domingo, 11 de julio de 2021

CAMPIONATO DO MUNDO JÚNIOR E SUB-23, TACEN-LJUBLJANA: 6 A 11/07/2021

Do 6 ao 11 de xullo celebráronse na canle de augas bravas de Tacen- Ljubljana, en Eslovenia, os Campionatos do Mundo Júnior e Sub-23 de piragüismo na súa modalidade de slálom. O tomiñés Manu Ochoa foi un dos integrantes deste equipo, concretamente un dos tres representantes sub-23 de cáiac.

 Manuel comezou a súa participación na mañá do martes 6 de xuño na modalidade non olímpica de slálom en equipos, tamén coñecida como patrullas. Xunto con Pau Echaniz e Miquel Travé, formaban un dos conxuntos favoritos para optar ao podio, pero unha penalización de 50 segundos nada máis comezar, na porta 2, deixáronos sen opcións a medalla, rematando décimo terceiros. 

O mércores 7 comezou a competición individual coas clasificatorias, Manuel fixo unha boa baixada e conseguiu meterse en semifinais no primeiro intento. Houbo de esperar ao sábado para loitar por un dos dez postos na final, cunha baixada correcta, pero algo lenta, non se achegou aos postos de cabeza, rematando vixésimo cuarto. 

 Por último, no domingo, participou no slálom extremo , unha modalidade de slálom nova e cada vez con maior importancia por haber acadando a categoría de olímpica para Paris 2024. Comezaron coas eliminatorias para acadar un posto na competición, que Manuel deu superado sen problema co quinto mellor tempo de tódolos participantes. Xa na competición en si, baixadas en grupos de catro, na que se clasifican os dous primeiros en acadar a meta, superou as clasificatorias e caeu en cuartos de final, cunha gran baixada, rematando décimo no campionato do mundo de slálom extremo. 

Destacar que outros tres galegos formaron parte da selección, Daniel Pérez do Piragüismo Penedo de Tui ,que rematou trixésimo terceiro en C1 sub-23, Ainhoa Lameiro, do mesmo club, que rematou vixésima en C1 sub-23 e Mario Otero do Tea de Mondaríz que rematou trixésimo primeiro en K1 júnior. Non foi un gran campionato para a selección española júnior e sub-23, non acadando ningunha medalla, pero o slálom de alto nivel é así, un mínimo error, un solo segundo, pode deixarte fóra de xogo.

 


Baixada de semifinais en k1
 

 Baixada en slálom extremo

domingo, 27 de junio de 2021

2ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, O ROSAL: 27/06/2021

    Despois da paréntese da tempada pasada a causa da COVID-19, este ano estase retomando a competición con normalidade. Este domingo, nas augas do río Tamuxe, no concello do Rosal, os máis pequenos do slálom galego déronse cita na 2ª Copa Galega de Promoción de Slálom, organizada polo Club Deportivo Miño-Teixugos. Máis de 70 deportistas das categorías pre-benxamín, benxamín, alevín e infantil, acudiron ao evento, oito deles representando ao Deportivo Miño. 

    En K1 Pre-benxamín Feminino, Lara Muíños fixo o segundo mellor tempo, conseguindo a medalla de prata, a súa compañeira Itzel del Río rematou quinta. En K1 Benxamín Feminino, Leila Álvarez foi a gañadora e a súa irmá Nerea rematou segunda, ouro e prata para elas. En K1 Benxamín Masculino, Alejandro Barreiro rozou o podio coa súa cuarta posición, o seu compañeiro Lois Montenegro rematou quinto, e Leo Álvarez noveno. En K1 Infantil Masculino, Pedro Lomba foi sétimo. 

    Tres medallas, por tanto, para os teixugos nesta 2ª Copa de Promoción, pero o máis importante é que todos eles desfrutaron do seu deporte favorito , facendo exercicio e novos amigos nun entorno privilexiado.

     Na clasificación por equipos o gañador foi o Club Montaña Quixós de Monforte de Lemos; o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou en cuarto lugar. 


 

domingo, 20 de junio de 2021

2ª COPA DO MUNDO, MARKKLEEBERG: 17 A 20/06/2021


 

Nova cita de Luís Fernández, o canoísta de Salceda, membro do Club Deportivo Miño-Teixugos, coa competición internacional. Luís, o único galego no equipo nacional sénior de slálom, participou na 2ª Copa do Mundo de Slálom, celebrada do 17 ao 20 de xuño na localidade alemá de Markkleeberg. 

O venres fixo a súa primeira baixada para optar a unha das vinte prazas de semifinais en C1 masculino que se xogaban nesta eliminatoria. Luís rematou o percorrido de forma rápida e sen penalizacións, co décimo mellor tempo, que o meteron directo en semifinais sen necesidade de ir á repesca. 

Despois de descansar sábado, o domingo intentou estar entre os dez mellores para meterse nas finais. Comezou o percorrido, cun total de 25 portas, moi rápido e con tempo de finais, pero un toque na porta 15, descentraron a súa marcha e fixeron que tomara a porta 16 de maneira un tanto forzada, metendo apenas a cabeza, o foi que penalizado con 50 segundos que o deixaron fóra de finais. Luís rematou esta copa nunha máis que digna vixésimo sexta posición. 

Baixada en semifinais  

Baixada en clasificatorias

domingo, 13 de junio de 2021

1ª COMPETICIÓN DA LIGA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, A FREIXA: 13/06/2021

Este domingo, nas augas do río Tea, na praia da Freixa en Ponteareas, celebrouse a 1ª Competición da Liga Galega de Promoción de Slálom. O Club Deportivo Miño acudiu ao evento cunha representación de nove pequenos deportistas, que e superaron e deron o mellor de si mesmos, pero sobre todo, e o máis importante, e que pasaron unha mañá diferente e divertida, facendo amigos e actividade física.

 En K1 Feminino prebenxamín, Lara Muíños foi a gañadora e Itzel del Río terceira, ouro e bronce para as nosas deportistas máis novas. 

En K1 Feminino benxamín, as irmás Leila e Nerea Álvarez foron ouro e prata, respectivamente. 

En K1 Masculino prebenxamín, Tiago Rey, rematou segundo, medalla de prata, por tanto. 

En K1 Masculino benxamín, Alejandro Barreiro foi quinto, Lois Montenegro, sétimo, e Leo Álvarez octavo. 

En K1 masculino alevín, Javier Lluch acadou a medalla de prata. 

Bo comezo da liga galega de promoción para o Deportivo Miño, que rematou a xornada con cinco podios. Na clasificación por equipos, os gañador foi o Montaña Quixós de Lugo con 277 puntos, seguido polo Tea de Mondariz con 256 puntos e no terceiro lugar o Club Deportivo Miño-Teixugos con 153 puntos. 

Fotos, Federación Galega de Piragüismo 






 

 

COPA DO MUNDO DE SLÁLOM, PRAGA: 10 A 13/06/2021

Do 11 ao 13 de xuño celebrouse en Praga unha das Copas do Mundo de Slálom, ao que acudiu o equipo nacional de slálom.

 O teixugo Luís Fernández foi o único integrante galego , concretamente un dos tres representantes en canoa ou C1. 

O venres comezou a súa participación cunha primeira baixada algo lenta, cun tempo de 101,25 segundos, quedando fóra das semifinais; na segunda tentativa, fixo un percorrido rápido e sen penalizacións, cun tempo de 96.34, que o meteron en semifinais co terceiro mellor tempo. 

Os trinta mellores canoístas do mundo déronse cita nas semifinais na mañá do domingo para intentar acadar un dos dez postos das finais. Luís fixo unha boa baixada, rematando décimo cuarto que o deixaron fóra das finais, pero nunha moi boa posición. 

 Foto Norbert Aguilera

domingo, 9 de mayo de 2021

CAMPIONATO DE EUROPA DE SLÁLOM, IVREA-ITALIA: 6 a 9/05/2021

Do 6 ao 9 de maio celebrouse na localidade italiana de Ivrea o Campionato de Europa de piragüismo na modalidade de slálom. España acudiu cun equipo formado por doce padeeiros, entre eles, Luís Fernández do Deportivo Miño-Teixugos. 

O deportista de Salceda foi o único galego que deu superado os selectivos nacionais para entrar no equipo absoluto, concretamente na modalidade de C1 ou canoa. 

Luís comezou a súa participación o venres día 7 coas clasificatorias. No seu primeiro intento, no que se clasificaban 20, rematou vixésimo oitavo cun percorrido sen fallos, pero algo lento, cun total de 95,23 segundos. Nas segundas clasificatorias, fixo unha baixada moito máis rápida, 90,45 segundos, pero unha penalización de 2 segundos por toque nunha porta, deixárono fóra de semifinais por menos de 4 décimas de segundo. Nese mesmo día, pola tarde, xunto co catalá Miquel Travé e o vasco Ander Elósegui, participou na modalidade de canoa por equipos, rematando no sétimo lugar. 

A súa vindeira cita coa competición oficial será o 22 de maio, na 3ª Copa de España de Slálom, a que acudirá o Club Deportivo Miño, con varios deportistas. 


 

domingo, 21 de marzo de 2021

COPA PIRINEUS: 20-21/03/2021

Esta fin de semana celebrouse na localidade ilerdense da Seu D´Urgell a Copa Pirineus de Slálom. Esta é a competición non oficial, de carácter internacional, máis importante que se celebra no noso país. 

Este ano, a federación española de piragüismo, decidiu que serviría como selectivos para determinar os distintos equipos nacionais de slálom: sénior, sub-23 e júnior. Durante esta fin de semana os deportistas seleccionados farían tres baixadas, puntuando as dúas mellores, e na seguinte fin de semana, en Pau Francia, o mesmo proceso. Por problemas causados pola situación COVID a federación anulou os selectivos de Pau, polo que esta fin de semana se conformaron os distintos equipos nacionais de slálom. 

Cinco padexeiros do Club Deportivo Miño gañaron un posto nestes selectivos polos seus resultados nas dúas Copas de España xa celebradas: Luís Fernández, Manuel Ochoa, Sergio Rodríguez, Alba Soutelo e Ainhoa Barreiro. Os cinco deron o mellor de si mesmos para acadar unha praza nos equipos nacionais nesta competición marcada polas baixas temperaturas e o vento. 

Luís Fernández, que optaba a praza no equipo sénior de canoa, gañou dúas das tres baixadas, o que lle garante unha das tres prazas no equipo nacional. E como remate a unha impresionante participación, gañou a competición cun tempo de 92.70 segundos, subindo ao podio xunto ao catalá Miquel Travé e o irlandés Jake Cochrane.

 Manuel Ochoa aspiraba a praza nos equipos sub-23 e sénior de cáiac. O sábado rematou sétimo na primeira baixada, na segunda, o vento xogou na súa contra e levouno a facer un mal tempo, mellor sorte tivo na terceira baixada, no domingo, rematando segundo. A falta de confirmación oficial, non acada praza no equipo sénior, pero conta con moitas posibilidades de estar no equipo nacional sub-23. Na final, cun tempo de 87.01 segundos, acadou a terceira posición, por detrás do ruso Pavel Eigel e do marroquí Mathis Soudí. 

Ainhoa Barreiro e Sergio Fernández loitaron por unha praza nos equipos júnior de caiac e Alba Soutelo en caiac e canoa. Os tres tiveron unha actuación correcta e sen excesivas penalizacións, tendo en conta as duras condicións da canle e a climatoloxía, pero, a espera da confirmación oficial da federación, non parece que deran acadado praza no equipo español. 

Unha vez máis os Teixugos tocando o ceo do slálom, demostrando o seu bo momento e gran nivel. O slálom galego cada vez ten máis que dicir no panorama nacional, xunto cos Teixugos, o Penedo de Tui e o Tea de Mondariz, deron mostras disto, con varios deportistas serios candidatos a formar parte dos diferentes equipos nacionais.