domingo, 22 de julio de 2018

V COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONFORTE: 22/07/2018

Este domingo celebrouse en Monforte de Lemos a quinta proba da Liga Galega de Promoción de Slálom da que o Club Deportivo Miño-Teixugos retornou con nove medallas. 
Os podios da categoría infantil estiveron dominados polos teixugos e teixugas que acudiron ao evento. 
 En Infantil masculino, Sergio Rodríguez foi ouro en caiac e prata en canoa, Samuel Castro ouro en C1 e bronce en K1 , Alexis Segadaes prata en K1 e Mateo Álvarez rematou octavo en K1. 
En Infantil feminino, Ainhoa Barreiro dominou en K1 e foi segunda en C1, mentras que a súa compañeira de equipo e categoría Alba Soutelo foi primeira coa canoa e prata en caiac. 
Éxito total para os teixugos e teixugas na quinta Copa Galega, a vindeira cita dos padeeiros do Club Deportivo- Miño será a próxima fin de semana na Seu d`Urgell onde terá lugar o Campionato de España, nesta ocasión das categorías superiores.

 

CAMPIONATO MUNDIAL JÚNIOR E SUB-23, IVREA, ITALIA: 17 A 22/07/2018

Do 17 ao 22 de xullo celebráronse na canle italiana de Ivrea os Campionatos do Mundo Júnior e Sub-23. Nesta competición participan os mellores piragüistas do mundo das categorías júnior e sub-23 ou atletas sénior de 19 a 23 anos; sendo a competición máis importante do calendario internacional. 
Ano a ano, máis deportistas galegos superan os selectivos nacionais, dando fe do bo momento que atravesa o noso slálom. Cinco foron os galegos seleccionados para Ivrea: Lorena Costa do Piragüismo Dumbría en k1 júnior, Daniel Pérez do Penedo en C1 júnior, Ainhoa Lameiro en C1 e K1 júnior, tamén do Penedo de Caldelas e Luís Fernández en C1 sub-23 e Manu Ochoa en K1 sub-23 do Club Deportivo Miño-Teixugos. 

Luís Fernández non tivo moita sorte nesta ocasión. Na mañá do 18 fixo a súa primeira baixada nas clasificatorias para semifinais de C1 sub-23, quedando vixésimo segundo, a apenas dous postos de semifinais, na segunda manga, tivo peor baixada, e por mor de 6 segundos de penalizacións por toques, quedou fóra. Na clasificación final do Campionato rematou trixésimo oitavo. 
No día anterior, Luís participou na modalidade de equipos, xunto co catalá Jordi Tebe e o segoviano David LLorente, tampouco a sorte acompañou, pois David sufriu unha rotura de pa na metade do percorrido que os descualificou. Na mañá do venres rematou a súa experiencia mundialista na modalidade de C2, na que acompañado de Clara González, rematou décimo; nesta modalidade, os seus compañeiros de equipo, David Llorente e Miren Lazkano, acadaron a medalla de ouro. 

Pola súa parte, Manuel Ochoa, no seu primeiro ano como sub-23, tivo mellor sorte. O mércores fixo unha moi boa primeira baixada nas clasificatorias de k1 sub-23 que o meteron directamente en semifinais. A primeira hora do domingo, xa en semifinais, fixo unha baixada impecable, sen penalizacións, pero non entra en finais, quedando a oito centésimas de segundo de logralo. Na clasificación final rematou en undécima posición, un posto máis que destacable para o primeiro galego que logra formar parte do equipo nacional de K1. 
Na modalidade de equipos, tamén chamada patrullas, xunto con Unai Nabaskues e David LLorente, fixeron un percorrido correcto, con só unha penalización de 2 segundos por un toque, pero algo lenta, que os deixou na sétima posición. 

En canto ao resto de representantes galegos, Lorena quedou nas clasificatorias, rematando cuadraxésimo cuarta, Daniel pasou a semifinais finalizando vixésimo e Ainhoa, que participou tanto en caiac como en canoa, facendo semifinais nos dous, rematou vixésima e vixésimo oitava, respectivamente. Destacar a medalla de bronce acadada por Ainhoa, en C2, formando equipo con Pau Echaniz. 

Os trazados dos circuítos foron de gran dificultade, o que deixou fóra a moitos dos favoritos, porque un fallo nestes niveis págase moi caro. Nas categorías individuais a única medalla española foi para Miquel Travé que acadou o primeiro posto en C1 Júnior, o palmarés español completouse con outro ouro para o equipo español de C1 feminino sub-23, o ouro de C2 mixto sub-23 e o bronce para C2 mixto júnior. 

Integrantes galegos do equipo nacional co seu adestrador David Pérez

lunes, 16 de julio de 2018

2ª COPA DE ESPAÑA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, SORT: 14-15/07/2018

Esta pasada fin de semana tivo lugar na localidade catalá de Sort a segunda das competicións da Liga Nacional de “Jóvenes Promesas de Slálom”. Na xornada do sábado tiveron lugar as clasificatorias e no domingo semifinais e finais, nun circuíto rápido e con moitas partes técnicas, que fixo que, xunto coa gran cantidade de auga que baixaba, fora de gran dificultade. O Club Deportivo Miño acudiu con seis deportistas que tiveron unha destacada actuación. En K1 Cadete Ariadana Pereira acadou a primeira das medallas para os Teixugos ao rematar segunda, por detrás de Valentina Torras do Cadí Canoe Kayak. En K1 Infatil A Alba Soutelo non conseguiu superar as clasificatorias por moi pouquiño, a súa compañeira Ainhoa Barreiro superou as clasificatorias en segunda manga e pasou as semifinais do domingo, rematando en sétima posición. Estas mesmas deportistas participaron tamén na modalidade de canoa ou C1, nesta modalidade ámbalas dúas entraron en semifinais, Ainhoa non acadou final, rematando octava, pola súa banda, Alba, fixo final, e despois dunhas moi boas baixadas en clasificatorias e semifinais, fallou en finais, o que a deixou fóra do medalleiro, pero nun envexable quinto lugar. En K1 Infantil A, pero masculino, Alexis Segadaes non acadou as semifinais do domingo, Samuel Castro acadou semifinais, pero non conseguiu entrar nas finais rematando undécimo. Sergio Rodríguez tivo unha moi boa actuación, facendo final, e rematando en cuarto lugar a menos dun segundo de medalla. Samuel e Sergio tamén participaron en C1, neste caso Sergio fixo semis, pero non finais, rematando décimo. Pola súa banda Samuel conseguiu a outra medalla para o club, ao rematar segundo,so por detrás de Markel Imaz do Atlético San Sebastián. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño- Teixugos quedou quinto. Para esta Copa de España, os Teixugos compartiron experiencia e viaxe cos integrantes do Club Tea de Mondariz. Durante estas competicións nenas e nenos aproveitan para facer turismo, coñecer mellor os lugares aos que acoden e convivir e facer amizades con nenas e nenos do resto de España e Portugal. Na noite do xoves, Tea e Teixugos, participaron xuntos no rafting nocturno, e as mozas fixeron podio co seu terceiro lugar. O slálom é máis que deporte, é unha forma de vida.
 

domingo, 1 de julio de 2018

1ª COPA DE ESPAÑA JÓVENES PROMESAS, ARFA: 01/07/2018

Esta fin de semana tivo lugar na localidade catalá de Arfa, na Seu d´Urgell, a 1ª Copa de España “Jóvenes Promesas” no que participan piragüistas de toda España das categorías cadete, nenas e nenos nacidos no 2002 e 2003, infantil A, ou nacidos no 2004 e infantil B do 2005. 

Durante o sábado celebráronse dúas mangas clasificatorias e o domingo tiveron lugar as finais, rematando O Club Deportivo Miño con tres medallas no seu haber, unha de prata e dúas de bronce, e conseguindo meter a case todos os seus deportistas en finais, todo un logro para o club. 

A representación do Club Deportivo Miño-Teixugos estivo formada por seis deportistas. 
En K1 Cadete Feminino, Ariadna Pereira, acadou a quinta posición. 
 En K1 Infantil A, Ainhoa Barreiro foi oitava e Alba Soutelo novena. Estas mesmas deportistas baixaron tamén en C1, onde Alba acadou unha moi merecida medalla de bronce ao rematar terceira, a súa compañeira Ainhoa acabou oitava. 
En K1 Infantil A masculino, Alexis Segadaes, non conseguiu entrar nas finais, Samuel Castro foi undécimo e Sergio Rodríguez alzouse coa medalla de prata da categoría ao rematar segundo. Estes últimos tamén participaron en C1, onde Sergio quedou fóra de finais e Samuel fíxose coa terceira medalla para o club, neste caso de bronce.
Na clasificación final, o Deportivo Miño-Teixugos rematou cuarto, sendo o club galego mellor clasificado.

LUÍS FERNÁNDEZ, UN TEIXUGO NO EQUIPO NACIONAL

Os meses de xuño e xullo forno datas intensas para o piragüista Luís Fernández. Este canoísta de Salceda de Caselas, integrante do Club Deportivo Miño- Teixugos, logrou superar os selectivos nacionais de slálom e entrar a formar parte do Equipo Nacional absoluto, na modalidade C1 o pasado mes de maio. Luís é o único galego que conseguiu forma parte deste Equipo Nacional.

A súa participación na Liga Internacional comezou en Praga onde se celebrou o Campionato de Europa do 3 ao 6 de xuño. Nesta competición non lle foi moi ben, quedando fóra de semifinais e rematando no trixésimo noveno lugar.

Do 21 ao 24 de xuño participa na 1ª Copa do Mundo na localidade eslovaca de Liptovsky Mikulas, onde Luís fixo o seu mellor papel. Nesta ocasión comezou con bo pé, cunha primeira baixada, na que a pesares de facer bo tempo, non acadou semifinais, cousa que si fixo no segundo intento. En semifinais a súa baixada foi impecable e rápida, quedando a segundo e medio de entrar en finais. Rematou finalmente na décimo sétima posición.

Esta pasada semana rematou esta primeira fase internacional en Cracovia, Polonia, onde do 28 de xuño ao 1 de xullo se celebrou a 2ª Copa do Mundo. Nesta ocasión fixo dúas boas baixadas, pero non deu entrado en semifinais, quedando a só dous segundos de logralo. Rematou trixésimo noveno.

Quédanlle agora por diante uns días de descanso, para en breve tomar rumbo a Ivrea, Italia, onde participará no Campionato do Mundo Sub-23.

sábado, 5 de mayo de 2018

SELECTIVOS NACIONAIS DE SLÁLOM 2018

Do 27 ao 29 de abril na localidade ilerdense de Seu D´Urgell e do 2 ao 4 e maio na localidade francesa de Pau, tiveron lugar as probas selectivas para formar parte dos equipos nacionais sénior e sub-23. En cada unha das sedes cada deportista fixo un total de tres baixadas: unha primeira proba de dúas mangas, na que contaba a mellor e unha segunda proba dunha soa manga. Das catro probas, puntuaban so as tres mellores. 
Tres foron os deportistas do Club Deportivo Miño que superaron o filtro de probas para formar parte deste selectivo: Brais Castro e Luís Fernández na modalidade de canoa e Manuel Ochoa na de kaiak. 
Luís Fernández, da localidade de Salceda de Caselas, tivo unha moi boa participación que o levan a acadar a terceira praza do equipo sénior, xunto cos catalás Miquel Travé do Cadí Canoe Kayak e Dani Marzo do Capitán Nemo . Como membro do equipo español participará no europeo e en dúas Copas do Mundo. Ao ser menor de 23 anos, tamén formará parte do equipo español sub-23, onde acadou a primeira praza, por diante do segoviano David Llorente do Río Eresma e do ilerdense Jordi Tebé. Este posto dalle dereito a participar no Mundial e no Europeo Júnior-Sub23. Para Luís non é a súa primeira experiencia como membro da Selección Española, xa que dende fai anos é un habitual dos equipos nacionais de C1, primeiro como júnior e máis tarde en sénior e sub23. 
O tomiñés Manuel Ochoa, a pesar de facer unhas baixadas rápidas e limpas, non foi quen de entrar no equipo sénior, quedando no posto nove, pero si no Sub23, no que acadou a terceira praza por detrás do donostiarra Unai Nabaskues do Atlético San Sebastián e de David Llorente do Río Eresma. Este posto válelle para formar parte do equipo nacional no Mundial Júnior-sub23. Está é a primeira vez que un galego acada un posto na Selección Española na modalidade de K1. 
O terceiro teixugo en lograr entrar nos selectivos nacionais foi Brais Castro, pero non foi quen de entrar no equipo, rematando oitavo no selectivo sénior e sexto en sub23. 
Este é un éxito sen precedentes para o slálom galego, que desde fai un par de anos e quen de poñerse a nivel de vascos e cataláns, que dominaban con comodidade esta espectacular modalidade. 
Luís Fernández

Manuel Ochoa

Brais Castro

domingo, 22 de abril de 2018

II COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, CORDEIRO: 22/04/2018

Este domingo celebrouse nas augas do río Tea, no lugar de Cordeiro en Salvaterra a segunda competición da liga galega de Promoción de Slálom coa participación dos máis pequenos dos clubs galegos. Algo máis de medio cento de pequenos padexeiros acudiron a cita. O Club Deportivo Miño acudiu ao evento con nove piragüistas, a maioría dos cales tiveron dobre participación ao baixar en kaiak e canoa. Os Teixugos remataron a xornada con oito podios.
 En K1 Home Infantil Sergio Rodriguez foi o gañador da proba, Alexis Segadaes subiu tamén ao podio co seu terceiro lugar, Samuel Castro rematou quinto e Mateo Rivas undécimo.
En C1 Infantil o gañador foi Samuel Castro e o seu compañeiro Sergio foi segundo.
 Na categoría Alevín masculino Adrián LLuch rematou sexto en kaiak e oitavo en canoa.
Os nosos representantes máis novos, Sergio Álvarez e Javier LLuch, remataron cuarto e quinto, respectivamente, na categoría benxamín masculina.
En categoría feminina os Teixugos solo contaron con participación na categoría Infantil, copando as dúas deportistas os podios de kaiak e canoa. En K1 Ainhoa Barreiro foi a gañadora e Alba Soutelo segunda, e en C1 a gañadora foi Alba, seguida por Ainhoa.
No resultado final por clubs o Deportivo Miño volveu gañar cun total de 196 puntos, compartindo podio co Penedo Importa de Caldelas con 149, e o Montaña Quixos de Monforte con 120.
A vindeira cita dos Teixugos co slálom será esta semana na Seu D´Urgell, onde Luís Fernández e Brais Castro en canoa e Manuel Ochoa en kaiak , intentarán superar os selectivos para formar parte do equipo español de slálom sénior e Sub-23.