domingo, 7 de marzo de 2021
2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM- LA SEU D´URGELL: 6-7/03/2021
domingo, 21 de febrero de 2021
1ª COPA E ESPAÑA, MONDARIZ: 20 - 21/02/2021
Esta fin de semana arrancou a Liga Española de Slálom, despois dun ano de parón por mor da COVID-19. A primeira das competicións, 1ª Copa de España de Slálom, celebrouse na localidade de Mondariz. Durante dúas xornadas, o mellor do panorama nacional nesta modalidade de piragüismo, deuse cita nas augas do río Tea. O evento estivo marcado pola adversa meteoroloxía, pola elevadísima participación, con catorce equipos e máis de 200 deportistas, e polo protocolo do coronavirus, con grandes medidas de seguridade e sen público.
Esta copa constou de dúas competicións diferenciadas, unha sábado e outra domingo, cunha primeira baixada clasificatoria, na que os dez primeiros pasaban á final. O Club Deportivo Miño acudiu con dez deportistas, cos que deu acadado resultados históricos.
En canoa sénior Luis Fernández foi gañador absoluto nas dúas xornadas. O deportista de Salceda, impúxose nas clasificatorias e nas respectivas finais, tanto sábado como domingo. Na mesma modalidade Alejandro Ochoa non deu conseguido entrar nas finais rematando décimo sexto nos dous días.
En caiac sénior, o tomiñés Manuel Ochoa, conseguiu a terceira medalla de ouro para os Teixugos. Nas clasificatorias do sábado, un pequeno fallo e unha penalización de dous segundos, deixárono fóra das finais nun décimo quinto lugar. O domingo, co quinto mellor tempo, entrou en finais, e rematou gañando a proba. Na mesma proba, Alejandro Ochoa, rematou trixésimo quinto e trixésimo oitavo.
Tamén en caiac sénior, Laura Alonso, quedou nas dúas xornadas ás portas das finais co seu duodécimo lugar.
En categoría xuvenil feminina, Ainhoa Barreiro e Alba Soutelo tiveron unha moi boa actuación, rozando o podio en varias ocasións. Alba , en caiac, rematou sexta o sábado na final e décimo cuarta o domingo, na modalidade de canoa, rozou medalla nos dous días, rematando cuarta e quinta. Pola súa banda, Ainhoa fixo finais nos dous días en caiac, rematando cuarta e sétima, e en canoa foi décimo cuarta e novena.
En xuvenil masculino, a modalidade de canoa non tivo participación de teixugos, e en caiac, a mellor actuación foi a de Sergio Rodríguez que entrou en finais nas dúas xornadas, rematando quinto e sexto. O seu compañeiro Alexis Segadaes fixo dúas baixadas correctas, pero non o bastante rápido para facer final, rematando décimo sexto e vixésimo. Na mesma categoría, participaron tamén, Rui Malheiro e Adrián Lluch, os máis novos dos nosos participantes, que se estrearon na Liga absoluta nacional, rematando lonxe dos postos de cabeza.
A seguinte competición, a 2ª copa de España, terá lugar na canle da Seu D´Urgell os días 6 e 7 de marzo.
domingo, 3 de enero de 2021
1ªCOPA GALEGA, MONDARIZ: 03/01/2021
Este domingo, 3 de xaneiro, tivo lugar en Mondariz Balneario, nas augas do río Tea, a 1ª Copa Galega de Slálom, primeira cita da Liga Galega de Slálom. Organizada polo Club Tea de Mondariz, contou coa participación dos mellores deportistas galegos.
Os Teixugos acudiron a esta madrugadora cita con dez deportistas, acadando un total de sete medallas, tres de ouro, tres de prata e unha de bronce.
Na categoría absoluta ou sénior feminina, Ainhoa Barreiro foi a gañadora na modalidade K1 e o segundo posto ou medalla de prata foi para Alba Soutelo, as dúas cun percorrido sen penalizacións. As mesmas deportistas participaron tamén en canoa ou C1, onde Alba volveu facerse cunha nova prata, e Ainhoa foi terceira, a gañadora da categoría foi Ainhoa Lameiro do Penedo.
En K1 masculino sénior, o teixugo Manuel Ochoa fixo o segundo mellor tempo da final, detrás de Axel Afonso, do Tea Mondariz, acadando a medalla de prata. Na mesma categoría Emilio Rodríguez rematou sétimo.
En C1 masculino sénior, Brais Castro, acadou o quinto posto.
Na categoría júnior os nosos padexeiros conseguiron dúas novas medallas de ouro, en C1 Samuel Castro e en K1 Sergio Rodríguez, foron os gañadores das súas respectivas probas. Na mesma categoría, en K1, Alexis Segadaes foi cuarto.
En K1 cadete, Mateo Álvarez e Adrián Lluch, remataron sexto e sétimo, respectivamente.
Na clasificación final por equipos, o gañador foi o Piragüismo Penedo, cun total de 256 puntos, seguido do Deportivo Miño-Teixugos con 178.
O Slálom galego agarda polas próximas competicións, incertas pola COVID-19, e por unha canle de augas bravas que favoreza un adestramento de alto nivel.
Para ver as fotos da xornada , preme AQUÍ
domingo, 8 de noviembre de 2020
COPA DO MUNDO DE SLÁLOM, PAU: 6 A 8 /11/2020
domingo, 27 de septiembre de 2020
CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONDARIZ: 27/09/2020
A praia do Val, no concello de Mondariz, foi o escenario escollido para celebrar este domingo a última e máis importante das probas da Liga Galega de Promoción de Slálom, o Campionato Galego. Nas augas do río Tea déronse cita os máis pequenos do slálom galego, concretamente nenas e nenos das categorías benxamín, alevín e infantil.
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con nove deportistas que competiron e gozaron das augas e a marabillosa paisaxe da praia do Val.
En K1 Muller Benxamín Leila Álvarez foi a gañadora da proba, acadando por tanto a medalla de ouro. Na mesma categoría, a súa irmá Nerea fíxose coa prata ao rematar segunda.
En K1 Home Benxamín, Alejandro Barreiro , conseguiu a medalla de bronce co seu terceiro posto.
En K1 Home Alevín, Javier Lluch, cunha baixada impecable e sen penalizacións, foi terceiro, acadando, por tanto, o bronce. Na mesma categoría, Pedro Lomba rematou octavo.
En K1 Home Infantil, a categoría máis numerosa, Adrián Lluch, rozou o podio coa súa cuarta posición, o seu compañeiro Rui Magalhaes foi quinto, Antón Fernández sétimo e Alexandre González duodécimo.
En C1 Home Infantil, Adrián Lluch, rematou quinto.
Catro medallas individuais e o quinto posto na clasificación por equipos, foi o balance final no Campionato Galego de Slálom para os Teixugos. Pero moito máis importante cós resultados, foi que nenos e nenas practicaron deporte con seguridade e ao aire libre e desfrutaron dunha xornada de convivencia e amizade con nenas e nenos de toda Galicia.
domingo, 20 de septiembre de 2020
CAMPIONATO DE EUROPA, PRAGA: 18 a 20/09/2020
domingo, 13 de septiembre de 2020
CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM, ARBO: 13/09/2020
Despois do parón nas competicións oficiais por mor da COVID-19, este domingo celebrouse nas augas do río Miño, ao seu paso por Arbo, o Campionato Galego de Slálom. A competición caracterizouse pola baixa participación, e sobre todo pola escasísima participación feminina, pero sobre todo polo carácter reivindicativo; coma xa é habitual, piragüistas, clubs e directivos da Federación aproveitaron a ocasión para recordar a necesidade dunha canle de slálom en Galicia.
O Club Deportivo Miño acudiu ao evento con cinco deportistas, que foron quen de traer un total de oito medallas.
O mellor da xornada foi sen dúbida Brais Castro que na categoría absoluta de canoa se fixo coa medalla de ouro, proclamándose Campión galego absoluto en C1.
Samuel Castro tamén en canoa, pero categoría júnior, rematou terceiro, acadando podio coa medalla de bronce.
Sergio Rodríguez, en caiac, na categoría cadete, rematou primeiro, facéndose por tanto coa medalla de ouro e o campionato galego.
Ainhoa Barreiro, en caiac cadete, tamén acadou o ouro, e o título de campioa galega cadete, mentres que en C1 rematou segunda.
Alba Soutelo, en canoa cadete, tamén resultou gañadora, e, polo tanto, tamén campioa galega. Alba participou tamén en caiac, onde acadou a segunda posición.
Inmellorable balance para o Deportivo Miño con estas oito medallas na Competición máis importante da Liga Galega de Slálom Olímpico.
Na clasificación final por Clubs, os Teixugos remataron en terceiro lugar.
Esta será probablemente a derradeira competición de slálom a nivel autonómico e estatal que vexamos este ano, pois a Federación Española tomou a decisión de non celebrar competicións oficiais ata o próximo ano.
A nivel internacional, o teixugo Luís Pereira atópase neste momentos na cidade de Praga para acudir aos Campionatos Europeos de Slálom, no que tamén estarán os galegos Daniel Pérez e Ainhoa Lameiro do Club Piragüismo Penedo Te Importa.












