sábado, 16 de abril de 2022

COPA SEGRE, LA SEU D´URGELL, PONTS: 15-16/04/2022

A Segre Cup é unha competición internacional de piragüismo Slalom que se celebra entre dúas sedes: o venres no Parc Olímpic del Segre na Seu d'Urgell, e o sábado Parc de la Roca del Call en Ponts. Os dous en España. Dous días de competición en dúas sedes diferentes. O formato da competición é unha carreira para todos e unha carreira final para os 10 deportistas mellor clasificados nas eliminatorias en cada sede. Para os resultados finais súmanse os postos obtidos en cada serie, o que menos puntos obteña resulta gañador ou gañadora. O grupo de idade é Junior e Senior. 
Nesta edición acudiron catro integrantes do Deportivo Miño, que xunto con outros deportistas galegos, marcaron unha copa Segre de éxitos para Galicia. 
Manu Ochoa entrou nas finais tanto o venres como o sábado. O venres rematou segundo e o sábado terceiro, e cun total de cinco puntos proclamouse vencedor da categoría absoluta masculina en K1, seguido polo francés Romain Bruneau con seis puntos e o castelán leonés Darío Cuesta con nove. 
Sergio Rodríguez, en K1 júnior, tamén acadou finais nos dous días, o venres foi terceiro e o sábado sexto, e cun total de nove puntos subiu ao podio a recoller un bronce, por detrás dos catalás Manel Contreras e Mbelú Ikenna. 
Alba Soutelo deportista especializada en canoa, participou tanto en K1 como en C1 júnior. En K1, a pesares de non ser a súa especialidade, rematou décimo cuarta, mentres que na canoa, entrou nas finais nos dous días, rematando sétima. 
Ainhoa Barreiro en k1 júnior, non foi quen de entrar nas finais, rematando décimo sexta. 
Destacar o gran papel feito polos galegos nesta competición de gran sona, pero fóra da Liga oficial. Ademais das medallas de Manu e Sergio, Daniel Pérez do Penedo acadou prata en C1 sénior e Axel Alfonso do Tea de Mondariz rozou o podio coa súa boa actuación, rematando quinto en K1 sénior.






domingo, 10 de abril de 2022

COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM EXTREMO, LA SEU D´URGELL: 9-10/04/2022

Esta fin de semana celebrouse por primeira vez unha Copa de España de Slálom Extremo. Esta nova e espectacular modalidade de slálom será disciplina olímpica por primeira vez en Paris 2024. Os circuítos de extremo son máis curtos e rápidos que os de slálom normal, os percorridos só se fan en caiac e a saída é dende unha rampla elevada que engade espectacularidade, as portas son menos e cunha zona na que os deportistas deben facer un esquimotaxe. As probas comezan cunha contra reloxo, na que os 16 máis rápidos pasan a cuartos de final. Despois seguen baixadas de catro en catro deportistas nas que dous pasan a seguinte ronda, semifinais, e, finalmente, os catro mellores disputan a final. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con seis piragüistas e remataron a Copa cuns grandes resultados. 
Manuel Ochoa, en categoría home sénior, fixo unha competición espectacular, tanto sábado como domingo rematou a contra reloxo co segundo mellor tempo, dominando as carreiras de cuartos e semifinais, nos dous días acadou a final. O sábado rematou terceiro e o domingo segundo. Na mesma categoría, Luís Fernández, tamén superou a contra reloxo nos dous días. O sábado chegou as semifinais e o domingo quedou en cuartos. 
Sergio Rodríguez, en categoría home júnior, tamén salvou a contra reloxo nas dúas xornadas. O sábado gañou cuartos e semifinais, e nunha gran final foi quen de entran na meta en segundo lugar, conseguindo a segunda medalla da xornada para os Teixugos. O domingo deu chegado a semifinais, pero unha penalización deixouno fóra de finais. Na mesma categoría, Adrián LLuch non conseguiu superar a contra reloxo en ningunha das dúas competicións. 
Alba Soutelo, en categoría muller júnior, pasou as contra reloxos os dous días, o sábado conseguiu chegar a semifinais, mentres que o domingo quedou en cuartos. Na mesma categoría, Ainhoa Barreiro, o sábado superou a contra reloxo pero non os cuartos de final, o domingo quedou na proba contra reloxo, quedando décimo sétima a un posto de cuartos. 
Non puido ser mellor a estrea para o Deportivo Miño-Teixugos nesta nova modalidade, superando nove de doce contra reloxos e coas medallas de prata e bronce de Manu e a prata de Sergio, os tres únicos podios acadados por galegos. Na clasificación por equipos o Deportivo Miño foi quinto.
Fotos de Norbert Aguilera

















 

domingo, 27 de marzo de 2022

3ª COPA GALEGA E CAMPIONATO GALEGO DE NOVAS PROMESAS: 27/03/2022

 Esta fin de semana nas augas do río Coura, no lugar de Covas, en Vilanova de Cerveira, tivo lugar a 3ª Copa Galega de Slálom e o Campionato Galego de Novas promesas. Dobre competición na que ademais houbo unha demostración amigable de caiac extremo, que será nova modalidade olímpica en Paris.
 Ao campionato de novas promesas, no que participan os deportistas máis novos de cada club, o Deportivo Miño so acudiu con dous piragüistas. En K1 cadete, Adrián Lluch, logrou o terceiro mellor tempo da categoría, conseguindo, por tanto, a medalla de bronce. O seu compañeiro, Rui Malheiro, na mesma categoría rematou noveno. 
Na clasificación final por equipos, ao ter tan baixa participación, o Deportivo Miño-Teixugos, rematou en quinto lugar, o último posto. 

Na 3º Copa de Slálom, a participación foi máis numerosa, cun total de oito deportistas. 
Nas categorías masculinas, en K1 veterano, Emilio Rodríguez foi o gañador da proba. En K1 sénior Brais Castro rematou cuarto, a décimas de segundo do podio. En K1 júnior, Alexis Segadaes, gañou a medalla de prata, na mesma categoría, Adrián Lluch foi sétimo e Rui Malheiro décimo cuarto. En C1 sénior, Luís Fernández gañou a proba, e o seu compañeiro Brais Castro foi terceiro. 
Nas categorías femininas, Laura Alonso rematou terceira en K1 sénior e Ainhoa Barreiro foi segunda en K1 e primeira en C1. 
Tres medallas de ouro para Luís, Emilio e Ainhoa; dúas de prata para Ainhoa e Alexis; e dúas de bronce para Brais e Laura, son un gran balance final para o Deportivo Miño na xornada. Na clasificación por equipos acadaron o segundo lugar cun total de 145 puntos, compartindo podio co Montaña Quixós de Monforte con 149 e o Club Penedo de Tui con 142.


















domingo, 13 de marzo de 2022

2ª COPA DE ESPAÑA, PAU: 12-13/03/2022

Continúa a Liga Española de Slálom, nesta ocasión na canle da localidade francesa de Pau, onde se celebrou a 2ª Copa de España de slálom. Está canle, moi preto de España é habitualmente usada pola federación Española para facer adestramentos e competicións. 
Esta tempada, cada Copa de España consta de dúas competicións separadas, coas súas clasificatorias e finais diferenciadas, a primeira celebrada o sábado e a segunda o domingo. 
Ó evento acudiron máis de 200 piragüistas de toda España, dos cales oito eran representantes do Deportivo Miño-Teixugos, que remataron con catro medallas, tres pratas e un bronce, e foron quen de facer catorce finais de dezaseis posibles.
 En k1 veterano, Emilio Rodríguez, subiu ao podio nas dúas xornadas ao conseguir tanto sábado como domingo a medalla de prata 
En K1 sénior Laura Alonso non foi quen de meterse en finais, rematando décimo sétima o sábado e vixésima o domingo. 
En K1 xuvenil, Ainhoa Barreiro e Alba Soutelo entraron en finais nos dous días, Ainhoa rematou oitava na primeira e novena na segunda final, mentres que Alba o sábado a piques estivo de subir ao podio ao rematar cuarta e o domingo foi oitava. 
Alba Soutelo tamén baixou en canoa ou C1, e ao igual que en caiac, foi quen de meterse nas finais nos dous días, o sábado rematou oitava, e o domingo, nunha impresionante baixada, limpa e libre de penalizacións, subiu ao podio co segundo mellor tempo. 
 En C1 sénior, Brais Castro, tamén superou as clasificatorias, e xa nas finais foi oitavo o sábado e sexto o domingo. 
En K1 sénior, Manuel Ochoa, destacou nas clasificatorias, o sábado foi segundo e o domingo primeiro, e xa nas finais o primeiro día acadou a medalla de bronce e no domingo, aínda que fixo tempo de medalla, as penalizacións por toques deixárono en quinto lugar. 
En K1 xuvenil, Alexis Segadaes non superou as clasificatorias en ningunha das xornadas, rematando décimo sexto e trixésimo sexto. Na mesma categoría Sergio Rodríguez foi finalista nos dous días, rematando quinto o sábado e sexto o domingo. 
Papel moi destacado e destacable do Club Deportivo Miño-Teixugos, e do slálom galego, nesta segunda cita da Liga Española, con varias medallas e moitos deportistas en finais dos cinco clubs galegos. 
Na clasificación final por equipos, os Teixugos, remataron quintos na xornada do sábado e sextos o domingo. 
Fotos xentileza de Norbert Aguilera









domingo, 20 de febrero de 2022

1ª COPA DE ESPAÑA, SEU D´URGELL: 20-21/02/2022

Esta fin de semana deu comezo a Liga Española de Slálom 2022 coa celebración da primeira Copa de España. Aínda que estaba previsto que tivera lugar en Galicia, a falta de auga fixo que a última hora se decidira a súa disputa na canle da localidade ilerdense da Seu D´Urgell. Alí se deron cita preto de douscentos deportistas de toda España, que ao longo de dous días intentaron facer o seu mellor papel. Cada copa consta de dúas competicións independentes, unha sábado e outra o domingo, primeiro dispútanse as clasificatorias e os dez mellores tempos de cada categoría, veterano, sénior e júnior, pasan a finais, onde loitan por un posto no podio. 
 O Club Deportivo Miño-Teixugos, acudiu con nove deportistas, que ao longo dos dous días disputaron as probas cuns resultados impresionantes.


 En K1 Veterano, Emilio Rodríguez subiu ao podio nos dous días, o sábado como terceiro e o domingo como gañador. 
En K1 sénior, Manuel Ochoa, tamén acadou dúas medallas, o sábado unha prata e o domingo bronce. 
En C1 júnior, Alba Soutelo, tamén dobre medalla, o sábado foi segunda e o domingo terceira. Alba tamén baixou en caiac, pero non deu acadado as finais, rematando duodécima e décimo octava. 
En C1 sénior, Luís Fernández, o sábado foi prata a centésimas de segundo do primeiro clasificado, e o domingo, seis segundos de penalización por toques deixárono fóra do podio, a pesares de facer un bo tempo, rematando sexto. 
Sergio Rodríguez, en k1 júnior, o sábado conseguiu facer final, quedando cuarto, a centésimas de segundo de acadar medalla; o domingo quedou fóra de finais por un toque, no décimo primeiro lugar. Na mesma categoría, Alexis Segadaes, rematou trixésimo sexto e décimo noveno. 
 Laura Alonso foi décimo quinta e décimo sexta en k1 sénior. Ainhoa Barreiro, en K1 júnior, foi vixésima o sábado e unha indisposición non lle permitiu competir o domingo. Brais Castro, en C1 sénior, rematou décimo cuarto e décimo sétimo. 
Impresionantes os teixugos nesta Copa de España, na que se mediron co melloriño do panorama nacional e souberon estar a altura, tal e como demostran as sete medallas acadadas, un ouro, tres pratas e tres bronces, e os nove deportistas finalistas. 
 Na clasificación final por equipos o Deportivo Miño-Teixugos quedou sexto nos dous días de competición.





domingo, 23 de enero de 2022

XII TAÇA IBÉRICA, COVAS: 22-23/01/2022

Despois dun ano de parón por mor da COVID-19, as augas do río Coura, na localidade de Covas, en Vilanova de Cerveira, volveron a acoller a xa emblemática Taça Ibérica de Slálom, concretamente a duodécima edición desta competición exemplo de traballo conxunto entre Galicia e Portugal. 
Máis de cen piragüistas se deron cita durante a fin de semana para disputar esta proba puntuable tanto para a Liga Galega como para a portuguesa. O sábado tiveron lugar as clasificatorias e o domingo semifinais e finais. O Club Deportivo Miño acudiu cun total de once deportistas, que desfrutaron nas augas do Coura acadando un total de seis medallas.
 En categoría feminina, Laura Alonso, en K1 sénior; Ainhoa Barreiro, en K1 Júnior; e Alba Soutelo en C1 Júnior resultaron gañadoras nas súas respectivas probas. Alba e Ainhoa participaron por dobre partida, e ademais do ouro, Alba foi cuarta en K1 e Ainhoa bronce en C1. 
 En categoría masculina, Brais Castro, en C1 Sénior, fixo o segundo mellor tempo das finais, obtendo unha medalla de prata. Alexis Esperança, en K1 Júnior, alzouse co ouro, ao facer o mellor tempo na final. Na mesma categoría, Sergio Rodríguez, que tamén aspiraba ao podio, rematou cuarto ao cometer un pequeno fallo na súa baixada e Mateo Álvarez quinto. En K1 sénior, Emilio Rodríguez acabou vixésimo. En K1 cadete Adrián Lluch foi quinto, Antón Fernández décimo e Rui Malheiro décimo cuarto. Catro ouros, unha prata e un bronce foron o balance final de medallas para o club.
 Na clasificación final por equipos, o Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador da proba, cun total de 214 puntos, compartindo podio co Tea de Mondariz con 168 e o Montaña Quixós de Monforte con 140. 
Para ver máis fotos preme na imaxe.


domingo, 2 de enero de 2022

1ª COPA GALEGA, MONDARIZ: 02/01/2022

     Este domingo, apenas estreado o novo ano, celebrouse en augas do río Tea, ao seu paso por Mondariz Balneario, a primeira das competicións da Liga Galega de Slálom. Nun día solleiro e cun circuíto longo e complicado, o club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con dez deportistas. 
Luís Fernández en C1 sénior, fixo a mellor baixada da categoría tanto en clasificatorias como en finais, e cun tempo de 102,36 segundos fíxose coa medalla de ouro. 
Manuel Ochoa en K1 sénior rematou a copa en segundo lugar cun tempo de 96, 64 segundos.
 Brais Castro tivo dobre participación na categoría sénior, en K1 rematou undécimo e en C1 quinto.
 Laura Alonso tamén dobrou participación en categoría sénior, a deportista do club deportivo Miño, foi a única representante da categoría, subindo ao podio en solitario, o que pon de manifesto a necesidade de campañas de promoción e fomento do deporte feminino: “Eu son a resistencia” comentou Laura con bo humor. 
Emilio Rodríguez en K1 veterano tamén fixo a mellor baixada da categoría, acadando outro ouro para o club. 
Ainhoa Barreiro, en categoría júnior, fíxose co ouro tanto en caiac como en canoa. 
En K1 júnior, Sergio Rodríguez, foi o gañador da proba, compartindo podio con Alexis Segadaes que rematou segundo, ouro e prata para os dous “teixugos”. Na mesma categoría Mateo Rivas foi cuarto e Adrián Lluch sétimo. 
 Inmellorable balance para o Club Deportivo Miño-Teixugos con sete ouros e dúas pratas. 
Na clasificación final por equipos remataron en primeiro lugar cun total de 192 puntos, por diante dos anfitrións e organizadores, o Club Tea de Mondariz con 180 e do Piragüismo Penedo con 116. 
Nesta mesma xornada tamén se celebrou a Primeira Copa Galega de Promoción que non contou con participación do club. 
Podedes ver  fotos de tódolos podios e participantes premendo na foto.