domingo, 23 de enero de 2022

XII TAÇA IBÉRICA, COVAS: 22-23/01/2022

Despois dun ano de parón por mor da COVID-19, as augas do río Coura, na localidade de Covas, en Vilanova de Cerveira, volveron a acoller a xa emblemática Taça Ibérica de Slálom, concretamente a duodécima edición desta competición exemplo de traballo conxunto entre Galicia e Portugal. 
Máis de cen piragüistas se deron cita durante a fin de semana para disputar esta proba puntuable tanto para a Liga Galega como para a portuguesa. O sábado tiveron lugar as clasificatorias e o domingo semifinais e finais. O Club Deportivo Miño acudiu cun total de once deportistas, que desfrutaron nas augas do Coura acadando un total de seis medallas.
 En categoría feminina, Laura Alonso, en K1 sénior; Ainhoa Barreiro, en K1 Júnior; e Alba Soutelo en C1 Júnior resultaron gañadoras nas súas respectivas probas. Alba e Ainhoa participaron por dobre partida, e ademais do ouro, Alba foi cuarta en K1 e Ainhoa bronce en C1. 
 En categoría masculina, Brais Castro, en C1 Sénior, fixo o segundo mellor tempo das finais, obtendo unha medalla de prata. Alexis Esperança, en K1 Júnior, alzouse co ouro, ao facer o mellor tempo na final. Na mesma categoría, Sergio Rodríguez, que tamén aspiraba ao podio, rematou cuarto ao cometer un pequeno fallo na súa baixada e Mateo Álvarez quinto. En K1 sénior, Emilio Rodríguez acabou vixésimo. En K1 cadete Adrián Lluch foi quinto, Antón Fernández décimo e Rui Malheiro décimo cuarto. Catro ouros, unha prata e un bronce foron o balance final de medallas para o club.
 Na clasificación final por equipos, o Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador da proba, cun total de 214 puntos, compartindo podio co Tea de Mondariz con 168 e o Montaña Quixós de Monforte con 140. 
Para ver máis fotos preme na imaxe.


domingo, 2 de enero de 2022

1ª COPA GALEGA, MONDARIZ: 02/01/2022

     Este domingo, apenas estreado o novo ano, celebrouse en augas do río Tea, ao seu paso por Mondariz Balneario, a primeira das competicións da Liga Galega de Slálom. Nun día solleiro e cun circuíto longo e complicado, o club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con dez deportistas. 
Luís Fernández en C1 sénior, fixo a mellor baixada da categoría tanto en clasificatorias como en finais, e cun tempo de 102,36 segundos fíxose coa medalla de ouro. 
Manuel Ochoa en K1 sénior rematou a copa en segundo lugar cun tempo de 96, 64 segundos.
 Brais Castro tivo dobre participación na categoría sénior, en K1 rematou undécimo e en C1 quinto.
 Laura Alonso tamén dobrou participación en categoría sénior, a deportista do club deportivo Miño, foi a única representante da categoría, subindo ao podio en solitario, o que pon de manifesto a necesidade de campañas de promoción e fomento do deporte feminino: “Eu son a resistencia” comentou Laura con bo humor. 
Emilio Rodríguez en K1 veterano tamén fixo a mellor baixada da categoría, acadando outro ouro para o club. 
Ainhoa Barreiro, en categoría júnior, fíxose co ouro tanto en caiac como en canoa. 
En K1 júnior, Sergio Rodríguez, foi o gañador da proba, compartindo podio con Alexis Segadaes que rematou segundo, ouro e prata para os dous “teixugos”. Na mesma categoría Mateo Rivas foi cuarto e Adrián Lluch sétimo. 
 Inmellorable balance para o Club Deportivo Miño-Teixugos con sete ouros e dúas pratas. 
Na clasificación final por equipos remataron en primeiro lugar cun total de 192 puntos, por diante dos anfitrións e organizadores, o Club Tea de Mondariz con 180 e do Piragüismo Penedo con 116. 
Nesta mesma xornada tamén se celebrou a Primeira Copa Galega de Promoción que non contou con participación do club. 
Podedes ver  fotos de tódolos podios e participantes premendo na foto.


domingo, 21 de noviembre de 2021

COPA SEGRE, SEU D´URGELL, PONTS: 20-21/11/2021

Esta fin de semana celebrouse a Copa Segre, unha competición internacional, que non entra dentro do calendario oficial, pero de gran prestixio no mundo do slálom. O torneo consta de dúas competicións, unha celebrada na canle olímpica da Seu D´Urgell e a segunda na canle de slálom de Ponts. O resultado final é a suma dos resultados acadados ao longo das dúas xornadas. 
O Club Deportivo Miño estivo representado por tres dos seus deportistas. 
Manuel Ochoa participou na categoría K1 sénior. O sábado en clasificatorias acadou o terceiro mellor tempo, nas finais cunha baixada moi rápida e sen penalizacións, rematou en segundo lugar. O domingo, en Ponts, fixo o mellor tempo das clasificatorias, pero nas finais volveu quedar en segundo lugar. Moi boa a competición de Manu, que na suma final de puntos o levaron ao podio como subcampión, por detrás do catalá Miquel Travé e por diante do olímpico David LLorente. 
Ainhoa Barreiro participou en K1 júnior. O sábado, non foi quen de acadar as finais, nas que entran os dez primeiros de cada categoría, pero andivo preto de logralo, rematando no posto doce. No domingo en Ponts mellorou moito os tempos do día anterior, entrando nas finais co sétimo mellor tempo das clasificatorias, na final, tamén fixo unha boa baixada, pero 6 segundos de penalización por toques fixeron que rematara en noveno lugar. Na suma final de puntos a nosa representante rematou décima. 
Alexis Segadaes participou en K1 júnior, a categoría con maior número de participantes. Aínda que fixo boas baixadas, as penalizacións por toques deixárono fóra das finais nas dúas xornadas. Na suma final de puntos rematou no décimo quinto lugar.
Fotos de Norbert Aguilera








domingo, 26 de septiembre de 2021

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONDARIZ: 26/09/2021

Este domingo celebrouse en Mondariz o Campionato Galego de Promoción de Slálom. Os máis pequenos do slálom galego déronse cita nas augas do río Tea, na máis importante das competición da Liga Galega de Promoción. 
O Club Deportivo Miño acudiu con once piragüistas que desfrutaron e deron o mellor de si mesmos no evento. 
Javier Lluch, na categoría alevín, participou en cáiac e canoa. En C1 ou canoa, impúxose aos seus competidores cunha baixada rápida e sen penalizacións, en K1 ou caiác tamén demostrou as súas habilidades, rematando en segundo lugar. Dobre medalla, ouro e prata, polo tanto, para Javi. 
As outras dúas medallas foron para as irmás Leila e Nerea Álvarez en K1 benxamín. Nerea cunha baixada rápida e sen toques acadou a medalla de prata. Leila, tamén fixo bo tempo, pero os toques fixeron que rematara terceira. Na mesma categoría, Rita Olveiros, foi cuarta. 
Itzel del Río acabou en quinto lugar en K1 prebenxamín feminino. Na mesma categoría, pero masculino, Tiago Rei foi cuarto e Roque Olveira noveno. 
En K1 benxamín masculino, Lois Montenegro rematou sexto, Alejandro Barreiro oitavo e Leo Cortiñas noveno. 
Pedro Lomba, en K1 infantil , foi sexto. 
Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño rematou en cuarto posto. 
Bo balance para os Teixugos que viñeron para a casa con catro medallas, un ouro, dúas pratas e un bronce, nunha competición que pretende promocionar o piragüismo de slálom entre os nenos e nenas galegos, e, na que o máis importante, é que os máis pequenos gocen do deporte e da actividade ao aire libre.






CAMPIONATO DO MUNDO, BRATISLAVA: 22 A 26/09/2021

Ao longo desta semana celebrouse na cidade eslovaca de Bratislava o Campionato do Mundo de Slálom, a máis importante das competicións internacionais desta modalidade. 
A única representación galega no evento foi a do teixugo Luís Fernández Pereira. O deportista do Club Deportivo Miño era un dos tres integrantes do equipo español de canoa que a Federación Española de Piragüismo convocou para o evento. 
A participación comezou para Luís o mércores 22, onde, xunto con Miquel Travé e Ander Elósegui, competiron na modalidade de equipos. Fixeron unha baixada correcta, con poucas penalizacións pero moi lenta, rematando en noveno lugar. 
No día seguinte celebráronse as clasificatorias, onde piragüistas de todo o mundo intentaron acadar un posto en semifinais. Luís fixo unha impresionante primeira baixada, cun tempo de 87,15 segundos, que o meteron directamente en semifinais co sétimo mellor crono. 
O domingo, os trinta semifinalistas, enfrontáronse a un circuíto moi criticado pola súa tremenda dificultade. Luís defendeu moi ben a súa semifinal, cunha baixada rápida, pero dúas penalizacións nas portas de remonte 3 e 10 deixárono fóra da final. Cun tempo de 97,39 segundos, o deportista salcedán rematou nun impresionante décimo cuarto lugar, o que o sitúa na elite do slálom mundial. Con esta competición, dáse por rematada esta tempada 2021. 
Video das semifinais:
 

domingo, 12 de septiembre de 2021

COPA DO MUNDO, PAU: 10 a 12/09/2021

Desde o 10 ao 12 de setembro tivo lugar na canle de augas bravas da localidade francesa de Pau a última das Copas do Mundo de Slálom. España acudiu a cita cos doce deportistas que conforman o seu equipo nacional. Entre os convocados, Luís Fernández do Club Deportivo Miño-Teixugos, único galego que superou os selectivos sénior. 

 Pouca fortuna nesta ocasión para o teixugo, que non deu superado as clasificatorias. No venres, Luís loitou por acadar uns dos postos nas semifinais. A súa primeira baixada foi rápida, pero con demasiados toques nas portas, que lle supuxeron 8 segundos de penalización, quedando fóra. No seu segundo intento, no que entraban os dez primeiros, o trazado non foi tan rápido como o primeiro, pero suficiente para entrar, de non ser por un toque nunha porta, que o deixaron en undécimo lugar, a un posto de entrar en semifinais. 

Do 22 ao 27 de setembro, Luís Fernández, terá a súa última cita da tempada na máis importante das competicións internacionais, o Campionato do Mundo de Slálom, no que se medirá cos mellores canoístas do planeta. 


 

domingo, 5 de septiembre de 2021

COPA DO MUNDO DE SLÁLOM, LA SEU D´URGELL: 3 ó 5/09/2021

 

Do 3 ao 5 de setembro celebrouse na Seu D´Urgell a Copa do Mundo de Slálom. O único galego que formaba parte da selección española foi o canoísta Luís Fernández. Luís, de Salceda de Caselas, forma parte dende fai anos do Club Deportivo Miño-Teixugos. 

Luís comezou a súa competición o venres coas clasificatorias. Na primeira manga, dúas penalizacións que sumaron catro segundos ao seu tempo, deixárono fóra de semifinais. Na segunda manga, si conseguiu unha praza nas semifinais, cun impresionante segundo mellor tempo. 

O domingo , os trinta deportistas que chegaron a semifinais intentaron acadar un dos dez primeiros lugares para entrar nas finais. Un reto complicado que o teixugo superou con nota, nunha baixada rápida e sen penalizacións, que lle valeu o quinto posto e un lugar nas finais. 

Na final Luís fixo unha boa baixada, rápida e correcta, rematando finalmente en sétimo lugar desta Copa do Mundo. Un gran posto que o coloca entre os mellores canoístas do mundo.

 Á  próxima semana Luís acudirá a unha nova Copa do Mundo na localidade francesa de Pau, e a finais de mes ao Campionato do Mundo a celebrar en Bratislava. 

Foto de Norbert Aguilera.


 

 Baixada de finais: