ XII Liga Española de Jóvenes Promesas de Slálom”, onde competiron deportistas das categorías Infantil e Cadete de toda España. Durante a mañá do sábado cada deportista fixo dúas baixadas, das que contaba só a mellor, o domingo pola mañá outras dúas, contando tamén a mellor das dúas.  O resultado final do campionato ven dado pola suma dos postos do sábado e do domingo.  
Cinco foron os deportistas dos Teixugos que acudiron a esta cita. A primeira medalla foi para Ariadana Pereira que en K1 Cadete onde rematou terceira. En K1 Infantil-B Muller Ainhoa Barreiro foi sétima e Alba Soutelo décima, as mesmas deportista participaron tamén en canoa, rematando Alba quinta e Ainhoa octava. Na categoría Infantil-B Home C1, Samuel Castro acadou medalla de prata e Sergio Martínez foi quinto, na mesma categoría, pero K1, Sergio foi segundo, medalla de prata, por tanto, e Samuel noveno.
 Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño rematou na quinta posición. 
O sábado pola tarde celebrouse tamén o Campionato de España de patrullas ou slálom por equipos, no que os Teixugos, formando equipos con palistas de varios clubs galegos representando a Federación Galega, acadou dúas novas medallas. En C1 Infantil a patrulla da federación galega na que participaba Samuel Castro dos Teixugos, xunto con Brais Caride e Yoel Costales do Penedo de Tui, quedou en segundo lugar; na mesma categoría, a patrulla formada por Sergio Martínez dos Teixugos, Hipólito Alves do Penedo e Darío Mínguez do Tea foi cuarta. En K1 Infantil a patrulla que integraba a Sergio Martínez foi cuarta e a de Samuel octava. En K1 Infantil feminino, a patrulla formada por Ainhoa e Alba dos Teixugos xunto a Rosana Bernárdez do Tea acadou a medalla de bronce. 






domingo, 20 de agosto de 2017

CAMPIONATO DE EUROPA JÚNIOR E SUB-23 HOHENLIMBURG: 17 a 20/08/2017



Desde o xoves 17 ata o domingo 20 de agosto celebráronse na localidade alemá de Hohenlimburg os Campionatos de Europa e Sub-23 de Slálom.


Dous canoístas do club Deportivo Miño-Teixugos acadaron praza para formar parte da selección que representou a España. Luís Fernández e Brais Castro conseguiron no pasado Campionato de España de slálom superar os selectivos para esta competición, concretamente para a modalidade C1 Home sub-23. Ademais de eles dous, outra galega, Ainhoa Lameiro, do Club Penedo de Caldelas, tamén conseguiu superar os selectivos.


Luís Fernández tivo a súa primeira baixada o venres de mañá, quedando a apenas tres postos de entrar en semifinais, xa pola tarde tivo outra oportunidade, pero nesta ocasión baixou algo máis lento, quedando fóra de semifinais. O seus resultados están por debaixo das súas marcas habituais, probablemente debido a que se viu obrigado a competir cunha canoa “de prestado” a causa dun incidente que non lle permitiu o uso do seu material habitual. Na clasificación final acadou o trixésimo segundo posto.


Brais Castro fixo dúas boas mangas con apenas dúas penalizacións, pero algo lentas, e tampouco foi quen de facer semifinais. Rematou na trixésima posición.


A terceira representante galega no campionato Ainhoa Lameiro formou parte do equipo de K1 Júnior e tamén do de C1 júnior. En K1 Ainhoa non foi quen de entrar en semifinais, e acabou no posto trinta. En C1, na mañá do venres, conseguiu pase directo a semifinais na primeira manga cunha duodécima posición. Na mañá do domingo fixo unha boa baixada de semifinais, pero por apenas segundo e medio quedou fóra das finais. Rematou no décimo quinto posto.


O equipo español conseguiu neste campionato dúas medallas de ouro, para Laia Sorribes en K1 Júnior Muller e para Miren Miren Lazcano en C1 Sub-23 Muller, e unha de plata para o equipo español de patrullas en C1 Júnior Home.


Este volve a ser un ano con historia para o slálom galego grazas sobre todo ao traballo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, e iso a pesar de non contar con ningunha canle adecuada para este deporte na comunidade galega. A maioría vese obrigado a desprazarse máis de mil quilómetros para adestrarse na canle da Seu D´Urgell, outros, como Luís Fernández, optan por irse a vivir alí para poder manter un bo nivel de adestramento.

domingo, 13 de agosto de 2017

2ª COPA DE ESPAÑA DE “JÓVENES PROMESAS” DUMBRÍA: 12-13/08/2017

Esta fin de semana disputouse na vila coruñesa de Dumbría a 2ª Copa de España “Jovenes Promesas”, na que compiten as futuras promesas do slálom, concretamente as categorías cadete, infantil A e infantil B. 
A competición comezou a súa primeira fase o sábado e a segunda o domingo, sendo o resultado final a suma dos postos obtidos nos dous días. 
Foilles ben aos pequenos teixugos e teixugas, que viñeron para a casa con sete medallas. En K1 Cadete Muller, Ariadna Pereira foi medalla de ouro. En Infantil B Muller, Ainhoa Barreiro acadou a prata por partida dobre, en K1 e en C1, e na mesma categoría Alba Soutelo foi ouro en C1 e cuarta en K1. En Infantil B Home, Sergio Martínez foi prata en K1 e bronce en C1, na mesma categoría Samuel Castro foi o ouro en C1 e cuarto en K1 e Alexis Segadaes foi sétimo. 
Na clasificación final por equipos, resultou gañador o Cadí Canoe-Kayak da Seu D´Urgell, seguido polo Club Santiagotarrak de Irún e o Piragüismo Penedo de Tui. O club Deportivo Miño-Teixugos acadou o cuarto posto. 





domingo, 6 de agosto de 2017

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM-SABERO: 5-6/08/2017

Esta fin de semana tivo lugar na canle de Alejico-Sabero, en León, o Campionato de España de Slálom, a última é máis importante das competicións da Liga Española de slálom olímpico. 
Foron dous días de infarto, con luces e sombras para o club, que acudiu a evento con 9 deportistas que o deron todo ao longo das dúas xornadas. Esta competición, ademais de decidir os campións e campioas de cada categoría, tamén foron selectivas para formar parte da selección nacional de slálom, o que lle deu máis emoción se cabe. 
En C2 sénior home a parella formada por Luís Fernández e Brais Castro foron terceiros, conseguindo a medalla de bronce da categoría. 
En K1 Júnior Muller, Laura Vaquero rematou sexta e en K1 Cadete, Ariadna Pereira foi sexta. En K1 Sénior Muller, a máxima categoría, Andrea González rematou décimo terceira, Marina Ruedas décimo oitava e Laura Soutelo vixésimo cuarta, as tres moi orgullosas dos seus postos, xa que os seus estudos non lles permitiron apenas adestrar esta tempada. Das tres, Andrea foi a única que entrou no selectivo para o equipo nacional, pero non acadou praza nin en sénior nin en sub-23. 
En K1 Home Júnior, Marco Patiño foi décimo noveno. En K1 Home Veterano, Emilio Rodríguez , foi terceiro, conseguindo a segunda medalla de bronce do Campionato para o club. E xa na máxima categoría, K1 Sénior Home, Manuel Ochoa rematou oitavo. Manuel tamén optou a formar parte do equipo sub-23, posto polo que loitou ata o final, pero que finalmente perdeu na última baixada, na que un pequeno erro nunha das portas fixo que perdera uns segundos que lle custaron o posto para o europeo sub-23 a favor do catalán Jordi Cadena. 
En C1 Home Sénior, máxima categoría de canoa, Brais Castro fixo catro baixadas impresionantes, sen toques, que lle valeron un quinto posto e unha praza no equipo nacional de canoa sub-23 para o europeo a celebrar en Alemaña, dato este, aínda pendente de confirmar pola federación; na mesma categoría, Luís Fernández, que tiña serias aspiracións a medalla, rematou sexto, xa que non puido contar coa súa canoa, pa e material, pois a furgoneta que llos transportaba do Campionato do mundo de Bratislava, sufriu unha avaría e viuse obrigado a competir con material e barco prestado, o que repercutiu moi negativamente nos seus resultados, perdendo non so as posibles medallas, senón tamén o seu posto na selección absoluta de C1. Luís segue mantendo, sen embargo, praza na selección sub-23. 
Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugas, rematou en sétimo lugar. 
E xa como remate da xornada, o club obtivo o 3º lugar na recén estreada Liga Feminina de Slálom, premio Loterías del Estado, o que lle valeu un trofeo e un premio de 500€. Eeste é un recoñecemento ó papel das deportistas femininos, que superan aos masculinos no Club Deportivo Miño- Teixugas, e como homenaxe a elas, vai un pequeno e ben merecido cambio de nome nesta nova e na cabeceira do blog do club. 
Para ver máis fotos da xornada preme AQUÍ 





domingo, 23 de julio de 2017

1ª COPA DE ESPAÑA "JÓVENES PROMESAS"- SORT: 22-23/07/2017

Esta fin de semana celebrouse en Sort, Lleida, a “1ª Copa de España de Jóvenes Promesas”, na que compiten as pequenas promesas do slálom español. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con cinco pequenos deportistas, a maioría dos cales participaron tanto en C1 como en K1.
O sistema é similar ao que se usa nas competicións sénior, o sábado fixéronse dúas mangas , da que se contou a mellor de cada nena ou neno, o domingo repítese o mesmo sistema, e a clasificación final ven dada pola suma dos puntos dos postos obtidos en cada un dos dous días.
 En K1 Cadete Muller, Ariadna Pereira foi a gañadora da categoría. Alba Soutelo foi terceira en C1 Infantil-B muller e décima en K1 Infantil-B . Ainhoa Barreiro foi octava en C1 Infantil-B muller e novena en K1 Infantil-B. Samuel Castro foi segundo en C1 Infantil-B home e undécimo en K1 mentras que o seu compañeiro Sergio Martínez foi terceiro en en K1 Infantil-B home e sexto en C1.

Unha medalla de ouro, outra de prata e dúas de bronce son un inmellorable balance para a xornada.Na clasificación final por equipos, o club Deportivo Miño rematou en quinta posición.