domingo, 19 de febrero de 2017

1ª COPA GALEGA DE SLÁLOM EN SALVATERRA-19/02/2017



Este domingo celebrouse en Cordeiro, Salvaterra do Miño, a 1ª Copa Galega de Slálom, primeira das competicións oficiais de 2017. A xornada caracterizouse por unha baixa participación, entre as filas dos Teixugos destacaron as ausencias de Andrea González, Luís Fernández e Manuel Ochoa, ao atoparse fóra da Comunidade Galega.
O Club Deportivo Miño acudiu con 10 deportistas nas diferentes categorías. En K1 muller sénior Laura Soutelo rematou primeira e Marina Ruedas foi segunda,  Ariadna Pereira cuarta en K1 júnior, Alba Soutelo foi segunda e Ainhoa  Barreiro terceira en K1 muller infantil. En C1 infantil Samuel Castro rematou terceiro, en K1 infantil Sergio Martínez tamén foi terceiro, e na categoría sénior Brais Castro foi segundo tanto en C1 como en K1. Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño rematou no cuarto lugar.
Destacar tamén a participación dos teixugos no XXIII Slalom Internacional de Fridao, un clásico deste deporte que se celebra cada ano nesa localidade portuguesa. Esta proba tivo lugar a pasada fin de semana e nela Brais Castro acadou o segundo posto en canoa, por detrás do olímpico José Carballo.
A próxima cita será o 4 e 5 de marzo en Mondariz, onde se celebrará a 1ª Copa de España e 2ª Copa Galega.
Para ver as imaxes premer na foto.
https://goo.gl/photos/HEKfadMVHXHB5Gw4A

domingo, 15 de enero de 2017

PREMIOS PARA OS TEIXUGOS NA GALA DO PIRAGÜISMO GALEGO

Este sábado tivo lugar na localidade coruñesa de Rianxo a Gala do Piragüismo Galego 2016 presidida pola Secretaria Xeral para o Deporte Marta Míguez e polo presidente da federación Galega de Piragüismo Alfredo Bea. Nesta gala prémiase cada ano o mellor do piragüismo galego. 

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu para recoller os seus dous galardóns. O primeiro premio que subiu a recoller o presidente do club, Pablo Pousa, foi o de gañadores da Liga Galega de Slálom 2016. A Liga consta de catro competicións, tres Copas Galegas e o Campionato, repartidas ao longo do ano. Os Teixugos remataron campións con 427 puntos, por diante do Club Tea de Mondariz con 417 e do Club Piragüismo Penedo con 416. 

En canto a Liga Galega de Promoción de Slálom, na que compiten as pequenas promesas do club, os Teixugos remataron terceiros por detrás do Tea de Mondariz e do Club Piragüismo Penedo, gañador desta liga. 

E xa nos premiados individuais Manuel Ochoa recibiu o premio a mellor promesa masculina, premio que subiu a recoller tamén Pablo Pousa, ao atoparse Manuel no centro nacional da Seu D´Urgell adestrando e preparando a tempada 2017. Premio para un ano redondo do teixugo no que quedou Campión de España Júnior de Slálom e Sub campión de Europa na modalidade de patrullas. 

Manuel formou parte este ano da Selección española Júnior e Sub23, na que entraron tamén os teixugos Brais Castro e Luís Fernández. Acudiu ao Campionato do mundo de Cracovia no que rematou cuarto en patrullas e décimo sexto en K1; e ao Campionato de Europa en Solkan onde foi o español mellor clasificado en K1, cunha sexta posición e medalla de prata en patrullas formando equipo co vasco Eneko Auzmendi e o catalán Nil García. 

Estes premios son a guinda a un impresionante e histórico 2016 para o Club Deportivo Miño. 

A tempada 2017, como xa é habitual comezará coa Taça Ibérica de Slálom, o próximo 28 de xaneiro en Covas, Portugal. 



lunes, 10 de octubre de 2016

CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM- DUMBRÍA- 9/10/2016



Este domingo celebrouse na localidade coruñesa de Dumbría o Campionato Galego de Slálom, a última, e máis importante competición da Liga Galega de Slálom 2016. O Club Deportivo Miño acudiu cun equipo moi minguado polas ausencias, só seis teixugos puideron acudir ao evento, ao celebrarse en datas nas que catro dos seus mellores deportistas se atopaban fóra da comunidade galega, uns por estudos e outros preparando a pre-temporada 2017 coa Federación Española.

En K1 Sénior Home, Emilio Rodríguez fíxose co bronce; en K1 Sénior Muller, Marina Ruedas foi prata e Laura Soutelo bronce; Brais Castro acadou a prata en C1 Sénior Home e o ouro en K1 Júnior Home; Ariadna Pereira, tamén prata en K1 Infantil Feminino.

Seis medallas para os Teixugos que non puntuaron suficiente para darlle ao equipo o Campionato Galego, que gañou o Tea de Mondariz con 220 puntos, seguido do Piragüismo Penedo con 200 e en terceiro lugar o C.D.Municipal de Dumbría con 132. O Club Deportivo Miño-Teixugos rematou cuarto con 121 puntos.Para ver máis imaxes preme enriba da foto


domingo, 9 de octubre de 2016

PROMOCIÓN MONDARIZ 2/10/2016



A pasada fin de semana tamén os máis pequenos remataron a Liga Galega de Promoción de Slálom coa 6ª Copa Galega celebrada en Mondariz. Catorce foron os nenos do club que acudiron á cita, e os resultados foron impresionantes.


Ainhoa Barreiro gañou en K1 e C1 Muller Alevín, nas mesmas categorías Alba Soutelo foi segunda; en K1 e C1 Muller Infantil, Ariadna Pereira foi segunda; Samuel Castro foi o gañador en C1 Home Infantil e Sergio Martínez quedou segundo nesta categoría e foi o gañador en K1 Home Infantil.


Na clasificación final por equipos os Teixugos remataron terceiros con 219 puntos, por detrás do Club Tea de Mondariz con 298 puntos e do Club Penedo con 297.


Para ver máis imaxes preme enriba da foto


FOTOS


domingo, 28 de agosto de 2016

5ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM EN GOIÁN-28/08/2016



Este sábado a partir das tres da tarde tivo lugar no río Miño en Goián, a quinta competición da Copa Galega de Promoción de Slálom organizada polo Club Deportivo Miño-Teixugos, que tamén formou parte da Liga portuguesa de Esperanças de Slálom. Seis clubs galegos e catro portugueses participaron neste evento cun total de 130 deportistas de oito a doce anos. Esta é a primeira vez que se celebra este tipo de competición nas augas do Miño en Goián, onde aproveitando a marea alta se montou o circuíto para nenos e nenas.

Coma sempre as cosas foron ben para os Teixugos. En alevín Ainhoa Bareiro foi ouro en K1 e C1, e Alba Soutelo prata en C1 e bronce en K1, Sergio Martínez foi ouro en K1 e prata en C1 e Samuel Castro ouro en C1.En infantil Ariadna Pereira foi prata en K1 e C1. En cadete Laura Soutelo foi prata en K1 e Marco Patiño bronce tamén en K1. Independentemente do medalleiro, todos e todas o pasaron ben, desfrutaron de forma segura da auga, aproveitaron para facer amigos novos , dun lado e outro da fronteira ,ou para reencontrarse cos que xa se fixeron noutras competicións.

Na clasificación por clubs o Piragüismo Penedo de Caldelas foi primeiro, OTea de Mondariz segundo e o Club Deportivo Miño Teixugos teceiro.

A tempada para os máis pequenos rematará o 25 de setembro en Mondariz.
Para ver as fotos preme AQUÍ



 

sábado, 27 de agosto de 2016

TEIXUGOS NO CAMPIONATO DE EUROPA EN SOLKAN



      Do 25 ao 28 deste mes están tendo lugar os Campionatos de Europa de Slálom na cidade eslovena de Solkan. Dous piragüistas do Club Deportivo Miño entraron a formar parte do equipo nacional.


      Luís Fernández participou na modalidade C1 sub-23. Na maña do mércores fixo a súa primeira baixada, rematando décimo dun total de 40 participantes e pasando directo a semifinais. Na maña do sábado, nas semifinais, fixo unha baixada sen fallos, pero non deu entrado en finais, rematando décimo quinto. Manuel Ochoa participou en K1 júnior. Na mañá do mércores non se deu clasificado para semifinais na primeira manga, pero si na segunda, rematando vixésimo octavo dun total de 61 participantes. Na mañá do sábado, fixo unha baixada rapidísima e sen fallos que o meteu en finais na sexta posición. Xa na final, volveu facer outra baixada perfecta que lle valeu unha sexta posición no Campionato de Europa.


    No venres tiveron lugar as competicións por equipos, Luís formou parte do equipo español de patrullas C1 sub-23, xunto a Lluis Pares e Jordi Tebe, rematando duodécimos.


     Manuel formou parte do equipo español e patrullas K1 júnior, xunto con Nil García e Eneko Auzmendi, equipo que nos deixou as portas da medalla no mundial de Cracovia, e que no europeo se fixeron coa prata nunha baixada perfecta, con apenas dous toques de penalización, rematando segundos por detrás dos alemáns.


     Remata aquí unha tempada na que os Teixugos e os piragüistas galegos de augas bravas fixeron historia. Nunca tantos galegos foron quen de entrar no equipo nacional, o que da fe do bo traballo da Federación Galega e o Centro Galego de Tecnificación, e do seu adestrador Ekhi Diez. 

Parabéns a Ainhoa Lameiro e Miguel Angel Lorenzo do Penedo e a Luis Fernández, Brais Castro e Manuel Ochoa dos Teixugos, o slalom galego facendo historia!

domingo, 21 de agosto de 2016

CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM- RIBADUMIA-21/08/2016




Este domingo celebrouse en Ribadumia o Campionato Galego de Promoción de Slálom. Esta é a máis importante das competicións que conforman a Liga Galega de Promoción de Slálom, nela participan nenas e nenos das categorías benxamín, alevín e infantil.
Sete foron os “teixuguiños” que acudiron a cita. Ariadna Pereira, invatible esta tempada,  foi campiona galega en C1 e K1 infantil. Sergio Martínez, na categoría alevín, foi segundo tanto en K1 coma en C1. Na mesma categoría, Samuel Castro proclamouse campión galego en C1. Ainhoa Barreiro, tamén alevín, quedou segunda en canoa e campiona galega en caiac, a súa compañeira de categoría, Alba Soutelo, foi segunda en K1 e campiona en C1. En K1 benxamíns Adrián Lluch rematou quinto e Haritz Serrano sétimo. Inmellorable o balance final para o Club Deportivo Miño-Teixugos,con catro campións galegos, que lle valeron un segundo posto na clasificación final por equipos.